Investigadores de Oncomet presentan nun congreso internacional resultados dos proxectos de biopsia líquida financiados coa campaña de micromecenado
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
27 09 2019

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2019.- Investigadores do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) presentan á comunidade científica os primeiros resultados de dous proxectos financiados coa campaña de micromecenado desenvolvida polo grupo. Un dos estudos, realizado en colaboración con investigadores da Facultade de Odontoloxía, é pioneiro en demostrar o potencial da saliva como unha biopsia líquida alternativa para detección do cancro colorrectal.

 “Na actualidade, os métodos utilizados para o diagnóstico deste tipo de cancro presentan numerosas limitacións o que fai necesaria a procura de novos biomarcadores que melloren o diagnóstico desta enfermidade”, sinala Rafael López, xefe do grupo de investigación. “Para iso, realizamos unha caracterización dos microRNAs presentes en mostras de saliva nunha cohorte de 51 pacientes con cancro colorrectal e temos identificado un panel con gran interese para detectar a presenza deste tumor”, comenta Mercedes Suárez, investigadora do Departamento de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas da Universidade de Santiago de Compostela.

Así mesmo, o grupo de investigación desenvolveu unha estratexia para a detección das alteracións do xene MET mediante utilización de mostras de sangue en pacientes con diversos tipos de cancro. “As alteracións deste xene están asociadas cun mal prognóstico en canto o desenvolvemento de metástase e resistencia a tratamentos en diversos tipos de cancro. Convencionalmente a análise do estado deste xene faise en tecido, pero é necesario ter outras opcións para analizalo ao longo da evolución da enfermidade”, afirma Laura Muinelo, a responsable da Unidade de Biopsia Líquida de Oncomet.
 
“No noso estudo conseguimos desenvolver unha técnica para detectar alteracións de MET mediante utilización de biopsia líquida, un método non invasivo e de fácil acceso” –sinala a doutora Muinelo- “Estas ferramentas serán de gran utilidade para a elección de pacientes que xeran resistencias ao tratamento e que se poden beneficiar de terapias dirixidas que son efectivas en pacientes con alteracións deste xene”.
 
Ambos os traballos serán presentados no IV Simposio Internacional sobre Avances nas Células Tumorais Circulantes que se desenvolverá do 2 ao 5 de outubro en Corfu, Grecia, e que xa se consolidou como un evento de referencia mundial no campo da biopsia líquida.

IDIS

O Instituto de Investigación de Santiago captou desde a súa creación 167.760.594 € para a investigación en 526 proxectos (44 europeos), 234 contratos de persoal conseguidos de entidades externas, dotación de infraestruturas, 2.088 contratos de servizos e convenios, 703 doazóns e 1673 ensaios clínicos. Na actualidade está integrado por 1.071 investigadores clínicos e básicos que se integran en grupos de investigación organizados en 6 áreas: Oncoloxía, Xenética e Bioloxía de sistemas, Endocrinoloxía, Neurociencias, Plataformas e Metodoloxía e inflamación. Destes investigadores o 72% son clínicos e o 2% son básicos laboralmente dependentes do SERGAS. O 26% restante, 280 investigadores, foron contratados con fondos propios, o que converte ao IDIS nunha importante fonte de creación de emprego.

Creado o 31 de xaneiro de 2008, está acreditado desde marzo de 2010 e reacreditado no ano 2015 como centro de investigación do sistema nacional de Saúde. Foi o primeiro de Galicia en ser acreditado e o sétimo de España. Posteriormente integrouse a Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte.

 
Saúdos,

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss