PROFESIONAIS DA XERENCIA INTEGRADA DE FERROL PÓDENSE VACINAR FRONTE Á GRIPE XA DENDE ESTE LUNS, UNHA SEMANA ANTES DE QUE COMECE A CAMPAÑA PARA A POBOACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
05 10 2019

A vacinación da gripe ofértase este ano por segunda vez ó persoal sanitario e non sanitario antes do comenzo oficial da Campaña da Gripe 2019 para a poboación xeral. Así, entre os días 7 e 11 de outubro, todo o persoal da Xerencia pódese vacinar para afrontar o inicio da campaña xa protexidos fronte a esta enfermidade. É una medida máis para evitar o posible risco de transmisión da gripe ós pacientes. Os e as profesionais sanitarias da área forman parte dos grupos de risco como potenciais transmisores, e contan normalmente cuns puntos de vacinación específicos, que este ano se habilitan unha semana antes.
Para o persoal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario, a vacinación será no Servizo de Medicina Preventiva; e, para o persoal do Hospital Naval e do Novoa Santos, na Unidade de Prevención de Riscos Laborais. A maiores, durante esta semana, establécense dous puntos de vacinación nos vestiarios do Hospital Arquitecto Marcide e do Hospital Naval, activos na entrada e saída das distintas quendas. Pola súa banda, o persoal de Atención Primaria vacinarase no seu centro de saúde. Para completar, farase unha campaña proactiva de captación dos profesionais polos distintos andares de hospitalización, coa vacinación no mesmo andar, se así o desexan. O persoal vacinado recibirá a súa chapa co lema Eu vacineime. E ti?, que amosan o compromiso do profesional coa vacinación e a prevención.
 
Rematada esta semana, comenzará a campaña para a poboación xeral, de xeito continuado do 14 de outubro ata o 27 de decembro. Durante a mesma, o persoal que o desexe seguirá a ter vacinas dispoñibles nos puntos fixos de vacinación, tanto nos hospitais do Complexo Universitario, como nos centros de saúde. O pasado ano protexéronse coa vacina ó 58% dos profesionais nos centros de saúde e o 40% no Complexo Universitario.
Minimizar o impacto da gripe
Lembrar que o obxectivo da campaña de vacinación fronte á gripe é minimizar o impacto desta enfermidade na saúde, e diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. A vacina da gripe, totalmente inocua, ten un importante beneficio en canto que reduce a incidencia desta enfermidade, pero moi especialmente diminúe a frecuencia de complicacións secundarias e, así mesmo, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe nas persoas maiores, con ou sen condicións médicas de risco, e noutras persoas con patoloxías previas.
Tal e como informaba a Consellería de Sanidade hai uns días, Galicia será a primeira autonomía en administrar nesta campaña, e tamén por primeira vez, unha vacina tetracelular a persoas de 15 a 64 anos, con factores de risco. En total, Sanidade adquiriu 615.000 doses de vacinas antigripais (7.000 máis que en 2018), e destinou un orzamento de 3.466.632 euros, 1.283.412 máis que no ano 2018, o que supón un incremento de preto do 59%.
Nesta campaña de 2019 empregaranse 3 tipos de vacinas: a vacina tetravalente de cultivo en ovo, que pode ser utilizada na poboación infantil, con patoloxía de base, de 6 meses de idade ata os 14 anos; a vacina tetravalente de cultivo celular, que se empregará por primeira vez para as persoas con factores de risco de 15 a 64 anos, e tamén está indicada para embarazadas; e a vacina trivalente adxuvada, para todas as persoas de 65 anos ou máis ingresados en residencias ou non e que se corresponde co grupo de persoas con maior risco de complicacións. Esta ampliación de idade nesta última vacina significa un incremento do 72% de doses con respecto ao ano pasado. Todos os centros disporán dos tres tipos de vacinas.
Saúde Pública destacou que este ano administraranse por unha banda as vacinas antigripais tetravalentes á poboación en risco entre os 6 meses e os 64 anos. Estas vacinas conteñen ademais das 3 cepas habituais unha cepa a maiores do virus B, co que a priori, aumentan a protección. Doutra banda, utilizarase a vacina trivalente adxuvada, con maior poder inmunoxénico e unha resposta inmune máis potente.
Outras das novidades salientables da campaña 2019, en canto á poboación diana, é a inclusión como grupo de risco aos nenos de entres 6 meses de idade que naceran prematuros (con menos de 32 semanas de xestación) e a incorporación explícita das persoas con trastornos da coagulación.
A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 anos ou máis anos, residente en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas, nenos e adolescentes con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico (AAS) nenos de 6 meses a 2 anos de idade que naceran prematuros e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñan a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.
A vacina antigripal non só evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta a enfermidade e o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss