SANIDADE CONVOCA A I EDICIÓN DOS PREMIOS DE INNOVACIÓN EN SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
28 09 2019

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento (ACIS), entidade dependente da Consellería de Sanidade, vén de facer públicas as bases da I Edición dos Premios de Innovación en Saúde. O obxectivo desta convocatoria é premiar as ideas de innovación dos profesionais sanitarios no ámbito da Consellería de Sanidade e no seu sector público no ano 2019, así como as dos pacientes.

Estes premios pretenden potenciar as ideas innovadoras nas que traballan os profesionais para mellorar a calidade de vida das persoas e a sustentabilidade do sistema sanitario público galego, e tamén aquelas propostas por persoas físicas (pacientes, coidadores, etc.), organizacións ou asociacións de pacientes sen ánimo de lucro.
 
O premio na modalidade de idea de profesionais consistirá nunha visita organizada a un centro innovador de ámbito internacional, a asistencia a cursos de formación ou a congresos relacionados coa innovación e contará cunha dotación económica máxima de 6.500 € para aloxamento, viaxe e axudas de custo de manutención, cun límite de 1.625 € por persoa.
 
En canto a modalidade de idea de pacientes, o premio terá unha dotación económica máxima de 2.000 €, que se deberán empregar para a formación en aspectos relacionados cos fins fundacionais da asociación ou organización sen ánimo de lucro relacionada coa saúde que seleccione o gañador desta modalidade.
 

O prazo de presentación de candidaturas remata o vindeiro día 29 de novembro.

Toda a información sobre esta convocatoria está recollida no Diario Oficial de Galicia.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss