A COMUNICACIÓN SOBRE UN PROGRAMA PILOTO DE PREVENCIÓN DAS ÚLCERAS POR PRESIÓN, NOVO PREMIO NACIONAL Á ENFERMARÍA DA ÁREA FERROLÁ
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
31 10 2019

A comunicación oral Monitorización da presión corporal en tempo real para previr úlcera: Estudo piloto de innovación tecnolóxica, acadou o premio á mellor comunicación oral no XV Congreso de Enfermaría Dermatolóxica, que, co lema A pel, o noso reflexo, reunía a expertos en Cartagena a pasada semana. Neste encontro nacional da Asociación Nacional de Enfermaría Dermatolóxica e Investigación en Deterioro da Integridade Cutánea (Anedidic), os profesionais de Enfermaría da área amosaban a pilotaxe que se está a realizar no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol para validar unhas fundas de colchón con sensores que indicarían, cun mapa corporal de cores, a presión que está a ter un paciente e o risco de que esa maior presión lle xere unha úlcera por presión (upp). Coñecendo iso en tempo real, e en cada paciente, adaptaríanse os cambios máis necesarios e adaptados ó mesmo para previr esas feridas ou deterioro da integridade cutánea.
 

Como describen os profesionais de Enfermaría, José María Rumbo Prieto, Ramón Delgado Fernández e Luis Arantón Areosa na súa comunicación, “as úlceras por presión son un importante problema de saúde para os pacientes”. O desenvolvemento deste tipo de úlceras débese a unha prolongada exposición á presión na pel, o que provoca un risco ou deterioro de integridade cutánea. A abordaxe desta tipo de úlceras na área sanitaria ferrolá ten sido valorada en diversos foros científicos e xa se seguen tódolos estándares de calidade para evitarlles ós pacientes as feridas provocadas por teren que estar deitados ou sentados moito tempo. Como se reflicte no traballo, con este proxecto “únense as recomendacións in situ con axuda de dispositivos tecnolóxicos que permitan a súa monitorización. Modúlase o factor tempo e axústase máis ás necesidades dos pacientes”, describen.
 

Pilotaxe previo ó futuro
Na actualidade, xa existe unha planificación dos coidados, cun rexistro de cambios posturais e un uso de superficies de manexo de presións (SEMP), fundas de colchón especiais, naqueles pacientes que son categorizados como de risco seguindo una serie de parámetros estandarizados. Este sería un chanzo máis e, incorporando a innovación tecnolóxica, melloraríase aínda máis na prevención deste importante problema do paciente encamando. Aplicaríanse a esas fundas uns sensores que irían medindo a presión nos distintos puntos, vendo en tempo real no monitor en que puntos se está a producir maior presión (colores cálidos), e nos que aínda non é necesario facer mobilización (cores frías). Así, realizaríanse os movementos nas partes realmente necesarias aliviando a presión, medida básica para evitar esa úlcera. Ós profesionais axúdalles a monitorizar o risco real e previr proactivamente, e para os pacientes supón melloras dos estándares de seguridade e de calidade asistencial e dos coidados.
 

Neste encontro nacional, os autores describiron no traballo destacado o sistema piloto que se realizou tomando as posicións básicas: decúbito supino (boca arriba), decúbito lateral (lateral) e sentado, e como 1.152 multisensores de presión incorporados ó tecido da funda de colchón de uso sanitario, en combinación cun concentrador de biosinais con conexión bluetooth, un decodificador (sisens) e un software experimental propio do Sergas, permiten esa representación visual do corpo e da superficie de presión, o grado de presión soportado e a súa intensidade.
 

Este proxecto SiSENS-UPP de alerta de alto risco de úlceras por presión é unha das innovacións tecnolóxicas froito do proxecto europeo e do Sergas denominado H2050, no subgrupo de H6 Habitación Intelixente, que liderou a área sanitaria ferrolá, e que será o futuro neste ámbito. Esta pilotaxe coa que se están validando estes sensores e o ensaio coa funda multisensor é premiado no ámbito científico nacional.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss