O SERGAS E A USC COLABORAN NA REALIZACIÓN DUN ESTUDO SOBRE A EPIDEMIOLOXÍA DO SUICIDIO EN GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
03 09 2019
O Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) asinaron hoxe un convenio para a realización dun estudo sobre a epidemioloxía do suicido en Galicia. Para a realización deste estudo, o Sergas vai investir 21.500 euros entre os anos 2019-2020. O convenio foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o reitor da USC, Antonio López Díaz.
 
Esta actuación permitirá contar cunha información axeitada sobre a prevalencia do suicidio e a conduta suicida. Deste xeito, o Sergas poderá desenvolver programas preventivos e asistenciais dirixidos tanto á promoción da saúde mental como á detección e intervención precoz. O obxectivo é reducir as taxas de suicidio e establecer medidas para diminuir o sufrimento das persoas que presentan un intento de suicidio e das súas familias.
 
Sinalar, ademais, que o vindeiro día 10 é o día mundial para a prevención do suicidio, no que se fomentan en todo o mundo compromisos e medidas prácticas para previlos suicidios.
 
Plan de prevención do suicidio en Galicia
O Sergas considera o suicidio como un problema de saúde pública prioritario, tal e como recoñece nas Estratexias Sergas 2014 e 2020 e no Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, entre outras iniciativas.
 
No caso concreto do Plan de Prevención do Suicidio en Galicia cómpre destacar que os primeiros datos logo da súa posta en marcha, en setembro de 2017, reflicten que en 2018 o número de falecementos por suicidio é o máis baixo dende que existe o rexistro do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga),  no ano 2005.
 
Entre as accións levadas a cabo no marco do Plan destaca a actualización dos protocolos de prevención do suicidio no ámbito hospitalario. Tamén se puxo en marcha o protocolo de prevención do suicidio no ámbito escolar e a formación de bombeiros e persoal de intervención de primeira liña, mediante a Academia galega de emerxencias, e de profesionais sanitarios, a través da Axencia de coñecemento en saúde. Así mesmo está previsto o establecemento de comités multidisciplinares de prevención do suicidio en todas as xerencias de xestión integrada, ademais doutras medidas.
 
Segundo datos do Imelga, no 2018 faleceron en Galicia 288 persoas, o que supón un descenso do 11,11% respecto a 2017 e de 100 falecementos menos respecto a 2014.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss