SANIDADE E A ASOCIACIÓN ANXIÑOS COLABORARÁN NA ATENCIÓN A MENORES E ADOLESCENTES CON TRASTORNOS DE SAÚDE MENTAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
06 10 2019
​A Consellería de Sanidade e o Sergas, colaborarán coa Asociación Anxiños na atención a nenos, nenas e adolescentes ata 15 anos con trastornos mentais. Neste senso, o titular do departamento sanitario galego, Jesús Vázquez Almuiña, vén de asinar esta semana un convenio de colaboración coa presidenta desta entidade sen ánimo de lucro, Ruth Gómez Vázquez, de cara a desenvolver programas psicoeducativos e de apoio, e actividades de divulgación e desestigmación social dos trastornos mentais en nenos, nenas e adolescentes.
 
O obxectivo das actividades a realizar irá encamiñado a actuacións dirixidas a promover o benestar dos menores e adolescentes con trastornos mentais na súa contorna familiar e social. E, tamén apoiar a estes e as súas familias para a consecución dun adecuado nivel de funcionamento e autonomía, potenciando os seus propios recursos e o desempeño eficaz de roles.
 
Os programas estarán orientados á psicoeducación, ao fomento da autonomía, á mellora das habilidades sociais e relacionais, e ao afrontamento de dificultades no eido familiar e escolar. Consideraranse tamén de especial interese os programas orientados ao uso responsable das TICs, ao fomento da vida saudable, do deporte, as actividades musicais e artes plásticas, e aquelas outras que fomenten o contacto co entorno animal e a natureza.
 
Todas as actividades, talleres e programas estarán realizados por profesionais con axeitada cualificación e experiencia profesional en materia de saúde mental en menores de idade e desenvolveranse na casa fogar da Asociación Anxiños, sita na antiga reitoral de San Mamede, no concello coruñés da Baña.
 
Compromisos
En base ao convenio asinado, a Consellería de Sanidade asesorará aos profesionais sanitarios no deseño dos programas que a Asociación Anxiños desenvolva na casa fogar     de San Mamede (A Baña), para acceder ao maior beneficio dos menores aos que se dirixen e garantir a adecuación dos anteditos programas aos menores e adolescentes nel acollidos.
 
Sanidade informará, a través dos profesionais do Sergas, da natureza destes programas a todas aquelas familias que se poida considerar subsidiarias de ser incluídas nos mesmos. Tamén se compromete a favorecer o coñecemento dos trastornos mentais en nenos, nenas e adolescentes e os factores de risco entre a cidadanía.
 
O departamento sanitario tamén colaborará na celebración de actos divulgativos en favor da desestigmación dos trastornos mentais neste colectivo, así como na formación dos profesionais que participen na realización dos programas que desenvolverá a Asociación Anxiños.
 
Pola súa banda, a Asociación Anxiños porá en marcha os programas psicoeducativos e de apoio á infancia e adolescencia con trastornos mentais, que se desenvolverá na antiga casa reitoral de San Mamede (A Baña), que conta cos recursos estruturais e de persoal cualificado e con experiencia na intervención en menores para a realización dos programas previstos. Todos os programas faranse de xeito acorde coa evidencia científica e a asociación deberá informar á Consellería de Sanidade sobre os resultados dos programas realizados ao amparo do convenio asinado.
 
Beneficiarios dos programas
Poderán ser beneficiarios aqueles menores e adolescentes cun trastorno mental que presenten situacións de desestruturación familiar ou desbordamento que fagan aconsellable para a mellor evolución ou prognóstico do seu padecemento a inclusión nun destes programas.  No caso dos programas psicopedagóxicos, estes dirixiranse a nenos e nenas de 8 a 15 anos, diferenciándose dous grupos de intervención: de 8 a 11 anos e de 12 a 15 anos inclusive.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss