O PROGRAMA DE OPTIMIZACIÓN DO USO DE ANTIMICROBIANOS (PROA) CHEGA ÓS CENTROS DE SAÚDE E SOCIOSANITARIOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
22 11 2019

O Programa de Optimización do Uso de Antimicrobianos (PROA) da Área Sanitaria de Ferrol chega ós centros de saúde e ós centros sociosanitarios. Este programa consegue reducir os días de tratamento antibiótico, e nunha media de seis días a estancia hospitalaria, pero as resistencias aínda producen unhas 2.500 mortes anuais en España. Estes son algúns dos datos que se amosaba na sesión clínica para profesionais de hoxe dedicada a concienciar sobre o problema da resistencia ós antibióticos. O Día Europeo para o Uso Prudente dos Antibióticos celébrase o 18 de novembro, e, aproveitando a importancia desta día, os catro especialistas da Xerencia que forman o grupo do mencionado programa PROA, realizaron diversas accións, entre elas esta sesión, co obxectivo de concienciar ós profesionais sanitarios e ó entorno sociosanitairo dos riscos asociados ó uso inadecuado de antibióticos.
A farmacéutica, Belén Bardán García; o microbiólogo, Pedro Miguel Juiz González; o facultativo da Unidade de Infecciosas, José Francisco García Rodríguez; e a recente incorporación, a especialista en medicina Familiar e Comunitaria, Julia Carpente Montero, coincidiron dende cada un dos seus ámbitos na necesidade de usar axeitadamente os antibióticos, “se non facemos algo, no 2050, as mortes chegarán a 40.000 en España, e non poderemos culpar ás resistencias porque nós seremos os responsables”; e “a resistencia a antibióticos desbancará ó cancro como primeira causa de morte”, remarcaban esta mañá.
Orixe de PROA
Os antimicrobianos (antivirais, antimicóticos, antibacterianos e antimicobacterias) son fármacos que teñen amosado unha grande eficacia na redución da morbilidade e a mortalidade das enfermidades infecciosas, pero a súa utilización excesiva ou inadecuada pode contribuír a aparición de resistencias microbianas, é dicir, perder a afectividade do tratamento para infección nun paciente. A Comisión de Infeccións plantexou a posibilidade de implantar un Programa de Optimización de Antimicrobianos (PROA) con tres obxectivos: mellorar os resultados dos pacientes con infeccións; minimizar os efectos adversos asociados ó emprego destes antimicrobianos, incluíndo as resistencias; e garantir o emprego de tratamentos o máis costo-efectivos posible. Todo isto sempre con vocación de asistencia e asesoramento ó prescritor. PROA activouse no ano 2014. Para a consecución destes obxectivos, este grupo multidisciplinar realizou unha serie de actividades encamiñadas á mellora na prescrición dos antibióticos no ámbito hospitalario, que se monitorizaron con indicadores cuantitativos; e se valorou un estudo concreto dun antimicrobiano de amplo uso como é o meropenem.
O equipo de PROA avoga tanto pola interacción directa cos profesionais das distintas especialidades do hospital susceptibles de prescribir un antimicrobiano, como por estar dispoñibles para o asesoramento sobre a mellor opción terapéutica, e o control de resposta do paciente á mesma. Fan un seguimento dos pacientes ós que se lle prescribe un antibiótico, e se pon en contacto cos profesionais, isto é, faise un diagnóstico da realidade actual en relación co consumo destes antimicrobianos, e o comportamento das resistencias no ámbito hospitalario ferrolá, para ir coñecendo os problemas e vixiar aqueles microorganismos multirresistentes (como algúns tipos de enterobacterias, pseudomonas, acinetobacter, staphilococos ou enterococos, entre outros).
Esta mañá recordaron a valoración da utilización do grupo de antibióticos, Carbapenems, en pacientes ingresados, facendo un seguimento sistemático de cada paciente que empece algún destes tratamentos. Tras un seguimento prospectivo a 852 pacientes con idades comprendidas entre os 15 e os 68 anos, entre os anos 2015 e 2017, concluíron que o 81% dos profesionais aceptaba o asesoramento antibiótico en relación con estes pacientes no marco do PROA, e os cambios que se producen conseguen acurtar os días de tratamento antibiótico e a estancia hospitalaria dos pacientes en 5,9 días, sen diferencias na evolución clínica. Isto implica que aplicar racionalmente os antibióticos pode supor aforrar máis de 1.500 estancias hospitalarias.
Outro dato que amosa o beneficio de facer un uso correcto dos antimicrobianos é que diminúan as multirresistencias na bacteremia. Unha multirresistencia é cando un paciente con infección só é sensible a un limitado grupo de antibióticos, quedando moi diminuído así o espectro de tratamentos posibles. O valor destes estudos ó respecto amósase en que os resultados obtidos co programa de uso racional do Meropenem foron publicados no European Journal of Clinical Microbiology and Infectious Diseases. Este artigo foi situado  entre os trece mellores entre ó redor de 1.000 no Open Forum Infectious Diseases, publicado pola Universidade de Oxford en nome da Sociedade Americana de Enfermidades Infecciosas.
Extensión ós centros de saúde e centros sociosanitarios
Na sesión de hoxe, a especialista de Farmacia Belén Bardán, incidiu na necesaria redución no consumo de antibióticos facendo un percorrido polos distintos grupos.  Pola súa banda, o microbiólogo, Pedro Juiz, falou da monitorización das resistencias e exemplificou a tendencia en diversas infeccións, como por exemplo, a urinaria. Julia Carpente fixo referencia a importancia de valorar todos estes aspectos no ámbito dos centros de saúde xa que unha de cada tres consultas en atención primaria é por enfermidades infecciosas, e os  antibióticos supoñen entre o 80 e o 90 por cento das receitas prescritas.
Pola súa banda, José Francisco García expuxo a experiencia cos centros sociosanitairos, onde as resistencias ós antibióticos increméntanse considerablemente. Por isto, achegáronse esta ano con sesións clínicas sobre o óptimo uso dos antibióticos tanto ós centros de saúde, comezando polos máis grandes de Narón e Fontenla Maristany, a á totalidade dos centros sociosanitarios en coordinación cos farmacéuticos destas institucións.
Outra das novidades, no marco do programa PROA é a colaboración con Alergoloxía, na abordaxe e manexo dos “pacientes etiquetados de alerxia, que son un 10%. Pero evidencias apuntan a que un 80% deses pacientes non o son realmente, e atrásase o tratamento antibiótico necesario ou axeitado nese perfil de pacientes”, describían esta mañá.
Os antibióticos NON valen para todo
De xeito global, recordar que o obxectivo do Día Europeo para o Uso Prudente do Antibiótico, que se celebra o 18 de novembro, é sensibilizar sobre a ameaza que a resistencia ós antibióticos supón para a saúde pública, e fomenta-lo emprego prudente do mesmo. Usa-los antibióticos con esa prudencia pode axudar a deter o desenvolvemento de bacterias resistentes; e conseguir que os antibióticos manteñan a súa eficacia para as xeracións futuras. Un emprego inadecuado do mesmo pode ser causa de colonización ou infección por bacterias resistentes (restando ou anulando a efectividade do propio tratamento) ou de incremento de infeccións, desencadeando problemas de saúde. A clave é non automedicarse; tomar só a medicación antibiótica con prescrición facultativa; e que os profesionais contribúan ó control do consumo dos mesmos por parte dos pacientes.
  
As pantallas dos ordenadores de tódolos profesionais da Área Sanitaria de Ferrol amosan    esta semana os principais erros no uso dos antibióticos, que establecen os programa PROA e o Núcleo de Seguridade de Paciente con que conta a área ferrolá: a ausencia de infeccións e/ou signos de gravidade; a demora no inicio do tratamento en pacientes con sepse grave ou shock séptico; a elección non axeitada do medicamento, da dose, ou da vía de administración, e a duración inadecuada do tratamento. E remarcan os catro momentos da toma de decisións con antibióticos: Ten o paciente unha infección que require antibióticos? Ordenei a toma de cultivos axeitados para pautar o antibiótico? Que antibiótico empírico debería iniciar?; Pasou un día ou máis, podo parar o tratamento? Podo diminuír o espectro?, Podo secuenciar de trato á vía oral; e, por último, que duración de trato antibiótico é necesaria para o diagnóstico do paciente?. E subliñan: Non. Os antibióticos NON valen para todo.
As estratexias para evitar as resistencias a antibióticos son múltiples, e incluso algunhas tan sinxelas como o lavado de mans, que poden facer profesionais e poboación. “Lavar as mans protexe de ó redor de 200 enfermidades e diminúe as resistencias”, explicaban esta mañá. Xunto con isto, inclúese a continua educación e formación ó respecto; e o uso de guías de antibióticos e de políticas hospitalarias baseadas na evidencia.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss