COMEZA A OBRA DO EDIFICIO DE MARINERÍA DO HOSPITAL NAVAL DO CHUF, UNHA DAS ACTUACIÓNS PREVIAS DO PLAN DIRECTOR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
31 08 2019
 As obras necesarias para acondicionar o edificio de Marinería do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol xa están en marcha. Os espazos da obra están valados dende onte e comezarase a traballar esta vindeira semana de xeito efectivo. A adxudicación do contrato formalizábase hai uns días por un importe de 376.690,80 euros, e o prazo estimado é de 3,5 meses. Esta actuación forma parte da Fase 0 xa en marcha, previa e necesaria para activar a Fase 1 do Plan Director do Complexo, que inclúa a construción de dous novos edificios, un asistencial e outro de apoio.
 
Para poder acometer esta Fase 1, resulta necesario este acondicionamento do edificio antigamente destinado a Marinería no Hospital Naval, o que permitirá trasladar ó mesmo servizos actualmente emprazados nas zonas afectadas polas futuras novas edificacións. Así, unha vez rematada a obra de Marinería, trasladaranse ó mesmo departamentos como mantemento e taller de carpintería, servizo de informática, unidade de formación continuada, unidade de almacén e aprovisionamentos, servizos xerais, e diversos almacéns, entre outros.
 
Fase 0 previa necesaria
Independentemente da Fase 1, o Servizo Galego de Saúde leva traballando meses en preparar o máximo os pasos previos necesarios para que se poida acometer esa Fase. Estes pasos denomináronse Fase 0 e abranguen como feitos destacados, a construción do novo Laboratorio de Anatomía Patolóxica do Hospital Naval, xa en marcha, o que permitiu liberar espazos do Marcide e mellorar considerablemente esta prestación. As novas instalacións case triplican o espazo do anterior, e aumenta a capacidade de procesado e redúcense os tempos de resultado.
 
Xunto con isto, trasladáronse os novos vestiarios dende o andar baixo á segunda do mesmo Hospital Naval, para deixar os espazos dispoñibles para acometer as obras para a Lavandería definitiva e a Cociña Provisional. Xa están traballando nos espazos onde irá esa nova Cociña Provisional do Hospital Naval, que permitirá sacar a Cociña actual do Marcide para acometer o Plan. A Cociña definitiva do Complexo volvería novamente para o edificio do Hospital Arquitecto Marcide. Tamén no Naval, xa se está a traballar na Lavandaría definitiva do Complexo Hospitalario Universitario que si se quedará neste hospital do Complexo de xeito definitivo. Lembrar que esta Lavandería abastece a toda a área sanitaria ferrolá, non só ó Complexo.
 
Fase 1, só pendente de trámites
A Xunta de Galicia inviste 56 millóns de euros só na Fase 1 do Plan Director do novo Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que está xa no período dos últimos trámites  necesarios trala adxudicación. A través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), licitábase o pasado decembro o contrato para a execución desta Fase I da ampliación do Complexo, cun orzamento de 56.802.804,05 euros, e que se adxudicaba no pasado mes de maio. A oferta mellor valorada non temeraria foi a da UTE Acciona-San José- Prace, cun importe de 49.344.595,88€ (baixa do 13,13%). Na fase 1, deuse prioridade para a súa execución á hospitalización e camas, urxencias, cardioloxía, neurociencias, nefroloxía e diálise, pediatría Unidades de Coidados Intensivos (UCI) de pediatría e adultos, Radioloxía, Farmacia e Cociña.
 
No total do Plan, investiranse 130 millóns de euros, e integra os tres hospitais públicos, Arquitecto Marcide, Naval e Novoa Santos, e potencia a súa especialización e capacidade de resolución, de xeito que o Arquitecto Marcide terá un perfil Médico-Cirúrxico, cunha Área de Críticos (UCI), Materno-Infantil e Urxencias. Pola súa banda, o Hospital Naval integra a Cirurxía sen ingreso (CMA), a atención á Cronicidade, a Psiquiatría e a Rehabilitación; e o Hospital Novoa Santos dedicarase á Docencia e á Investigación.
 
O Plan implica un incremento do 27% na superficie total, porase a disposición dos traballadores máis de 109.000 metros cadrados; aumentará o espazo destinado ás Urxencias; as camas incrementaranse nun 25%; os quirófanos, nun 33%; e as consultas externas, nun 27%. O Plan Director amplía a carteira de servizos e evita con iso o desprazamento dos pacientes a outras áreas sanitarias. Permite mellorar a atención integral, a prevención, a asistencia e rehabilitación, coa incorporación de servizos  como Cirurxía Vascular, a Rehabilitación Cardíaca e Pulmonar; e a Radioloxía vascular Intervencionista.
Actuacións en tres fases
 
De xeito global, o Plan Director estrutúrase en tres fases. As áreas funcionais asistenciais prioritarias definidas no Plan Director, e ás que por tanto se deu prioridade para a súa execución, inclúense nesta Fase I, que implica a construción de dous novos edificios, un asistencial e outro de apoio. Esta fase contempla actuacións de mellora fundamentalmente en varios servizos hospitalarios: Plantas de Hospitalización, Urxencias, UCI pediátrica e de adultos, Neurociencias, Cardioloxía, Diálise, Radioloxía, Farmacia e Cociña.
A remodelación da ala sur do Hospital Arquitecto Marcide será o eixe central da Fase 2. Abranguerá, entre outras cuestións, a renovación das plantas de Hospitalización; do Bloque cirúrxico dos hospitais Arquitecto Marcide e Naval, a Reanimación; a Esterilización, os Servizos de apoio; o Hospital de Día Oncohematolóxico; e o novo laboratorio de Microbioloxía. A Fase 3 permitirá remodelar o centro de especialidades, mellorando os espazos destinados á atención aos pacientes: Consultas, Gabinetes de Exploración; Atención ao paciente; e Traballo social. Tamén incluirá, unha vez rematadas todas as obras anteriores, a reorganización do Hospital Naval.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss