PRÁCTICAS SEGURAS E VALORACIÓN DO RISCO SON ALGUNHAS DAS CUESTIÓNS DA ÁREA FERROLÁ NO ENCONTRO NACIONAL DE CALIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
24 10 2019

O desenvolvemento de prácticas seguras e a  valoración dos riscos coa fin de poder reducilos e incrementar así a seguridade son os eixos da alta participación ferrolá un ano máis no XXXVII Congreso da Sociedade Española de Calidade que se celebra os días 23, 24 e 25 en San Sebastián. Son oito intervencións relacionadas coa actividade dalgúns dos sete servizos certificados. Lembrar que os servizos certificados no Sistema de Xestión de Calidade -Lavandería, Farmacia, Análises Clínicas, Subministros, Microbioloxía, Admisión e Documentación Clínica e Formación- renovaban este ano as súas certificacións pola norma UNE EN ISO 9001:2015. Esta norma afonda máis na análise de riscos, cunha visión máis global do entorno de cada un dos servizos, e unha implicación aínda máis ampla e explícita do equipo directivo
A intervención Unidade de Calidade: Nexo de Unión de Servizos e Criterios de Calidade describe neste encontro nacional a metodoloxía para a xestións de criterios comúns no sistema de xestión de calidade, como, por exemplo, os sete servizos realizan unha análise de debilidades e fortalezas ponderado e con seguimento anual; ou como se identifican os riscos a través da análise AMFE. A isto únense as diversas reunións e accións de seguimento tanto dos servizos como da dirección, un dos requisitos da norma. Esta xestión conxunta resulta ser “eficaz” e valorada como “dinamizadora” polos propios servizos certificados.
A Análise e Evolución do Boletín Informativo de Seguridade do Paciente, Calidade e de Xestión do Risco tamén ten presenza a nivel nacional. O Núcleo de Seguridade de Pacientes e de Xestión de Riscos Clínicos, un equipo multidisciplinar de profesionais de diversas categorías e ámbitos co que conta a Xerencia Integrada de Ferrol publica un boletín cuadrimestral dirixido ós e ás profesionais, dende o ano 2014. Trátase, entre outras cuestións, dunha ferramenta, da transmisión a profesionais dos eventos adversos que se notifican a través do Sistema de Notificación e Aprendizaxe para a Seguridade do Paciente SiNASP, instaurando unha cultura de seguridade. Xa son nove, como describen neste encontro, os boletíns publicados. Recordar que SiNASP permite a comunicación e o rexistro de incidentes (que non chegan ó paciente ou non lle chegan a provocar dano), ou do que se denominan eventos adversos (cando teñen producido dano ó paciente); en definitiva, de calquera circunstancia ou erro que afecta, ou podería chegar a afectar, ós usuarios e usuarias dos centros sanitarios.
O Boletín de Seguridade ten evolucionado e incorporando, ademais da notificación de eventos, posibles solucións e resultados de aplicar boas prácticas. Son seccións que transmiten información centrada na seguridade do paciente. Esta ferramenta traslada a información cun sistema rápido, comunica eventos adversos relevantes, recorda prácticas seguras, fomenta accións formativas, difunde accións de mellora e xestión dos servizos e traslada o seguimento de obxectivos sobre a seguridade do paciente. Como exemplo, no último boletín publicado, faise especial fincapé na correcta identificación do paciente, mencionando erros habituais e dando pautas a seguir. Recordan as accións de mellora acometidas, como a creación de carteis informativos relacionados con esta cuestión.
Lémbrase tamén a sesión clínica relacionada coas prácticas seguras coa medicación de uso crónico para toda a área. Descríbese que, durante o primeiro semestre deste ano, notificáronse un total de 67 incidencias en SiNAPS, 58 no Complexo e 9 nos centros de saúde. O 69% non tivo consecuencias no paciente, e o 30% tiñan un risco medio ou baixo. Identificalas serve para ofrecer información ó respecto, como é o caso da incorrecta identificación de paciente ó que se lle dedicaba o boletín nesta ocasión.
Microbioloxía, Farmacia e Formación
A achega do Servizo de Microbioloxía na implantación do programa de optimización do uso de antimicrobianos (PROA) nos centros sociosanitarios tamén se amosa en San Sebastián. Este servizo analizou as mostras das resistencias antimicrobianas de pacientes en centros sociosanitarios e propón facer accións formativas e unha guía conxunta de prevención de infeccións nestes centros. Este contacto “permite un mellor uso dos antibióticos”, e mellora tanto “a coordinación entre os centros sociosanitarios, os profesionais do programa e a dirección”, como “o seguimento de procesos, xestión de riscos e seguridade do paciente”. Este Servizo tamén amosa como se implantou a matriz de riscos no ámbito da Microbioloxía coa adaptación á norma. “Planificáronse accións para abordar eses riscos”, integrándoas no proceso, co que “se evita e se elimina a fonte dese riscos”. En definitiva “pódense previr e reducir os efectos non desexados, logrando unha mellora continua”.
Pola súa banda, o Servizo de Farmacia conta a súa experiencia coa comprobación do grao de seguimento das recomendacións sobre seguridade e calidade en Farmacia Oncohematolóxica. Revisaron as diversas guías das sociedades científicas ó respecto; realizaron unha selección de recomendacións e unha lista de comprobación de prácticas axeitadas. Este feito, explican a nivel nacional, “permite avaliar en profundidade a adecuación da unidade ás recomendacións de calidade e seguridade das sociedades científicas”, “deseñar medidas correctoras, no seu caso, e manter o ciclo de mellora continua”. Amosaron tamén un traballo sobre o protocolo de manexo da Cardioversión eléctrica, tratamento efectivo para restaurar o ritmo sinusal en pacientes con fibrilación auricular, “empregando rivaroxabán como anticoagulante oral, como uso especial, para pacientes que non precisasen anticoagulación de forma indefinida”, e cunhas características concretas.
Pola súa banda, a Unidade de Formación, responsable de planificar, organizar, executar e implementar tódalas actividades formativas que se organizan no ámbito sanitario na área, avalía neste encontro nacional a aplicación da metodoloxía Lean Healthcare e a matriz DAFO para mellorar, eliminar ineficiencias, e lograr que o traballo proporcione valor “perseguindo a excelencia”. Este modo de traballo logra cuestións como que o 98% das actividades formativas son acreditadas, ou, tamén, aumentar a produtividade.
Área sanitaria, amplo percorrido en Calidade
Por último, exemplificar con feitos a traxectoria da área sanitaria no eido da calidade e lembrar a aposta que se ten feito na área sanitaria de Ferrol por traballar con criterios de calidade. Conta co primeiro servizo de Lavandería de España en obter un certificado de xestión de calidade, en febreiro do 2000; Farmacia, que foi tamén o primeiro en toda España, en marzo do ano 2001; o Laboratorio de Análises Clínicas era o primeiro do Servizo Galego de Saúde, en decembro de 2001; Subministracións, que se certificou no 2007; Microbioloxía, no ano 2012; Admisión e Documentación Clínica, no ano 2015; e Formación Continuada, no ano 2017, tamén o primeiro departamento de formación de Galicia en se certificar.

SAÚDOS,
COMUNICACIÓN XERENCIA INTEGRADA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss