PRESENCIA DA XERENCIA INTEGRADA DE FERROL NAS XORNADAS INTERNACIONAIS DE COIDADOS PALIATIVOS QUE SE CELEBRAN EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
28 10 2019

O paciente crónico e paliativo da Xerencia Integrada de Ferol está presente nas XIII Xornadas Internacionais da SECPAL (Sociedade Española de Coidados Paliativos) e a IX Xornada da Sogacopal (Sociedade Galega de Coidados Paliativos), que teñen lugar hoxe e mañá en Santiago de Compostela. O presidente do Comité Organizador deste encontro internacional é o responsable da Unidade de Coidados Paliativos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Marcelino Mosquera Pena, e destaca a alta participación con máis de 800 profesionais de España e Portugal e máis de 400 comunicacións, baixo o lema Adecuación de Coidados.
 

O traballo de profesionais da Consulta de crónicos: Itinerarios asistenciais ó final da vida: do paciente crónico complexo ó paciente paliativo; e do Servizo de Farmacia e a Enfermaría da Unidade de Coidados Paliativos: É posible o control sintomático con infusores subcutáneos a longo prazo?. Estudo observacional retrospectivo son os traballos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol que se poderán ver neste encontro. Xunto con isto, amósase tamén o proxecto colaborativo entre a Unidade de Coidados Paliativos e o Servizo de Oftalmoloxía para a obtención de córneas nesta unidade, tanto para o transplante de córnea na área sanitaria ferrolá, co mo para a formación nese ámbito.
 

Así, pola súa banda, os profesionais da Consulta de Crónicos do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario presentaron unha análise comparativa, dos últimos seis anos, sobre os coidados a pacientes crónicos complexos e a pacientes paliativos nos últimos 100 días de vida. Calculáronse frecuencias, porcentaxes e taxas por 100 días de seguimento para as visitas ós Puntos de Atención Continuada, a urxencia hospitalaria, as visitas médicas e de enfermaría a domicilio e outras consultas e probas médicas. Valoráronse preto de 1.500 pacientes e concluíron, entre outras cuestións, que “se aprecia un maior uso dos Puntos de Atención Continuada, ingresos e taxas de estadía nos pacientes paliativos fronte ós crónicos complexos”, onde se visualiza “unha maior frecuentación a urxencias, consultas e probas”. Conclúen polo tanto, que son dous perfís de pacientes diferentes, e faise necesario “identificar as situacións avanzadas da enfermidade”, no caso dos crónicos complexos; e “potenciar a atención domicilio“ en ámbolos dous grupos, liñas nas que xa se está a traballar dende esta sección.
 

Pola súa banda, os e as profesionais de Farmacia fixeron un seguimento a pacientes da Unidade de Coidados Paliativos ós que se lle administraba o tratamento para a dor por vía subcutánea nos ses domicilios. Normalmente, estes tratamentos son vía oral, e, nos casos máis complexos, establécese a vía subcutánea no ámbito hospitalario, o que implica ter que estar ingresado. Estas profesionais valoraron a posibilidade de estudar se os pacientes poden estar ben controlados a longo prazo, con esta modalidade subcutánea, no seu propio domicilio. O seguimento de seis pacientes durante un ano amosou que si é posible esta vía de tratamento fronte a dor no domicilio a longo prazo (máis de seis meses), e o paciente só ten que vir cambiar esa mediación ó centro hospitalario unha vez á semana. “Estiveron ben controlados e non houbo complicacións durante ese período”, explican.
 

Unidade e Comité de Coidados Paliativos
As Unidades de Coidados Paliativos son os dispositivos que se encargan de prestar os coidados paliativos en pacientes con enfermidades oncolóxicas e outras de carácter progresivo, e cun estadio avanzado, nas que a prioridade é proporcionar coidados físicos, psíquicos e sociais ó paciente e á súa familia. Trátase de procurar en todo momento a equidade na prestación dos servizos; a mellora na accesibilidade ós mesmos; unha atención interdisciplinar; e o respecto escrupuloso á autonomía e á dignidade das persoas. A Xerencia Integrada de Ferrol conta cunha Unidade deste tipo emprazada no primeiro andar do bloque B do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Consta de 10 camas, en cuartos individuais, habilitadas con sofá cama e baño asistido. Son un total de 940 metros cadrados de superficie total, distribuídos de xeito que os servizos xerais quedan na parte central e as habitacións abertas ás fachadas, incrementando a comodidade tanto para pacientes e familiares, como para os propios profesionais.
 

Esta Unidade funciona na área sanitaria ferrolá dende o ano 2005. Inicia a súa actividade co obxectivo de facer unha abordaxe integral ós pacientes cunha enfermidade avanzada e buscar o seu benestar. Forman parte dela un facultativo, unha supervisora de Enfermería; e once profesionais de Enfermaría. Un equipo multidisciplinar no que tamén se inclúe un traballador social, psicólogo e farmacéutica que completan a atención neste eido.
 

Por outra banda, conta tamén cun Comité Técnico de Coidados Paliativos que se renovaba hai un ano e que está formado por dez membros de diferentes especialidades e categorías, tanto do Complexo Hospitalario Universitario como dos centros de saúde, e relacionados cos coidados paliativos. O obxectivo é o asesoramento e promoción dentro da área sanitaria do coidado paliativo e implicar ós profesionais no que é o é este tipo de coidado. Apostan polo proxecto que agrupa os Coidados Paliativos, a Hospitalización a Domicilio (HADO), a atención ós Crónicos, e o Hospital de Día Médico. O obxectivo deste Comité é “que estes dispositivos traballen en equipo e cunha estreita relación, sobre todo coa atención primaria, para que os profesionais dispoñan dunha atención máis rápida e eficaz” que beneficie ós seus pacientes.
 

No ámbito da hospitalización, prodúcense en torno a 350 ingresos ó ano nesta Unidade de Coidados Paliativos e está activa unha Consulta de Coidados Paliativos que “facilita ó paciente o contacto coa Unidade”. Esta consulta amplía o campo de acción a aqueles pacientes que poden aínda vivir no seu domicilio e desprazarse ata o hospital. Prodúcese tódolos días de luns a venres, e existe un número de atención telefónica co que contactar se é necesario. Realízanse en torno ás 1.000 consultas anuais.
 

Nalgúns casos, cando a doenza progresa, poden ser tratados pola Unidade de Hospitalización a Domicilio, posto que todo esta interrelacionado como unidade funcional. Cada vez fanse máis ingresos e máis altas para a casa, xa que estar na casa segue a ser a prioridade. O perfil de paciente ten variado considerablemente e agora vense pacientes dende os 18 anos ata os 90. Chegan derivados de calquera das especialidades, cirurxía, uroloxía, neuroloxía, oncoloxía, ou medicina interna, entre outras.
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss