ALMUIÑA RECLAMA UN DEBATE SOBRE FINANCIAMENTO SANITARIO PARA AFRONTAR A AMPLIACIÓN DA CARTEIRA DE SERVIZOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
14 10 2019

​O Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, insiste na necesidade dun debate complexo sobre financiamento sanitario para poder facer fronte á ampliación da carteira de servizos. Así o manifestou o titular do departamento sanitario galego hoxe, na xuntanza do Consello Interterritorial onde volveu a reclamar ao Goberno central un monográfico sobre financiamento e onde tamén reclamou unha flexibilización dos criterios para a designación de centros CAR-T.

Neste senso, Almuiña indicou que a ampliación da carteira de servizos, que contempla a introdución de novas terapias (para facer fronte ao envellecemento poboacional e a incorporación de  novos fármacos e novas tecnoloxía) debe levar aparellada unha maior inversión económica. “Se non hai un incremento do financiamento que vai do Estado ás comunidades autónomas, as autonomías atopámonos cunha serie de dificultades. Polo tanto, entendemos que a ampliación da carteira de servizos ten que levar unha memoria económica para dicir o que custa e que se pode aportar dende o Goberno central, de aí que solicitemos unha revisión dos procedementos de financiamento”, subliñou o conselleiro de Sanidade.
 
Como exemplo da ampliación da carteira de servizos, o conselleiro referiuse ás novas terapias CAR-T, que ao seu entender, van a incrementar de forma importante a necesidade de financiamento dos novos tratamentos. “É un exemplo máis de que nos últimos meses incrementouse a carteira de servizos pero non se tocou o financiamento das comunidades autónomas”, aseverou Almuiña.
 
O titular de Sanidade tamén amosou o seu desacordo cos actuais criterios para a designación de centros hospitalarios que administrarán os novos medicamentos CAR-T. Considera que os actuais criterios son moi restritivos e solicita unha revisión, o antes posible, para ampliar os devanditos criterios. Almuiña subliña que se debería falar máis de resultados que de cantidade e considera que Galicia conta con centros hospitalarios públicos con capacidade técnica para realizar os CAR-T. Na comunidade galega estanse a realizar trasplantes aloxénicos en tres hospitais: CHUVI, CHUAC e CHUS.
 
“Estamos realizando as acreditacións correspondentes. Non queremos quedar fora da administracións dos CAR-T, xa que queremos poder dar atención aos nosos pacientes o máis cerca posible do seu lugar de residencia”, dixo Almuiña, engandido que cos criterios actuais obrígaselles aos doentes a recorrer moitos quilómetros ata un centro de referencia na administración destas novas terapias.
 
Con respecto ao Plan de Alzhéimer e outras demencias, aprobado hoxe no Consello Interterritorial, Almuiña indicou que se trata dun bo documento, pero trasladoulle ao Ministerio a necesidade dunha memoria económica que plasme o seu desenvolvemento. Tamén indicou que as alegacións presentadas ao devandito plan foron tidas en conta. “O documento inicial daba máis peso ao tema asistencial, e as terapias non farmacolóxicas que se volcaban sobre a asistencia, especialmente de Atención Primaria e nos consideramos que se debía focalizar máis, sobre todo na fase final de determinadas demencias, no ámbito social que no asistencial”. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss