O PÓSTER NON É ALERXIA, É ESCOMBROIDOSE DE PROFESIONAIS DO CHUF É PREMIADO NO ENCONTRO GALEGO DE PEDIATRÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
08 10 2019

O póster co título Non é alerxia, é escombroidose, realizado por profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, recibía un segundo premio no LXX Congreso da Sociedade Galega de Pediatría, que reunía a profesionais desta especialidade procedentes de todo Galicia os pasados día 4 e 5, en Ribadeo. A escombroidose “é unha das intoxicacións máis frecuentes por peixe, pero moitas veces é confundida cunha alerxia alimentaria”. Así o defendeu neste foro especializado, Einés Monteagudo Vilavedra, unha residente de Pediatría que xunto con outros tres compañeiros e compañeiras elaborou este traballo premiado.

 

A escombroidose prodúcese normalmente por consumo de peixe de carne escura da familia Scombridae (atún, bonito ou xarda, por exemplo) e outros peixes non escómbridos, cando se conservan inaxeitadamente. “Para a prevención é importante unha correcta refrixeración”, xa que iso impide a formación de histamina, que, en altas concentracións, é a que produce a sintomatoloxía relacionada con esta intoxicación, e que moitas veces se confunde cunha alerxia alimentaria. A cocción non evita a intoxicación.
 

“As síntomas aparecen precozmente entre os 15 e os 90 minutos trala inxestión, e son moi variados”, explican, pero predomina a afectación cutánea, eritema súbito xeral que non pica e flushing ou sufoco e enroxecemento. Pode ir acompañado tamén de “clínica dixestiva (diarrea ou náuseas), sensación de calor peribucal, e síntomas circulatorios ou respiratorios”.
 

Non é un proceso de risco vital e tende a resolverse de xeito espontáneo. Recoméndase a administración de antihestamínico nos casos máis marcados, describen. A clave deste traballo presentado no encontro galego é precisamente realizar a diferenciación coa alerxia alimentaria. O diagnóstico desta intoxicación é clínico, baseado na anamnesis ou historia clínica descrita. Estes casos soen ser illados e as síntomas aparecen de xeito inmediato, e soe chegarse a eles porque os e as afectadas describen o consumo dalgún destes peixes en condicións concretas como por exemplo días despois de sacalo do conxelador, ou tras estar varios días no recipiente trala apertura para o seu consumo, no caso das conservas. A nivel preventivo, indican é necesario manter unha correcta refrixeración e trazabilidade destes produtos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss