UN NOVO PREMIO PARA A ENFERMARÍA FERROLÁ, NESTE CASO NO CONGRESO DA SOCIEDADE GALEGA DE FERIDAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
19 09 2019

A Enfermaría Familiar e Comunitaria da Xerencia Integrada de Ferrol volve ser destacada en foros especializados. Nesta ocasión, as enfermeiras residentes Patricia Torres Álvarez e Jéssica Seco Franco, e a súa titora Elena Quintela Varela, foron galardoadas co segundo premio á mellor comunicación oral polo traballo Utilización da osixenoterapia hiperbárica na curación das feridas. Revisión bibliográfica narrativa. Foi no IV Congreso da Sociedade Galega de Feridas, que se celebraba en Vigo esta fin de semana. Lembrar que Patricia Torres acadaba un premio nacional, en abril deste mesmo ano, por un traballo sobre a administración dos fármacos máis habituais en emerxencias no centro de saúde.
 

Estas profesionais de Enfermaría dos centros de saúde de Narón e Caranza revisaron un total de 1.223 artigos relacionados con esta modalidade terapéutica, dos que seleccionaron 45 que cumprían os criterio de inclusión. E, unha vez realizada a lectura detallada dos mesmos, incluíron 14 artigos que contiñan información de relevancia para o obxecto do estudo que era coñecer o emprego da osixenoterapia hiperbárica no tratamento das feridas.
 

Como elas mesmas indican, “non hai moita bibliografía nacional, case toda é do ámbito anglosaxón, e a nós pareceunos interesante esa cuestión cando rotamos na nosa formación pola cámara hiperbárica ferrolá”.
 

Terapia segura para favorecer a curación
As autoras do traballo premiado partían da base de que “as feridas crónicas con dificultades de curación son un problema realmente significativo no mundo industrializado. O proceso de cicatrización é complexo e implica a múltiple mediadores, entre eles o osíxeno”. A osixenoterapia hiperbárica é unha modalidade de tratamento no que a persoa respira osíxeno a unha concentración do 100% mentres está exposto a un incremento da presión atmosférica. Esta terapia constitúe un elemento para manter “unha osixenación óptima a nivel tanto micro como macrocirculatorio”, expoñen. Recoméndase no tratamento de úlceras de pé diabético, úlceras isquémicas, e feridas seleccionadas con mala curación que non responden ó tratamento habitual.
 

Trala revisión bibliográfica narrativa mencionada, estas profesionais concluíron que “a osixenoterapia hiperbárica consolídase como unha terapia segura e fiable que pode ser beneficiosa á hora de reducir o tamaño da lesión e favorecer a curación da mesma, tanto en feridas agudas como crónicas”. Posúe acción antiinflamatoria e reduce o compoñente edematoso presenta en moitas lesións.
 

Lembrar que a área sanitaria ferrolá conta cunha Cámara Hiperbárica para aplicación desta terapia que é referencia para o noroeste peninsular.
 
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss