SANIDADE ESTÁ A IMPLANTAR DISTINTAS MEDIDAS PARA DAR RESPOSTA AO ENVELLECEMENTO POBOACIONAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
31 08 2019

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, remarcou hoxe, no Pazo de Fonseca, no marco do Congreso Internacional de Psicoxeriatría, celebrado por primeira vez en España, que o seu departamento leva tempo traballando en distintas medidas de adaptación á realidade do envellecemento poboacional, ao estar Galicia entres as comunidades máis lonxevas do mundo.

En primeiro lugar, Almuiña sinalou que o envellecemento, a cronicidade ou a complexidade dos pacientes, “fai necesaria unha organización sanitaria nova e máis adecuada ao perfil dos doentes crónicos, sendo fundamental a colaboración entre os recursos de atención primaria e hospitalaria”. Tamén incidiu na importancia de realizar unha actuación integral coordinada cos recursos sociais do ámbito onde viva a persoa, “posto que así se ofrecerá unha atención de maior calidade, que dará resposta ás necesidades dos pacientes”.
  
Entre as medidas implantadas por Sanidade, o conselleiro destacou a consulta telefónica, que proporciona a vantaxe de facilitar a accesibilidade, evitando citas presenciais “e sendo un dos servizos mellor valorados polos pacientes”.
 
Outra das iniciativas referidas por Almuiña incorporada na atención ao envellecemento, cronicidade e dispersión xeográfica é o programa Conecta 72, que posibilita o seguimento telefónico dos pacientes por parte do persoal de enfermería, unha vez dados de alta no hospital, “e que representa un dos mellores exemplos de continuidade asistencial”.
 
Conta tamén o Sergas, -remarcou o conselleiro-, coa plataforma de teleasistencia domiciliaria TELEA, que permite realizar o seguimento teleasistido de pacientes crónicos, “adiantándose a posibles agravamentos da enfermidade”. Na actualidade, xa son preto de 2.000 os pacientes a seguimento a través desta modalidade de atención, con patoloxías como a insuficiencia cardíaca, a hipertensión arterial, a Epoc, ou a diabetes. “Telea vai ser implantado na totalidade dos servizos de atención primaria e dos hospitais do Sergas”.
 
Dispositivos de referencia en todas as áreas sanitarias
Almuiña incidiu en que, dadas as características e necesidades da poboación galega, Sanidade e o Sergas traballan, dende hai máis de 10 anos, por medio de dispositivos específicos para a atención comunitaria da saúde mental no ancián, dotados de equipos multidisciplinares. Continuaremos a traballar con este modelo, -dixo o conselleiro-, “que, grazas ao esforzo dos profesionais das unidades de psicoxeriatría, permitiu a realización, no pasado ano, de máis de 7.600 consultas ambulatorias, beneficiando a 5.700 pacientes”.
 
No Plan de Saúde Mental 2020-2024, “seguiremos traballando para completar o mapa autonómico con dispositivos de referencia para todas as áreas sanitarias”, xunto con outros proxectos neste ámbito, co obxectivo de elaborar e implantar programas de enlace cos servizos de neuroloxía, xeriatría e medicina interna; así como garantir a asistencia nos centros sociosanitarios. Ademais, desenvolveranse programas de apoio domiciliario a persoas maiores, e levaranse a cabo programas de formación en neuropsicoloxía, dirixidos aos profesionais vinculados ao programa de psicoxeriatría.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss