ASOTRAME E A XERENCIA INTEGRADA DE FERROL COLABORAN NO APOIO ÁS PERSOAS ONCO-HEMATOLÓXICAS DA ÁREA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
11 10 2019

O responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; e a presidenta da Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame), Cristina Piñeiro Couce, formalizaban esta mañá a colaboración para “actividades de apoio ás persoas transplantadas de médula ósea ou inmersas nun proceso de cancro hematolóxico ou outros tumores e as súas familias”. Entre outras cuestións, este convenio materialízase en que esta asociación pon a disposición destes pacientes e as súas familias unha vivenda equipada para a estadía temporal na cidade da Coruña.
 

A presidenta da Asociación destaca que “ é importante que dende a área sanitaria se coñeza ese recurso e se poña a disposición”. Aqueles pacientes que precisan un transplante de médula ou un autotransplante acoden ó centro de referencia na Coruña e, dende a Asociación, inciden en que “estes pacientes non están sós”, que hai recursos tanto emocionais como prácticos. “O máis importante é transmitir esperanza que é o que os pacientes precisamos”, remarca a presidenta da Asociación.
 

Pola súa banda, Facio Villanueva destacou a importancia que ten esta colaboración entre o sistema sanitario e as asociacións de pacientes, que “son as que máis coñecen as necesidades reais das persoas afectadas por eses procesos oncohematolóxicos”. Como se recolle no propio convenio, “as asociacións teñen un papel destacado ó longo de todo o proceso asistencial que pode complementar os esforzos realizados polos servizos clínicos”.
 

Apoio e asesoramento
Asotrame colabora en proxectos de investigación contra o cancro, en actividades de información e sensibilización ó conxunto da poboación sobre a importancia de doar médula ósea e proporcionar información, e en asesoramento e soporte emocional a pacientes. Ademais, “pon en marcha servizos orientados a complementar o traballo que se realiza dende o sistema sanitario e que busca mellorar a calidade de vida do paciente e do seu entorno durante o proceso asistencial”, explicita o documento asinado.
 

O convenio desta maña regula a colaboración entre esta asociación e a Xerencia Integrada de Ferrol para, como proxecto para familias desprazadas, poñer a disposición unha vivenda na Coruña, con tres prazas para unha familia os 365 días do ano. Poderán ser beneficiarias da estancia na vivenda as familias con integrantes atendidos no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol que padezan enfermidades oncolóxicas de longa duración, altamente limitantes, e teñan que acudir á Xerencia de Xestión da Coruña para recibir un tratamento específico. Darase prioridade ás familias con menos recursos económicos ou persoais. Segundo se recolle no propio convenio, estas familias “disporán plenamente da vivenda durante todo o tempo que dure a hospitalización dos seus familiares, coa fin de garantir o seu descanso, aseo e manutención nun entorno acolledor”.
 

As solicitudes destas vivendas “canalizaranse a través dos servizos de traballo social da Xerencia Integrada de Ferrol, que son os servizos de referencia para a información e avaliación sociosanitaria”, e que que informarán desta colaboración e dos recursos dispoñibles xunto cos profesionais sanitarios. Constitúese unha Comisión de seguimento con representantes de ámbalas dúas partes, para asegurar a boa fin deste acordo.
 

Lembrar por último, que Asotrame é unha das 19 asociacións forman parte do Consello Asesor de Pacientes da área de Ferrol, activo dende marzo do presente ano. Este Consello é un órgano colexiado de carácter consultivo, regulado na Orde 16 de outubro de 2018 pola que se regula a composición e o réxime de funcionamento dos consellos asesores de pacientes de área, e configúrase como un vehículo de implicación das asociacións nas que se agrupan os pacientes, canalizando a súa participación e a das súas familias (ou das persoas que os representen ou que se responsabilicen do seu coidado), coa finalidade de participar e colaborar na mellora da calidade da asistencia sanitaria. O convenio que se asina hoxe concreta esta colaboración, que o xerente da área, Ángel Facio Villanueva, considera clave.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss