SETE DE CADA DEZ PACIENTES DESCOÑECEN QUE TEÑEN ENFERMIDADE PULMONAR OBSTRUTIVA CRÓNICA (EPOC)
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
20 11 2019

Sete de cada dez pacientes descoñecen que teñen Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC). O Día Mundial desta enfermidade celébrase hoxe; e profesionais de Pneumoloxía súmanse a este día recordando as cousas que se poden facer para previr a que xa é a terceira causa de morte. Invitan á poboación da área sanitaria ferrolá non fumar, e a deixalo se xa se ten ese hábito,  xa que é a principal actividade preventiva que a cidadanía pode facer para evitar esta enfermidade. Outra medida clave é que tódalas persoas diagnosticadas de Enfermidade Obstrutiva Crónica reciban a vacina antigripal e a antipneumocócica, xa que son un grupo de risco para a que está recomendada. Nese senso, recordar que a campaña de vacinación antigripal está aberta ata o 27 de decembro.
A EPOC é unha enfermidade que afecta ós bronquios e que implica unha obstrución das vías respiratorias; e maniféstase normalmente en persoas maiores de 35 anos, fumadoras, que comezan a notar certa dificultade para respirar, subir costas, ou refiren falta de vida. “Calquera home ou muller que fume, que teña tose, expectoración, ou falta de vida ó facer esforzo físico, débello comentar ó seu médico”, engaden os especialistas, xa que o infradiagnóstico é un dos grandes problemas desta patoloxía. Esta patoloxía é a terceira causa de transplante pulmonar por debaixo dos 65 anos, detrás da fibrose quística e a fibrose pulmonar idiopática. É a primeira de mortalidade evitable. Esta enfermidade supón o 10% do total de consultas nos centros de saúde e o 30% da atención hospitalaria en Pneumoloxía.
Esta enfermidade ten moi poucas manifestacións clínicas a pesar das súas grandes consecuencias de aí a importancia da busca activa, e de días como este, que poñen o acento na importancia dunha enfermidade cunha prevaleza na poboación do 11%, xa moi preto da diabetes. A Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria (SOGAPAR) realizou unha enquisa hai catro anos e só o 10% dos pacientes sabían que tiñan EPOC. Na actualidade, esta porcentaxe subiu ó 40% por cento, pero aínda moi lonxe do coñecemento que os pacientes teñen da súa propia enfermidade noutras enfermidades crónicas como a mencionada diabetes.

Detección precoz da EPOC
Sobre esa necesidade da busca activa da enfermidade, os especialistas en Pneumoloxía subliñan o papel dos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, claves nesa procura e na ratificación da sospeita a través das espirometrías, unh aporba que indica a capacidade pulmonar. Nos últimos anos, e no caso da área sanitaria ferrolá, téñense incorporado espirómetros ós centros de saúde, foi das primeiras en incorporalos. Hai diferentes tipo de EPOC, o que se denominan fenotipos, e a tendencia é a tratar ós pacientes segundo ese fenotipo ou gravidade dese enfermidade pulmonar obstrutiva crónica. Cada vez realízase máis terapia individualizada; hai guías que axudan; e establécense terapias individualizadas.
En termos xerais, lembrar que o Servizo Galego de Saúde elaborou en colaboración con profesionais sanitarios de toda Galicia, un Plan de Atención Integral da EPOC que dá conta dos distintos recursos, fluxos e prioridades de traballo en torno a esta moi prevalente, pero descoñecida enfermidade. Sobre todo no que se refire á necesaria colaboración entre os e as profesionais do ámbito hospitalario e do centro de saúde. O obxectivo final do PAI de EPOC é intentar reforzar as actividades preventivas para diminuír a incidencia da EPOC; aumentar a proporción de pacientes diagnosticados nun acto único; diminuír o infradiagnóstico; prescribir o tratamento correcto; e conseguir a máxima calidade de vida, sempre dentro dunha valoración multidisciplinar. A fin última deste proceso asistencial integrado é garantir a continuidade asistencial, e diminuír a variabilidade ao longo do proceso asistencial.
Por outra banda, e no marco da información relativa o PAI de EPOC, a Xerencia Integrada de Ferrol facilita no seu espazo electrónica para os traballadores (Intranet) unha ferramenta que facilita o manexo dos pacientes con EPOC no ámbito dos centros de saúde, a calculadora EPOC. No PAI da EPOC, un dos aspectos claves para a súa idónea posta en marcha é o correcto diagnóstico e estratificación dos pacientes, o que, á súa vez, permite establecer un tratamento farmacolóxico adecuado na fase de estabilidade. Con todo, para establecer os fenotipos clínicos, o nivel de gravidade e adecuar as recomendacións terapéuticas a estes resultados desenvolveuse esta ferramenta informática, a Calculadora EPOC, que permite calcular todos estes parámetros con tan só introducir os datos de espirometría, peso, talla, ou grao de disnea, entre outros.

SAÚDOS,
COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss