ALMUIÑA AFIRMA QUE O SERGAS TRABALLA POLA MELLORA DO EMPREGO COA APLICACIÓN DE DIVERSAS MEDIDAS DE ESTABILIZACIÓN DO PERSOAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
11 09 2019
​O Sergas segue co compromiso de ir acadando maiores cotas de estabilidade no emprego, coa adopción de medidas tendentes a xerar un marco máis estable para os seus profesionais, a través de ofertas públicas de emprego, propiciando a redución da súa temporalidade coa finalidade de acadar o obxectivo marcado no Plan de estabilidade de chegar ao 5% de eventualidade (tres puntos por debaixo do acordado a nivel estatal). Así o explicou hoxe en sede parlamentaria o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.
 
Entre as medidas polas en marcha, ademais do Plan de estabilidade, negociado coas organizacións sindicais e aprobado en abril de 2017, o Sergas aprobou en xaneiro pasado as bases para a formalización de nomeamentos estatutarios eventuais de continuidade nas categorías de médico de familia e pediatra de atención primaria. Este nomeamento estendeuse á categoría de enfermería en xullo. Esta nova modalidade contractual permitirá reducir o número de chamamentos sucesivos e garantirá a estabilidade do profesional que se acolla ao mesmo durante un período de 3 anos.
 
Nesta aposta e compromiso pola mellora do emprego e a estabilidade dos profesionais, o Sergas tamén acordou este mesmo ano a dotación de 308 novas prazas no ámbito de atención primaria para o período 2019-2021, cunha dotación inmediata para este ano de 45 prazas nas categoría de médico de familia de atención primaria, persoal de enfermería e fisioterapeuta. Tamén co Plan HADO crearanse 45 novas prazas no período 2019-2021.
 
Galicia, que ten solicitado ao Goberno central a eliminación da taxa de reposición, é a única comunidade autónoma que mantivo as convocatorias anuais de ofertas públicas de emprego dende o ano 2012, esgotando dita taxa máxima de reposición, e ampliándoa ata chegar ao 108% por ter cumprido co superávit. Isto permitirá, logo dos correspondentes procesos selectivos, e segundo explicou Almuiña, a incorporación de preto de 6.000 profesionais, con vínculo de fixeza, ás institución sanitarias no período 2012-2019.
 
En particular, no que atinxe á categoría de enfermería, o conselleiro subliñou que estase a tramitar un proceso selectivo, próximo a finalizar, que permitirá a incorporación de 830 novos profesionais desta categoría con vínculo fixo ao Sergas, dos que 775 accederán pola quenda de acceso libre. Ademais, no período 2013-2019 ofertáronse nas OPEs 1.337 prazas de enfermería. E o Sergas segue a potenciaro papel da enfermería en todos os plans (Plan de Atención Primaria, Plan HADO...).
 
Cómpre subliñar que actualmente, o Sergas conta no seu cadro de persoal con 700 profesionais de enfermería máis que no 2008. O obxectivo do departamento sanitario galego, segundo explicou Almuiña, é continuar coa implantación de enfermeiras especialistas no sistema sanitario galego (categoría na que Galicia é pioneira) e traballando en medidas de conciliación familiar e laboral.
 
Medidas de conciliación
De cara a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral dos profesional, o Sergas foi un dos primeiros servizos de saúde en implantar o concurso de traslado aberto e permanente, que permite aos profesionais optar a novos destinos cunha periodicidade mínima anual.
 
O departamento sanitario tamén oferta aos profesionais a posibilidade optar a cambios de área na prestación de servizos ou a reserva de vínculos de longa duración aos aspirantes inscritos nas listas de selección temporal. E, nos procesos selectivos, fixouse o establecemento de puntuacións específicas adicionais para aqueles aspirantes que tivesen desfrutado de reducións de xornada ou excedencia por coidado de fillos ou familiares. No ámbito da selección temporal, establécese a posibilidade de suspensión de chamamentos, voluntaria e sen penalización, por motivos de conciliación ou mesmo sen xustificación algunha ata un máximo de 30 días naturais.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss