UN TOTAL DE 65.883 PACIENTES BENEFICIÁRONSE DO DECRETO DE TEMPOS MÁXIMOS DE ESPERA AO ANO E MEDIO DA SÚA ENTRADA EN VIGOR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
28 07 2019

 

Un total de 65.883 persoas beneficiáronse do decreto de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias, dende a súa entrada en vigor o 10 de xaneiro de 2018 ata o 30 de xuño deste ano. Con esta normativa o Sergas está a garantir 108 tipos de patoloxías, 26 probas diagnósticas e/ou terapéuticas e 7 vías rápidas. Todos os pacientes foron atendidos en centros públicos dependentes do Servizo Galego de Saúde.
 
No marco do decreto de tempos máximos, o departamento sanitario galego realizou un total de 16.548 intervencións cirúrxicas. É dicir, o 25,11% do total de pacientes que se beneficiaron da entrada en vigor desta normativa tiveron garantido un tempo máximo de atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente de 60 días para intervencións cirúrxicas, tal e como fixa a norma. E, neste caso, non chega a un 1% (0,70%) a porcentaxe de pacientes que foron derivados dun centro do Sergas a outr
o centro da rede asistencial pública, tras ofertarlles esta posibilidade.
O texto normativo tamén fixa un máximo de 45 días para as primeiras consultas externas e 45 días para as primeiras probas diagnósticas ou terapéuticas en atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente. Así, neste ano e medio beneficiáronse 24.829 pacientes en consultas (o que representa o 37,69% sobre o total de pacientes beneficiados co dereito de garantías de tempos máximos)  e 24.506 en probas, (o que supón o 37,20% sobre o total dos beneficiados).
 
Nos seis primeiros meses da entrada en vigor do decreto (do 10 de xaneiro de 2018 a 30 de xuño do mesmo ano), o número de pacientes beneficiados foi de 21.792. No primeiro semestre de 2019 a cifra de beneficiados incrementouse nun 2,4%, é dicir 541 pacientes máis, sumando un total de 22.333. As probas diagnósticas son as que reflectiron un maior incremento, 717 persoas máis, pasando de 7.856 pacientes beneficiados no primeiro semestre de 2018 a 8.573 nos primeiros seis meses de 2019, o que supón un incremento do 9,1%. En consultas o incremento foi de preto do 1%, sumando un total de 8.453 pacientes beneficiados nos seis primeiros meses deste ano (75 máis que para o mesmo período do ano anterior).
 
Cómpre subliñar que o decreto está dirixido ás enfermidades oncolóxicas malignas que cada vez teñen maior prevalencia e gran relevancia social en termos de saúde. E a outros 10 diagnósticos máis que, aínda que contan cunha incidencia e prevalencia baixas, teñen unha importante carga de morti-mobilidade asociada e as consecuencias clínicas, un forte compoñente invalidante. Trátase, entre outros, de  trastornos da válvula aórtica (estenose aórtica severa, insuficiencia aórtica severa), trastornos da válvula mitral (estenose mitral severa, insuficiencia mitral severa), aneurismas cerebrais, obstrución arterial aorto-ilíaca, desprendemento de retina ou hidrocefalia, entre outros.
 
Compromiso cos doentes e maior autonomía
O decreto de garantía de tempos máximos reflicte o compromiso do Sergas cos pacientes, xa que se pasou dunha xestión global de tempos de espera por prioridades, para todas as doenzas, a un compromiso individual por patoloxías.
 
A selección destes procedementos realizouse tendo en conta a gravidade das patoloxías, a efectividade e a oportunidade da atención sanitaria e os protocolos de priorización contrastados coas sociedades científicas.
 
A través do decreto de tempos máximos de espera non só se ampliaron os dereitos dos cidadáns, senón tamén a súa autonomía, ao ofrecerlles información precisa para que poidan tomar as decisións correspondentes ao seu proceso de enfermidade.
 
O texto normativo selecciona patoloxías oncolóxicas malignas, valvulopatías, patoloxías vasculares arteriais, patoloxías cerebrais benignas e patoloxías oftalmolóxicas ata completar máis de 100 tipos de patoloxías importantes non urxentes. As medidas aplícanse non só para os novos procesos de enfermidades, senón que teñen un efecto retroactivo, polo que tamén se benefician as persoas que, dentro das casuísticas que recolle a norma, estaban xa nas listas de espera do Sergas.
 
Libre elección e segunda opinión médica
Co decreto de tempos máximos, a Consellería culminou o pasado ano o compromiso de desenvolver normativamente a Lei 12/2013, do 9 de setembro, de garantías de prestacións sanitarias, que supuxo un importante avance no recoñecemento de dereitos dos cidadáns.
 
Neste senso, ademais do dereito a que a atención sanitaria no ámbito hospitalario do sistema público de saúde de Galicia sexa dispensada cunhas demoras nos tempos de resposta, dende 2015, os usuarios do Sergas teñen a posibilidade de elixir libremente o seu profesional de medicina de familia, pediatría ou profesional de enfermería, hospital ou complexo hospitalario. Dende a entrada en vigor do decreto que regula este dereito, e ata decembro de 2018 un total de 398.917 persoas beneficiáronse do mesmo.
 
Tamén dende o 2015, os pacientes poden acollerse ao dereito da garantía a unha segunda opinión médica en relación cun primeiro diagnóstico ou proposta terapéutica emitido por un profesional médico do Sergas. Dende a entrada da normativa (maio de 2015), e ata decembro de 2018, un total de 1.424 persoas exerceron o dereito á segunda opinión médica e se lles estimou.

 

Finalmente, no que atinxe ao dereito á manifestación das instrucións previas, dende a entrada en vigor da normativa (xaneiro de 2015) e ata finais do pasado ano, 8.315 persoas acolléronse a esta garantía.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss