O SERGAS PUBLICA A RELACIÓN PROVISIONAL DE ADMITIDOS E EXCLUÍDOS NO CONCURSO OPOSICIÓN PARA O INGRESO EN DIVERSAS CATEGORÍAS DE PERSOAL ESTATUTARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
26 09 2019

​O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, os anuncios polos que se dá publicidade á relación provisional de persoas admitidas e as excluídas, así como as persoas exentas e non exentas do exercicio da lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de persoal de enfermería especialista en enfermería do traballo, enfermeiro especialista en enfermaría familiar e comunitaria, enfermeiro especialista en enfermaría pediátrica, enfermeiro especialista en obstetricia-xinecoloxía, enfermeira especialista en saúde mental, fisioterapeuta, médico de familia de atención primaria, odontólogo de atención primaria, pediatra de atención primaria, persoal de servizos xerais e técnico en coidados auxiliares de enfermería do Servizo Galego de Saúde. 

En total recibíronse 20.963 solicitudes de inscrición para cubrir as 1.492 prazas convocadas destas categorías. As categorías con maior número de prazas ofertadas son as de persoal técnico en coidados auxiliares de enfermería, con 772 prazas, e a de médico de famiia, con 254 prazas.
 
Cómpre subliñar que na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería convócanse 37 prazas pola quenda de discapacidade intelectual. Este é o segundo proceso convocado por esta quenda restrinxida de acceso logo do realizado no ano 2018 na categoría de celador con 30 prazas.
 
Resultaron admitidos, con carácter provisional, un total de 19.122 aspirantes e foron excluídos o 6,11% dos profesionais inscritos. Ademais, cómpre destacar que o 5% das inscricións para este proceso formalizáronse por persoas residentes en concellos de fóra da nosa Comunidade Autónoma, o 35,23 % das persoas admitidas teñen entre 30 e 40 anos e o 79% son mulleres.
 
Exercen o seu dereito á promoción interna, solicitando participar por esta quenda de acceso, un total de 661 aspirantes, todos eles profesionais do Servizo Galego de Saúde, con vinculación fixa que están a desenvolver as súas funcións noutra categoría profesional do mesmo ou inferior nivel de titulación.
 
As listas coa relación provisional de persoas admitidas e excluídas e os aspirantes exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, atópanse publicadas, ao dispor dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.
 
Os aspirantes excluídos, non exentos do exercicio de lingua galega ou que non aparezan na lista de admitidos ou excluídos, dispoñen de 10 días hábiles (o prazo remata o 10 de outubro) contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para presentar reclamación dirixida á mesma Unidade de Validación á que dirixiron a instancia de participación, a través da cal poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión ou a declaración de non exención do exercicio de galego.
 
Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que as persoas aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss