A ÁREA SANITARIA DE A CORUÑA PRESENTA O SEU PLAN DE CONTINXENCIA PARA A GRIPE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
04 10 2019

A Gripe e unha enfermidade vírica, leve na maioría dos casos que pode cursar síntomas como: febre igual o maior a 38º C nas fases iniciais así como malestar xeral, dor de garganta, tose, cefalea, dores musculares xeneralizados, conxestión nasal, esbirros, vómitos e diarrea.

 
O contaxio é de persoa a persoa a través das gotiñas de saliva e secrecións nasais que se expulsan ao falar, tusir ou esbirrar, e tamén de forma indirecta, ao tocar algún obxecto que estea contaminado co virus da gripe.
 
Os casos de gripe confirmada así como os cadros de infeccións respiratorias que se producen no período invernal, fan que a poboación faga uso dos diferentes dispositivos asistenciais á súa disposición, polo que en previsión do incremento significativo da demanda e para poder dar unha mellor atención os nosos pacientes elaborouse un Plan de Continxencia da Gripe na EOXI de A Coruña.
 
Obxectivos do Plan
Este Plan, elaborado de xeito multidisciplinar entre os distintos servizos clínicos implicados no manexo desta enfermidade vírica, como medicina preventiva, microbioloxía, medicina interna, neumoloxía, urxencias e admisión, ademáis dos responsables dos centros de Atención Primaria e dos PAC´s da Área Sanitaria, ten como obxectivo evitar as consecuencias máis graves debidas á infección e a que se produzan brotes, previr os picos de demanda nos diferentes dispositivos asistenciais da nosa área, prestar a mellor asistencia aos pacientes con gripe coa mínima incidencia sobre o funcionamento nos distintos centros hospitalarios e contemplar os procedementos alternativos ao orde normal da organización co fin de permitir o normal funcionamento.
 
Un dos problemas principais ao que temos que enfrontarnos e á súa rápida expansión, por iso a necesidade de recordar e insistir nas medidas adicionais e na hixiene de mans entre profesionais e acompañantes.
 
Accións específicas
Co fin de minimizar o impacto da gripe entre o persoal sanitario, o Servizo de Medicina Preventiva, en coordinación coas correspondentes Direccións levará a cabo unha tarefa de concienciación e promoción activa da vacinación entre o persoal sanitario tanto no Complexo Hospitalario coma nos centros de Atención Primaria.
Do mesmo xeito o Servizo de Medicina Preventiva estará coordinado co resto dos Servizos implicados na adopción de medidas preventivas para a difusión do virus a nivel intrahospitalario.
 
Os recursos materiais e humanos dispoñibles para a realización deste Plan iranse adecuando en función da situación epidemiolóxica e das previsións que a tendencia da onda de difusión do virus faga prever.
 
Para iso avaliaranse todos os datos dispoñibles (clínicos e epidemiolóxicos) tratando de adaptar os recursos de forma axeitada as necesidades reais de atención dos pacientes  buscando a máxima calidade e seguridade na atención a estes, procurando o menor impacto posible no resto da actividade asistencial habitual do centro.
 
Novidades 2019
Este ano, como xa se fixo na campaña anterior, empezarase a vacinar ao persoal sanitario uns días antes de que de comezo a campaña da vacinación para a poboación en xeral. Farase promoción da vacinación entre os doentes ingresados pertencentes a poboación diana de vacinación, e dende os servizos de Atención Primaria, así como dos Puntos de Atención Continuada (PAC) realizarase unha sensibilización para o manexo da gripe non complicada no domicilio.
 
Posta en marcha do sistema de notificación coa cidadanía a través dos SMS para promocionar a vacinación.
 
Apertura das axendas do persoal de enfermería e as matronas dende a vindeira semana, día de comezo da campaña, con actos específicos sobre a vacinación da gripe.
 
Asignación dun responsable da campaña en cada un dos centros públicos de vacinación (77 centros), que coordinarán as necesidades para levar a cabo esta campaña.
 
Este ano a campaña de vacinación comezará o 14 de outubro e rematará o 27 de decembro.
 
O persoal de enfermería realizará chamadas telefónicas ás persoas que forman parte poboación diana que nos últimos anos non se vacinaron.
 
Priorización das probas complementarias pre-alta dos pacientes (probas radiolóxicas, sintrom, etc.) co fin de que a alta efectiva poida ser realizada no menor tempo posible, e así axeitar os circuítos do Servizo de Urxencias en situación de abrocho epidémico.
 
Todas estas accións complementarase co reparto entre a poboación de trípticos informativos sobre os mitos e realidades da gripe, así como a proxección de vídeos divulgativos sobre esta enfermidade vírica nas pantallas informativas dos distintos servizos.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss