UN TOTAL DE 241 MÉDICOS DE FAMILIA QUE APROBARON A OPOSICIÓN ELIXEN DESTINO EN ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
26 10 2019
​Os aspirantes que superaron o proceso selectivo para o acceso á categoría de médico de familia do Servizo Galego de Saúde elixiron esta mañá un total de 241 destinos. O acto, celebrado no salón de actos da Consellería de Sanidade, contou coa presencia do titular do departamento sanitario autonómico, Jesús Vázquez Almuiña.
 
Cómpre subliñar ademais, que actualmente está en tramitación un novo proceso selectivo para a incorporación de 254 novos profesionais con vínculo fixo da categoría de médico de familia de atención primaria. Este proceso foi convocado por resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 21 de maio de 2019.
 
A isto hai que engadir que os Orzamentos da Xunta para o ano 2020, presentados recentemente, inclúen a creación dun total de 407 novas prazas na sanidade pública. Deste total, 252 son prazas para persoal sanitario (fundamentalmente no eido da enfermería), 133 para facultativos e 22 para o persoal de servizos. Estas novas prazas permitirán incrementar a dotación de efectivos nas institucións sanitarias do sistema sanitario público de Galicia, reforzando áreas importantes como a atención primaria.
 
Sinalar que o total de prazas ofertadas polo Sergas na oferta pública de emprego deste ano 2019 é de 1.314. Do total de prazas ofertadas, 332 son de persoal estatutario licenciado sanitario, 567 de persoal diplomado sanitario e de formación profesional e 415 prazas de persoal estatutario de xestión e servizos.
 
Galicia é a única comunidade galega que mantivo as convocatorias anuais de ofertas públicas de emprego dende o ano 2012, esgotando a taxa máxima de reposición e ampliándoa na oferta de emprego de 2019 ao 108%, por ter cumprido co superávit.
 
A dotación de todas estas prazas permitirá, logo dos correspondentes procesos selectivos, a incorporación de persoal fixo ás institucións sanitarias do sistema público de saúde de Galicia. E sumaranse aos máis de 6.000 profesionais incorporados nos últimos anos, permitindo a conformación de equipos estables de traballo. Isto redundará tamén nunha asistencia sanitaria de maior calidade e con maior satisfacción do usuario.
 
Toma de posesión novo destino
Do total dos 241 aspirantes convocados hoxe ao acto de elección de destino, 218 o foron pola quenda de acceso libre, 18 pola de promoción interna e 5 accederon pola quenda da discapacidade xeral. Por sexo, 201 aspirantes son mulleres, o que representa o 83,40%, e 40 homes. E a media de idade dos aprobados situouse nos 41,69 anos.
 
Por centros, as áreas sanitarias da Coruña, Santiago e Vigo concentran o maior número de destinos ofertados, cun total de 44, a área sanitaria da Coruña e 40, as de Santiago e Vigo, respectivamente.
 
O Sergas tamén adxudicaba na xornada de onte, venres, 40 destinos correspondentes a outras catro categorías de persoal estatutario: 18 do grupo de xestión da función administrativa, 9 do grupo técnico da función administrativa, 7 da categoría de enxeñeiro técnico e 6 correspondentes á categoría de técnico superior en documentación sanitaria. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss