PROFESIONAIS DA XERENCIA INTEGRADA DE FERROL REALIZARON UN TOTAL DE 8.908 CIRURXÍAS SÓ NO PRIMEIRO SEMESTRE DO PRESENTE ANO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
24 08 2019

Os e as profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol realizaron un total de 8.908 intervencións cirúrxicas nos centros sanitarios da área, durante o primeiro semestre do presente ano 2019. Un total de 4.875 realizáronse no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e delas, só o 38% (1.860) precisaron un ingreso hospitalario. O resto foron de carácter ambulatorio, sen que o paciente tivera que ingresar nos andares de hospitalización do Complexo para a súa intervención.
A estas cifras, engádense as 4.033 intervencións de cirurxía menor ambulatoria (cma) que realizan os profesionais dos centros de saúde, no sistema máis achegado ó paciente. Se temos en conta a totalidade das intervencións cirúrxicas realizadas na área, tanto no Complexo Universitario como nos centros de saúde, só o 20% das cirurxías require ingreso na actualidade.

As cifras da modalidade ambulatoria ou sen ingreso hospitalario aglutinan tanto o que se coñece como Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA), como a cirurxía menor ambulatoria (cma). A Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA) é máis complexa, e, en moitas ocasións, require a presenza dun anestesista, aínda sen ser necesario ingreso. Por outra banda, a cirurxía menor ambulatoria (cma) é a que desenvolven tamén os e as profesionais nos centros de saúde da Xerencia ferrolá, e que na súa maioría requiren anestesias locais.

Do total de 4.875 intervencións realizadas no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, 767 tiveron que se realizar con carácter urxente, mentres que o resto foron intervencións programadas, 4.108. Tendo en conta se houbo que ingresar ou non, do total de cirurxías 4.875, 3.015 producíronse sen que fose necesario ingresar; e, nun total de 1.860 (só o 38%) foi necesario o ingreso hospitalario.
No caso dos centros de saúde, realizaron durante o primeiro semestre, un total de 4.033 intervencións de cirurxía menor ambulatoria (cma), sen ingreso e no propio centro de saúde, o sistema máis achegado ó paciente. Estas intervencións foron realizados tanto polos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria e de Pediatría como pola Enfermaría, a os profesionais de Odontoloxía. Cada vez é maior o interese destes profesionais pola abordaxe da cirurxía menor. De feito, na Xerencia ferrolá téñense producido actividades de formación nas que, a iniciativa dos cirurxiáns e destes profesionais, prodúcese un achegamento conxunto para a abordaxe de cirurxía menor.

Cirurxía menor ambulatoria (cma) nos centros de saúde

Primeiro semestre 2019
Facultativos
Medicina Familiar e Pediatría
1.264
Enfermaría
135
Odontoloxía
2.634
TOTAL

4.033

Cirurxías ambulatorias, comodidade para o paciente
En termos xerais, lembrar que o emprego da cirurxía ambulatoria, cirurxía sen ingreso, en detrimento da cirurxía con hospitalización, implica unha maior comodidade e accesibilidade do paciente ó ámbito sanitario. Ofréceselle unha opción máis favorable, posto que non ten que ingresar, e pode ir para a súa casa trala intervención. Os e as profesionais da Xerencia ferrolá valoran distintos aspectos da patoloxía e do paciente, e optan -en base a criterios, protocolos e catálogos de procedementos establecidos- pola inclusión do mesmo no ámbito da cirurxía menor ou da Cirurxía Maior. Na decisión inflúen o diagnóstico, a complexidade do procedemento, o perfil do paciente -idade, patoloxías asociadas, medicación, ou contexto social, entre outros-, e, tamén, as esixencias do coidado postoperatorio. A cirurxía menor soe requirir unha anestesia local, mentres que a Maior pode precisar anestesia local, rexional, xeral ou sedación.
O pulo a esta cirurxía implica que procedementos que antes requirían ingreso no centro hospitalario, se poidan facer de xeito ambulatorio. A modo de exemplo, algúns dos procesos de cirurxía ambulatoria máis frecuentes no centro hospitalario son: distintos procedementos oculares, como a cirurxía de cataratas; extirpacións e biopsias, como a extirpación de tumores cutáneos malignos; a operación das hernias inguinais ou femorais; ou a cirurxía da síndrome do túnel carpiano, entre outras moitas, nas que antes ingresaba o paciente para a súa abordaxe.
O Hospital Naval do Complexo conta cunha área de Cirurxía Maior Ambulatoria na que se aglutina esta actividade, e libera espazos no Hospital Arquitecto Marcide para intervencións de maior complexidade. No terceiro andar do Hospital Naval, esta Unidade de CMA está formada por un Bloque Cirúrxico composto por catro quirófanos e unha área de Espertar e adaptación ó medio, dotada con dez camas e dez cadeiras de brazos.
O feito de que Ferrol non contara ata o ano 2008 con Espertar e Observación limitaba o poder incrementar o número destas cirurxías ambulatorias. De xeito paralelo, liberar desta actividade ós quirófanos do Hospital Arquitecto Marcide permitiu que se destinaran a un maior volume doutras cirurxías non ambulatorias, o que redunda en maior beneficio para a cidadanía de Ferrol.

SAÚDOS,
COMUNICACIÓN DA XERENCIA INTEGRADA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss