UROLOXÍA DO CHUF INCORPORA O PROTOCOLO DE RECUPERACIÓN INTENSIFICADA, FAST TRACK, TRALA EXTIRPACIÓN DE VEXIGA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
26 09 2019
O Servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol aplica o Protocolo Fast Track, ou de recuperación intensificada, a pacientes sometidos a unha extracción de vexiga (cistectomía), dende xaneiro deste ano 2019. Este protocolo é multimodal porque implica a varios profesionais e especialidades, e “ten como principal obxectivo mellorar o benestar do paciente”. Así o explicou esta mañá a especialista en Uroloxía do Complexo Universitario, Carla Abeijón Piñeiro, nunha sesión clínica xeral, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide, e que daba conta desta nova forma de traballar na que se toman medidas en torno ó paciente nos tres momentos clave: o preoperatorio, o intraoperatorio, e o postoperatorio.
 
A extracción de vexiga (cistectomía) realízase por diversas cuestións, entre elas e fundamentalmente por mor dun cancro infiltrante (que son aproximadamente o 20% do total de cancros deste órgano). A maior parte destes cancros opéranse de xeito transuretral,  porque a afectación é nunha capa superficial e é posible unha resección interna desa capa da vexiga. No caso de que sexa necesario optar por unha extracción ou cistectomía da vexiga polo seu carácter infiltrante (de afectación de varias capas), esta intervención cirúrxica é complexa, cun postoperatorio longo, e con posibles complicacións tanto pola afectación do paciente como pola propia cirurxía.
 
Unha vez extraída a vexiga, restablécese o sistema urinario por tres vías, de menor a maior complexidade: a unión dos uréteres ó pel, o emprego dun pequeno segmento de intestino para abrir unha vía (ileostomía), ou ben a realización dunha nova vexiga con tecido do intestino. Esta última vía só é posible con algúns dos pacientes. Con este novo protocolo, o que se pretende é “buscar unha situación de mellora nestes postoperatorios complexos”. No que vai de ano, realizáronse un total de 14 intervencións con este Protocolo Fast Track.
 
Máxima optimización do paciente
Tal e como explica a especialista, Carla Abeijón, trátase de “optimizar ó máximo ó paciente para que teña o menor número de complicacións”, e implica “coordinación para obter mellores resultados”. Este protocolo tradúcese na realidade asistencial en aplicar medidas nos tres momentos básicos, o preoperatorio, o intraoperatorio e o postoperario. Así, por exemplo, faise, entre outras cuestións, un seguimento previo do paciente en aspectos fundamentais como o abandono do tabaco e o alcohol; establécese unha hora diaria de exercicio; facilítase un incentivador respiratorio; e páutase unha dieta baixa en residuos para preparar o intestino. Dáselle esta información de xeito persoal e facilítase tamén por escrito para que leve consigo esas pautas necesarias e que “sabemos que van influír na súa recuperación posterior”.
 
Continuando coa exemplificación, no ámbito intraoperatorio, o persoal de anestesia opta por unhas preparacións específicas que minimicen os riscos dunha posible posterior paralización do intestino durante o postoperatorio, e os urólogos empregan cirurxías minimamente invasivas. No caso do postoperatorio, búscase unha mobilización activa e precoz do paciente, para evitar tamén a mencionada paralización do intestino, unha das complicacións máis frecuentes. Iníciase tamén a tolerancia alimentaria máis cedo seguindo unhas pautas progresivas establecidas.
 
Así, con este protocolo multimodal, no que están implicados uroloxía, endocrinoloxía,  anestesia, a enfermería e a farmacia, impleméntanse as medidas de abordaxe tradicional con dúas claras melloras nas que se fundamenta: a máxima optimización do paciente antes de operarse, xa que tradicionalmente non se fai tanto fincapé en “ir preparado para unha cirurxía deste tipo”; e tamén, en base sempre á evidencia científica, en adiantar a mobilización e alimentación do paciente no  postoperatorio. Conclúe a uróloga,Carla Abeijón, que este protocolo se incorpora para “centrarse no benestar do paciente porque está demostrado que implica unha diminución das complicacións e da estancia hospitalaria, mellor recuperación e que os pacientes se senten máis arroupados”.
 
Deixar de fumar para previr o cancro de vexiga
Coincidindo esta sesión clínica xeral coa Semana Europea de Promoción da Uroloxía, entre o 23 e o 27 de setembro, esta profesional subliñou algo moi importante no ámbito da prevención do Cancro de Vexiga: rematar co consumo de tabaco, que é considerado como a causa principal e directa demostrada deste tipo de cancro. Os tóxicos do tabaco elimínanse por vía urinaria e, durante o seu paso, favorecen a mutación das células provocando neoplasias da vía urinaria. O almacenamento de ouriños na vexiga fai aínda máis frecuente este tipo de tumores neste órgano. Esta profesional aconsella tamén acudir ó profesional de Medicina Familiar e Comunitaria no caso de que haxa sangue en ouriños (hematuria) para atallar unha posible patoloxía.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss