PROFESIONAIS DO CHUF ENSINAN A FACER MASAXES CARDÍACAS Á POBOACIÓN NO DÍA EUROPEO DE CONCIENCIACIÓN ANTE O PARO CARDÍACO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
16 10 2019

Profesionais do Servizo de Medicina Intensiva do Complexo Hospitalario Universitario e de Medicina Familiar e Comunitaria da Xerencia Integrada de Ferrol sumáronse á celebración do Día Europeo de Concienciación ante o paro cardíaco, que se celebra hoxe 16 de outubro, ensinando a realizar masaxes cardíacas a profesionais e poboación xeral. Así, durante esta mañá, especialistas estiveron no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo ensinado con manequíns os pasos a dar, e as técnicas a aplicar, no caso de estar ante alguén que está sufrindo un paro cardíaco. O lema do Día Europeo é que “Tódolos cidadáns do mundo poden salvar unha vida”.
A Reanimación Cardiopulmonar é un conxunto de manobras destinadas a manter a osixenación dos órganos vitais cando a circulación dunha persoa se detén. A principal causa de paro cardíaco é o infarto agudo de miocardio, que provoca unha fibrilación ventricular, que é unha arritmia que ocasiona que o corazón perda a súa capacidade de se contraer de xeito organizado, polo que deixa de latir e de bombear sangue cara todo o organismo.
Como indica Álvaro Nieto García, facultativo da UCI do Servizo de Medicina Intensiva que esta mañá asesoraba a quen o quixese, trátase de “continuar co labor de divulgación e informar da importancia que ten para a supervivencia o feito de que toda a poboación estea formada nas técnicas de reanimación e uso de desfibriladores”. O obxectivo neste día, polo tanto, é “formar á poboación en como detectar unha parada cardíaca, activar os servizos de emerxencia, iniciar compresións torácicas de xeito precoz e efectivo e aprender o funcionamento básicos dun desfibrilador”. Con isto, engade, poderase “aumentar a supervivencia das vítimas dunha parada cardíaca”. Colaborarán tamén nesta iniciativa as residentes de Medicina Familiar e Comunitaria Virginia Novo Castro, Lola Moreno Sobrino e Asunta García de Alvear.
Álvaro Nieto subliña que sen formación básica en desfibrilación só se consegue a supervivencia nun 5% dos casos, en cambio, “cando se fai uso de desfibriladores semiautomáticos e se forma á cidadanía o número de supervivintes aumenta a un 20%”. Máis de 30.000 persoas morren cada ano en España por unha parada cardíaca súbita. De aí que estes profesionais consideren moi importante que a poboación xeral teña coñecementos básicos de como realizar unha reanimación cardiopulmonar, e se sumen ás iniciativas desenvolvidas por diversas institucións e as Sociedades Española e Galega de Medicina Intensiva Crítica e Unidades Coronarias (SEMICYUC e SOGAMIUC), con lemas como o citado Tódolos cidadáns do mundo poden salvar unha vida ou Unha masaxe vale vida.
Que fago para axudar a salvar unha vida
Os profesionais centráronse esta mañá nos elos da cadea de supervivencia concretándoos nas seguintes accións. Primeiro comprobar se a vítima responde; hai que inclinar a cabeza cara atrás, elevar o mentón, e comprobar a respiración. Se non respira con normalidade, hai que facer Resucitación Cardiopulmonar (RCP). O seguinte paso é pedir axuda, chamar ós servizos de emerxencias ou 061, comunicar que hai unha persoa que non respira, e que se está a comenzar as manobras, facilitando tamén os datos persoais e de localización. As compresións torácicas son o máis importante para a supervivencia e non se deben nin atrasar nin interromper.
Continúase coa realización da masaxe cardíacas mentres non chegan os equipos sanitarios. Colocar ámbalas dúas mans sobre o centro do peito. Para iniciar as manobras, hai que colocar o talón dunha man no centro do peito, e a outra man enriba entrelazando os dedos. Comprimir entre cinco e seis centímetros, facendo entre 100 e 120 compresións por minuto. Se se coñece o xeito de facelo, administrar dúas ventilacións de rescate (boca a boca) cada 30 compresións. Como indican as sociedades especializadas “facer algo salva vidas e sempre é mellor que non facer nada”. A estes pasos engádese, no caso de telo a man, aplicar o desfibrilador semiautomático, un aparello de manexo guiado que realiza a descarga se está indicada para recuperar o ritmo cardíaco. O paso final -indican os profesionais- “queda xa en mans do 061, Urxencias, e Unidade de Coidados Intensivos”.
Formación en RCP todo o ano e Hospital Cardioprotexido
Por outra banda, e relacionado con isto, estes manequíns que estaban hoxe a disposición da cidadanía empréganse tamén durante todo o ano para a formación de profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol. Nesta área, desenvólvense anualmente diversas actividades relacionadas coa Resucitación Cardiopulmonar (RCP), tanto básica como avanzada, e o emprego de desfibriladores. Profesionais familiarizados con este proceso garanten a formación continuada, que se suma á formación e á docencia que se imparte ó longo do ano nesta área sanitaria relacionada coa Parada Cardiorrespiratoria.
Lembrar igualmente que este Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol convertíase en setembro do ano pasado no primeiro Hospital Cardioprotexido de Galicia, trala incorporación de cinco novos desfibriladores externos semiautomáticos (DESA), que se sumaban ós tres que xa había fóra dos ámbitos propios das UCI, a Cardioloxía ou da Urxencia. O centro hospitalario, trala cesión destes cinco aparellos por parte de Urxencias 061, quedaba cardioprotexido con oito desfibriladores en lugares onde se concentra a maior parte da poboación cando acode ó ámbito hospitalario. Trátase dun proxecto innovador dos profesionais que engade valor á prestación sanitaria que neste ámbito xa está establecida. Implica unha atención inmediata no primeiro minuto, que pode ser realizada por calquera persoa ou profesional ou, sexa sanitario ou non, enriquecendo así a asistencia que xa se presta e apoia cos carros de parada que existen nos diversos andares do Complexo.
SAÚDOS, COMUNICACIÓN XERENCIA INTEGRADA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss