PREVENCIÓN, DETECCIÓN DE SÍNTOMAS E CHAMADA INMEDIATA Ó 061, CLAVES FRONTE Ó ICTUS, UNHA DAS PRIMEIRAS CAUSA DE MORTALIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
29 10 2019

Profesionais de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol sumábanse esta mañá ó Día Mundial do Ictus con información á poboación. O facultativo especialista en Neuroloxía, Ángel Aneiros Díaz; e a profesional de Enfermaría nesta especialidade, Teresa de Deus Fonticoba, subliñaban tres cuestións clave fronte a esta lesión no cerebro: a prevención dos riscos cardiovasculares, o recoñecemento das síntomas, e actuar o máis rápido posible cando se producen esas síntomas chamando ó 061. Na entrada principal do Hospital Arquitecto Marcide, estes profesionais tomaban a tensión, pesaban, medían a glucosa en sangue, e valoraban a todo aquel quixera os principais riscos cardiovasculares que están detrás ou que poden desembocar nun ictus, factores sobre os que a poboación pode incidir de xeito preventivo. Xunto con isto, un vídeo amosaba como actuar ante un ictus. Toda a información relativa a esta lesión pódese ver tamén estes días nas pantallas do sistema de quendas e nas dos cuartos de hospitalización.
Neste senso, destacan que ó previr as enfermidades cardíacas e vasculares, pódese loitar contra o ictus, primeira causa de mortalidade nas mulleres e segunda nos homes, a primeira causa de discapacidade, e a segunda causa de demencia. “O ictus é a fin común de moitas enfermidades cardiovasculares; cada vez temos unha poboación máis envellecida; de feito, o Plan Galego de Ictus xa estima que un de cada seis galegos sufrirá un ictus, por iso é tan importante que a poboación o saiba e poda facer algo de xeito preventivo”, informan estes profesionais.
Estes consellos preventivos multiplican o seu valor ó ter en conta que, se detectamos con celeridade ese ictus, e o paciente ten mellores condicións clínicas, poderá acceder ós tratamentos que tentan recanalizar esa lesión, como é a fibrinolise e a trombectomía. “Cada vez fanse máis e é mellor o acceso ós tratamentos recanalizadores”, explica o neurólogo, Ángel Aneiros. Na área sanitaria ferrolá, ingresan ó ano uns 200 afectados por un ictus. No ano 2013, beneficiábanse uns 11 pacientes dos tratamentos, e hoxe son ó redor de 45, case o 25% do total. E nesta mellora conflúen cuestións como o desenvolvemento do Código Ictus; a activación dos protocolos no marco do Plan de Ictus galego; que hai máis información ó respecto; e que a xente, que está máis concienciada, avise antes. É unha cadea que implica que “máis poboación se beneficie dos tratamentos, non só que vivan, se non que o fagan con mellor calidade de vida”, reseñan.
Ictus, detectar os tres F:  Fala, Forza e Faciana
O ictus ou accidente cerebrovascular, tamén coñecido como trombose, embolia ou derrame, é unha enfermidade producida por un trastorno brusco da circulación cerebral que altera o funcionamento dunha ou varias áreas do cerebro. Existen fundamentalmente dous tipos de ictus: o ictus isquémico, que é o máis frecuente, prodúcese pola obstrución ou taponamento dun vaso, que impide que o sangue chegue a unha ou varias áreas do cerebro. A interrupción do fluxo sanguíneo provoca unha diminución da achega continua de osíxeno e nutrientes que precisan as neuronas para poder desenvolver as súas funcións. Se esta situación se mantén no tempo, pode quedar unha lesión permanente na rexión afectada. O segundo tipo de ictus é o hemorráxico que, aínda que menos frecuente, orixínase como consecuencia da ruptura dun vaso dentro do cerebro ou nas súas envolturas e causa unha hemorraxia cerebral.
O ictus preséntase de forma brusca e inesperada; e constitúe unha emerxencia médica que require dunha intervención inmediata para realizar o diagnóstico e o tratamento. Maniféstase normalmente con perda de forza, de visión, de sensibilidade, ou tamén con alteracións na fala, o que se coñece como as tres F, Forza, Fala e Faciana, claves para recoñecer un ictus e alertar do mesmo o antes posible. Fala, non ser capaz de dicir correctamente palabras simples; Forza, non poder elevar os brazos á mesma altura máis de dez segundos; e Faciana, non mostrar tódolos dentes ó sorrir.
Esta patoloxía é o resultado da confluencia dun determinado estilo de vida e de circunstancias persoais. Os factores de risco máis importantes son a idade (máis frecuente en maiores de 60 anos); os antecedentes persoais ou familiares de enfermidades cardiovasculares; a hipertensión arterial; as dislipemias (colesterol e outros lípidos aumentados); a diabetes mellitus; o consumo de tabaco, alcohol e drogas; e a vida sedentaria. Lembrar que a prevención do ictus é a mesma que para as enfermidades cardiovasculares: dieta san, control da tensión, do azucre, e do colesterol; evitar tóxicos, como o tabaco; e facer exercicio. Nisto incidían os profesionais esta mañá.
Plan Ictus en Galicia
Galicia conta cun Plan de Ictus co obxectivo de reducir o tempo entre o inicio do ictus e o acceso a un diagnóstico e tratamentos especializados. O Ictus é o resultado dun déficit de perfusión ou irrigación nunha parte do cerebro, o que provoca un deterioro ou morte do tecido cerebral. Canto máis tempo se está a producir ese déficit de perfusión, máis dano; e ese tempo de atención para evitar morte e minimizar consecuencias é fundamental. A Xerencia Integrada de Ferrol xa conta cun Protocolo de atención e tratamento do ictus isquémico en fase aguda dende o ano 2013, elaborado por un equipo multidisciplinar de profesionais da área sanitaria e que se complementaba coa activación do Plan Galego de Atención ó Ictus, en xuño de 2016. O Plan procura diminuír a mortalidade das persoas que sofren un ictus isquémico en Galicia; reducir o tempo transcorrido entre o inicio dos síntomas e a chegada ao hospital e a demora na confirmación diagnóstica; adecuar o procedemento terapéutico ás necesidades específicas asistenciais do paciente; e coordinar a actuación entre os distintos profesionais.
Estes plan recolle unha serie de pasos, destacando a importancia de que “os profesionais dos centros de saúde que poden atender a ese paciente, e os do 061 que trasladan, incidan na existencia dun Código Ictus; e informen rapidamente ó centro hospitalario receptor, xa que, en canto chegue ese paciente, e sendo priorizado como un Código Ictus, xa se dirixe ó ámbito da radioloxía, como centro de tratamento, onde se pode valorar e intervir xa conxuntamente para gañar tempo. “Trátase de facelo todo máis sinxelo; eliminar obstáculos do circuíto, xa que o tempo é o fundamental, e a palabra clave é Código Ictus na atención en calquera ámbito”, reiteran.
Neste senso, cando unha persoa sufra algunha das síntomas mencionadas e resumidas nos tres F: Fala, Forza e Faciana, deberá chamar ó 061. Nese momento, o médico deste organismo confirmará a existencia do ictus a través do protocolo específico, activará un código ictus, e unha ambulancia recollerá ó paciente para o seu traslado ó hospital máis próximo, mentres a central do 061 avisa da súa chegada. Unha vez no hospital, terá acceso prioritario ó Servizo de Críticos e de Radioloxía do centro, onde se lle fará unha TAC cranial diagnóstica. Naqueles casos que polas súas características sexan susceptibles de fibrinolise (recanalización vascular), esta medicación será administrada no propio hospital. Na área sanitaria ferrolá, os pacientes pódense beneficiar deste tratamento recanalizador, administrado no propio Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
Logo da avaliación ou aplicación deste tratamento, se é o caso, decidirase se o paciente é candidato a ser trasladado a un hospital de referencia cunha unidade de ictus -en Galicia hai tres, na Coruña, Santiago e Vigo- para a realización dunha trombectomía (tratamento que implica a extracción do trombo da arteria, que é o que está a provocar o dano cerebral). O traslado farase no menor tempo posible e, unha vez alí, realizarase un tratamento mediante neuroloxía intervencionista consistente en recanalizar a obstrución da arteria que está producindo a falta de circulación no cerebro.
O protocolo ferrolá da resposta ó que se consideran os tres piares básicos que melloran a morbimortalidade -os factores discapacitantes- no caso dun ictus: a atención multidisciplinar e organizada; o tratamento recanalizador ou fibrinolítico; e a rehabilitación precoz. Este protocolo implica que tódolos profesionais actúen do mesmo xeito. Aporta, de xeito global, unha atención organizada na cadea de atención ó paciente con ictus no Complexo; unha mellor selección dos pacientes que se podan beneficiar dos tratamentos que existen en fase aguda; unha precoz aplicación deses tratamentos dispoñibles; e unha maior calidade de atención cunha actualización continua en novidades e futuros tratamentos. A importancia de cumprir este circuíto reflíctese nas cifras xa mencionadas. No ano 2013, no que se activaba o plan da área ferrolá, realizábanse uns 11 tratamentos fibrinolíticos; e, no último ano, os tratamentos que foi posible realizar ascenderon a 45.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss