O COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE FERROL INCLUÍU A UN TOTAL DE 150 PACIENTES NA VÍA RÁPIDA DO CANCRO DE MAMA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
18 10 2019

O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol incluíu, no primeiro semestre deste ano, a un total de 150 pacientes na Vía Rápida do Cancro de Mama que existe na área sanitaria para a atención organizada e multidisplinar da persoa con sospeita de cancro de mama. Unha vía rápida é un circuíto asistencial onde se establecen unha serie de criterios de inclusión para pacientes con sospeita dun posible cancro. A finalidade é que o tempo que transcorra entre o diagnóstico de sospeita e a primeira actividade terapéutica non sexa superior ós 30 días. A clave destas vías rápidas é a coordinación e o traballo en equipos multidisciplinares dos profesionais da Xerencia implicados nestas patoloxías.
 

Unha vez diagnosticado, coa vía rápida acúrtase a espera dos pacientes para conseguir que, a través delas, o diagnóstico se faga o más rápido posible. Trátase de identificar os recursos relacionados con esta patoloxía, e establecer criterios organizativos e servizos de referencia. Conséguense melloras no que respecta ós tempos de resposta e evítase a duplicidade de probas ou actividades redundantes. A activación dunha vía rápida é factible grazas ó esforzo de coordinación e integración dos e das profesionais ferrolás nestes ámbitos.
 

No Día Mundial do Cancro de Mama, que se celebra mañá, a área sanitaria ferrolá quérese sumar para lembrar a importancia tanto da prevención como do diagnóstico precoz. O Programa Galego de Detección Precoz da Consellería de Sanidade fai un cribado das mulleres entre 50 e 69 anos sen sintomatoloxía, de aí a importancia de participar nel.
 

Xunto con isto, na Xerencia Integrada de Ferrol existe un Comité de Mama multidisciplinar dende o ano 2003, no que profesionais de distintos eidos valoran cada caso conxuntamente. No pasado ano 2018, leváronse a este Comité de tumores de mama un total de 1.279 casos para valoración e comentario conxunto. O esforzo dos profesionais na detección de casos que requiren atención con maior celeridade, o cribado preventivo e introdución das vías rápidas son algúns dos factores que fan que estes casos pasen de ser 813 seguidos no 2014 ós 1.279 valorados, no ano 2018 no marco deste Comité.
 

Programa de Detección Precoz
En relación co Programa de Detección Precoz de Cancro de mama da Consellería de Sanidade, na Xerencia Integrada de Ferrol foron invitadas a participar un total de 8.342 mulleres do grupo de idade de 50 a 69 anos, entre xaneiro e setembro do presente ano 2019. Destas, acudiron á unidade de exploración 7.180 mulleres, unha porcentaxe aínda provisional do 86,1%. Esta participación supera o obxectivo sinalado nas Guías Europeas de garantía de calidade en cribado mamográfico que establecen como aceptable a participación superior ao 70%, e como desexable, unha porcentaxe de participación do 75%.
 

No total do ano 2018, invitábase a 18,596 mulleres, e eran exploradas 14.765, o que supuña unha porcentaxe de participación do 79,4%. O resultado foi negativo en 14.412 mulleres da área ferrolá, e 353 foron derivadas para valoración clínica adicional. Polo de agora, detectáronse un total de 65 cancros.
 

Por último, lembrar outra cuestión relacionada co cancro de mama, o Servizo de Radioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol incorporaba hai dous anos unha nova técnica na Patoloxía Mamaria, a Biopsia Asistida por Vacío mediante ecografía. Coa Biopsia extráese tecido da mama. A diferenza da Biopsia Asistida con Agulla Grosa, que emprega o corte como método de obtención da mostra, a Biopsia Asistida por Vacío mediante ecografía permite a obtención de mostras de maior tamaño polo seu sistema de aspiración.
 

Este aspecto é importante xa que a tendencia nesta área da patoloxía é extirpar xa lesións cando é necesario, ou saber a que tipo de lesión se enfronta o cirurxián cara a planificación do proceso cirúrxico. En canto á tecnoloxía coa que conta a área, a nova Resonancia Magnética melloraba a calidade dos estudos. Ademais, nos últimos tres anos téñense incorporado dous novos mamógrafos.
 

No Servizo de Radiodiagnóstico, realízanse diferentes probas relacionadas coa mama a pacientes que proceden de diversos ámbitos e especialidades: as consultas de Cirurxía Xeral; de Xinecoloxía, Oncoloxía, centros de saúde, doutros departamentos de Radioloxía, do Comité de Mama, dende hospitalización cando a paciente está ingresada, ou do Programa de cribado ou detección precoz.
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss