NEFRÓLOGOS GALEGOS ALERTAN EN FERROL SOBRE O INCREMENTO EN GALICIA DO NÚMERO DE PACIENTES QUE PRECISAN DIÁLISE E TRANSPLANTE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
15 11 2019

Ó redor de 70 nefrólogos de Galicia e Asturias reúnense, hoxe e mañá na cidade de Ferrol, no 6ª Congreso da Sociedade Galega de Nefroloxía. Estes profesionais alertan sobre o incremento en Galicia do número de pacientes que precisan diálise e transplante. Este encontro ábrese cun taller, no Hospital Naval de Ferrol, sobre enfermidades glomerulares no que se discutirán casos clínicos, entre eles, algún presentado polos profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Xa na tarde de hoxe, venres 15, e de mañá, sábado 16, as sesións serán en Afundación, na praza da Constitución, en Ferrol. Preséntanse ó redor de 40 traballos.
Os profesionais da área sanitaria ferrolá participan no taller da primeira mañá cun caso clínico sobre síndrome nefrótica ideopática; e, no marco do Congreso, achegaron traballos relativos á enfermidade renal poliquística e á diálise. Galicia empeora as cifras de impacto da Enfermidade Renal Crónica, en especial no caso da prevaleza, que o número total de persoas que ten pasado a precisar diálise ou transplante, un dos motivos polo envellecemento da poboación. Sitúase por riba da media nacional con 1.395 casos pmp, fronte ós 1.304 pmp da media nacional. Máis de 3.600 galegos precisan diálise ou transplante para substituír a súa función renal.
Fronte ás cifras, o responsable de Nefroloxía do Complexo ferrolá e presidente da Xunta directiva da Sociedade Galega de Nefroloxía, Pablo Bouza Piñeiro, volve a incidir na prevención como elemento fundamental. A hipertensión e a diabetes está detrás da insuficiencia renal. E fronte a estas patoloxías, a poboación pode optar pola dieta san e equilibrada, evitando as graxas saturadas; o exercicio físico regular; e o abandono do tabaco.
Na actualidade, no caso da área ferrolá, están incluídos no rexistro galego de enfermidades renais un total de 121 pacientes en hemodiálise; 20 en diálise peritoneal e 133 cun transplante funcionante. Na área sanitaria ferrolá, realizáronse un total de 3.631 consultas externas en Nefroloxía, durante o pasado ano 2018, das que 231 eran primeiras consultas. A maiores, os e as profesionais de Nefroloxía atenderon un total de 399 consultas a través da Telemedicina cos centros de saúde. Ademais, fixéronse un total de 3.425 sesións de hemodiálise tanto de agudos (856) como de crónicos (2.569).
Atención ó ril na  Área Sanitaria de Ferrol
Lembrar que a atención ás enfermidades do ril recae en Nefroloxía da Área Sanitaria de Ferrol que ten como misión a atención ós pacientes con patoloxía renal, tanto aguda como crónica, ó longo dos diferentes estadios evolutivos da enfermidade. Un total de cinco facultativos especialistas e dez profesionais de Enfermaría, entre diálise e consulta, ocúpanse do coidado dos pacientes, xunto co persoal de hospitalización, e contando igualmente co apoio dos profesionais dos centros de saúde en tódalas etapas da enfermidade. 
Nefroloxía abrangue a Hospitalización, as Consultas Externas, e a Unidade de Diálise. Esta Unidade ten capacidade para realizar tódalas diferentes terapias. Realízase Diálise domiciliaria e a hemodiálise de crónicos e de agudos. No caso da hemodiálise, existe no Complexo para a súa aplicación un sistema de tratamento con capacidade de producir auga ultrapura, totalmente libre de contaminación bacteriana. Cóntase tamén cunha nova máquina portátil para a hemodiálise domiciliaria que favorece a rehabilitación social e laboral do enfermo crónico, e, ademais, simplifica moito o tratamento.
Pola súa banda, nas consultas externas abórdase a Nefroloxía Xeral, e conta tamén con tres consultas monográficas, a de Enfermidades Glomerulares e Sistémicas, a de Enfermidades Renais Hereditarias e a de Enfermidade Renal Crónica Avanzada. As enfermidades glomerulares son un grupo de enfermidades do ril que afectan ao glomérulo, unha estrutura encargada de filtrar o sangue para producir a urina; diversas enfermidades poden facer que se perda esta barreira, eliminándose na urina proteínas e distintos tipos de células. Sen un correcto tratamento, estas enfermidades poden levar á insuficiencia renal en pouco tempo. Pola outra banda, diversas enfermidades sistémicas como son o lupus ou as vasculites poden afectar tamén ao ril e conducir a unha insuficiencia renal terminal sen un tratamento axeitado.
Na consulta de Enfermidades hereditarias abórdanse as enfermidade de ril cun compoñente xenético. O eido das enfermidades hereditarias é un dos campos da especialidade onde maiores progresos se acadaron nos últimos anos, facendo posible diagnósticos precisos en patoloxías nas que pouco  tempo atrás só se aproximaba o diagnóstico a través da clínica. O estudo xenético está a permitir o diagnóstico do paciente e familiares e prestar consello xenético. Os pacientes e as súas familias poden contar cunha asistencia especializada na atención de doenzas pouco frecuentes e de elevada complexidade. Finalmente, na consulta de Enfermidade Renal Crónica Avanzada séguense a máis de cen pacientes nos estadios máis evolucionados da enfermidade, cunha media de 77 anos e que moitos dos cales precisarán nun futuro realizar tratamento de substitución renal. Xunto con isto, o servizo foi o primeiro en Galicia en realizar Teleconsulta de Nefroloxía cos centros de saúde.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss