PROFESIONAIS DA XERENCIA INTEGRADA DE FERROL REVISAN PRÁCTICAS SEGURAS CON MEDICAMENTOS DE USO CRÓNICO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
03 10 2019

​Entre un 40 e un 50% dos eventos adversos que se producen no ámbito asistencial está relacionado coa medicación, e moitos deles é posible previlos. O Servizo Galego de Saúde ten programas de prácticas seguras para minimizar esta situación, e profesionais do Servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol revisaban esta mañá esas Prácticas Seguras con Medicamentos de Uso Crónico, nunha sesión xeral para tódolos profesionais, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide.

As farmacéuticas do Complexo, Isaura Rodríguez Penín e Beatriz Piñeiro Filgueira, parten da base de que o paciente é “único e transita tanto polo hospital como polo centro de saúde” e vai pasar en algún momento por calquera dos elos asistenciais, polo que tódolos profesionais teñen unha responsabilidade sobre o mesmo, xa que “isto é un continuo”. Isaura Rodríguez Penín expuxo que o programa de Prácticas Seguras con Medicamentos de Uso Crónico forma parte da estratexia de atención ós pacientes polimedicados, en marcha dende o 2011. En xeral, os pacientes polimedicados defínense como aqueles que toman máis de seis medicamentos ou menos en número, pero que son de risco.

Este programa de prácticas seguras é un paso máis, no que se inclúe a seguridade como un elemento de calidade, e os equipos multidisciplinares de Facultativo, Enfermería e Farmacia xa o están a aplicar hai dous anos nos centros de saúde. “Traer este tema a esta sesión é difundir a evidencia científica ó respecto, repasando esas prácticas seguras que están publicadas nos boletíns do Sergas”, afirmaban esta mañá.

Conciliación e adherencia ó tratamento
A literatura científica internacional sinala dous aspectos clave entre as intervencións orientadas a previr e mitigar o dano innecesario asociado á atención sanitaria e a mellorar a seguridade do paciente: a conciliación da medicación e o correcto manexo de medicamentos de alto risco, xa que estes últimos, non sendo os máis numerosos poden traer consigo consecuencias de maior gravidade. A conciliación da medicación é un proceso multidisciplinar para que a información sobre esa medicación dun paciente sexa “única, precisa e completa” en cada ámbito onde se manexa a ese paciente; e débese “realizar coa participación de tódolos profesionais responsables e co propio paciente ou coidador”.
 
Matizar que a polimedicación está asociada á morbimortalidade, e pode producir interaccións medicamentosas desfavorables, caídas, ou hospitalizacións, entre outras cuestións. O eixo do programa asume estes aspectos, e supón que o equipo do centro de saúde recibe información sobre os pacientes polimedicados, e estratificada segundo niveis de alerta.  O obxectivo é a revisión e conciliación da medicación nos distintos niveis asistenciais, a comprobación da adherencia ós tratamentos (se está seguindo ese tratamento e se está a facelo correctamente), a revisión e coñecemento que se ten desa medicación por parte do paciente, e, tamén, realizar educación sanitaria en xeral deses pacientes e os seus coidadores. Trátase, en definitiva, subliñaban esta mañá, de “reducir o número de medicamentos e que eses medicamentos sexan os apropiados, poñendo o foco na súa seguridade”.
 
Beatriz Piñeiro Filgueira, pola súa banda, afondando xa nas cuestións máis clínicas, revisou os 15 criterios recollidos que difunden recomendacións para “detectar pacientes que teñen prescritos medicamentos de alto risco en crónicos ou outros que poden causar potenciais problemas de seguridade” e reducir así ese riscos. Neste eido, a farmacéutica aludiu a distintos medicamentos tanto na poboación xeral como na anciá, en relación, por exemplo, con medicación antitrombótica, anticoagulante, fármacos para osteoporose, ou diferentes opioides e antiinflamatorios non esteroideos. Son medidas que os profesionais xa coñecen, que figuran de xeito explícito en boletíns de manexo habitual, pero sobre as que “sesións como esta invitan a incidir”, xa que aplicalas implica “aumentar a seguridade do paciente”.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss