OFTALMOLOXÍA DO CHUF FAI UN CRIBADO DE GLAUCOMA E ENFERMIDADES MACULARES Á POBOACIÓN NO DÍA MUNDIAL DA VISIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
09 10 2019

 O Servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol súmase ó Día Mundial da Visión, que se celebra mañá 10 de outubro; e durante dous días, hoxe e mañá, revisará ás persoas que queiran a súa vista para o cribado de glaucoma e outras enfermidades maculares. A poboación da Xerencia Integrada de Ferrol que estea interesada pódese achegar á entrada principal do Hospital Arquitecto Marcide, entre as 10:00 e as 14:00, onde profesionais desta especialidade realizarán esta revisión no marco do programa Unha cita coa túa vista. Este programa desenvólvese en tres hospitais de España, e o Complexo Universitario ferrolá é un deles.
 

Como indica a responsable do Servizo, María Dolores Álvarez Díaz, “dedicaremos estas dúas xornadas ás patoloxías que poden causar cegueira, pero que, se se diagnostican a tempo, teñen tratamento; e, tamén, a aquelas nas que as súas secuelas tamén poden ser tratadas, como a diabetes, a dexeneración macular, as oclusións venosas, ou as retinoses pigmentarias, como exemplo”.
 

No marco desta actividade, darase información tamén sobre estas patoloxías, como por exemplo que a Dexeneración Macular Asociada á Idade (DMAE) é unha enfermidade dexenerativa crónica que constitúe unha das principais causas de perda visual grave en maiores de 50 anos; ou que o Edema Macular Diabético é unha das principais complicacións da diabetes mellitus, xa que o dano da mesma nos vasos sanguíneos provoca unha acumulación de líquido na mácula, co consecuente deterioro visual. Outra delas é a Oclusión da Vena da Retina, que é un bloqueo das pequenas veas da retina, capa de tecido localizada no interior do ollo e responsable de transformar as imaxes luminosas en sinais nerviosas cara o cerebro. Nesta información que se facilitará inclúense as síntomas, causas e factores de risco, moitos deles que se poden previr, como a hipertensión, a obesidade, ou o colesterol alto.
 

Glaucoma, diagnóstico e tratamento precoz
Recordar, tamén que o glaucoma é unha lesión do nervio óptico asociada xeralmente a un aumento da tensión intraocular; e que, sen tratamento, pode evolucionar a un deterioro dese nervio óptico, que conducirá á cegueira irreversible. De feito, o glaucoma é a segunda causa de cegueira irreversible nos países industrializados; afecta ó 2% da poboación mundial; e, no 50% dos casos, está sen diagnosticar. É indoloro é asintomático ata fases moi avanzadas da enfermidade, de aí a importancia do seu diagnóstico e tratamento precoz. Na área ferrolá, incídese moito no control, seguimento, e detección precoz do paciente con risco.
 

O Servizo de Oftalmoloxía, emprazadao no Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol conta con tódalas técnicas dispoñibles en relación co glaucoma como a paquimetría, a campimetría visual, ou a exploración do nervio óptico con tomografía de coherencia óptica (OCT). Algún destes estará estes días neste cribado polo Día Mundial da Visión. En canto ó tratamento básico, realízase con colirios hipotensores (que baixan a tensión ocular), e con láser. Cando estes non conseguen baixa-la tensión ocular ós niveis axeitados, óptase por unha das diferentes técnicas cirúrxicas que existen na área ferrolá.
 

A comunidade galega é unha área de alta incidencia de glaucoma en relación co resto do Estado, xa que existe un tipo de glaucoma secundario (pseudoexfoliativo) de especial prevaleza en Galicia. Na Xerencia ferrolá, existe unha consulta específica para esta patoloxía ocular, na que se atenden unha media diaria de 25 pacientes en catro días da semana; e realízase unha media de 50 cirurxías específicas de glaucoma anuais.
 
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss