MÁIS DE 26.000 PERSOAS PARTICIPARON NAS 1.300 ACTIVIDADES REALIZADAS POLA ESCOLA GALEGA DE SAÚDE PARA CIDADÁNS DENDE A SÚA CREACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
02 10 2019

​A Escola Galega de Saúde para Cidadáns vén de cumprir dez anos dende a súa creación e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que este organismo, creado a finais do 2009, demostrou a súa validez para mellorar a comunicación entre profesionais, cidadáns, pacientes e o sistema sanitario coa fin de contribuír a que “as persoas dispoñamos da información e formación necesarias para xestionar mellor a nosa saúde, ou as nosas enfermidades, e, tamén, as nosas relacións co sistema sanitario”. 

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou que, nesta década de actividade, participaron máis de 26.000 persoas nas ao redor de 1.300 actividades da Escola. Almuiña incidiu que non só as persoas que participaron directamente das actividades aprenderon algo útil senón, tamén, as relacionadas con elas “posto que este organismo ten tamén a finalidade de iniciar unha cadea de transmisión de información e coñecementos que chega máis alá que as actividades formativas”.
 
O responsable da sanidade pública galega tamén destacou que o seu departamento conta co Consello Asesor de Pacientes, outro órgano de participación dos doentes, que, neste intre, ten ao redor de 90 asociacións incluídas no mesmo. Para facilitar a participación e achegala aos centros máis próximos ao lugar de residencia dos pacientes e de actuación das asociacións, Sanidade creou e constituíu os consellos asesores de pacientes de área.
 
Tamén dispón o departamento sanitario da plataforma É-Saúde, que permite o acceso a servizos e contidos de saúde personalizados, facendo uso da mesma máis de 90.000 galegas e galegos.

Na súa intervención, o conselleiro destacou que Galicia foi pioneira ao crear e poñer a andar esta Escola, grazas á visión, vontade e tenacidade dun equipo de excelentes profesionais a os que agradeceu esta iniciativa.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss