A PSIQUIATRÍA FERROLÁ É PREMIADA NUN ENCONTRO GALEGO CON DOUS TRABALLOS: TRANSTORNOS PSIQUIÁTRICOS E DEMENCIA, E PARAFRENIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
22 11 2019

A Psiquiatría da Área Sanitaria de Ferrol destaca na XXVIII Reunión da Asociación Galega de Psiquiatría e XXIII Congreso Astur-Galaico de Psiquiatría, celebrados os días 15 e 16, no Hospital Universitario Lucus Augusti, en Lugo, co lema Psiquiatría ó longo da vida. Os profesionais deste Servizo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol recibían dous galardóns: o premio á mellor comunicación oral cun estudo observacional sobre os trastornos psiquiátricos como factores de risco de demencia; e o premio ó mellor vídeo, que amosaba un caso clínico de parafrenia, unha forma de esquizofrenia recollida por autores clásicos, que ten un prognóstico máis favorable.
Os e as profesionais de Ferrol participaron tamén cunha comunicación tipo póster que afondaba no perfil de paciente ingresado na hospitalización de Unidade de Agudos do CHUF; e co desenvolvemento dun taller sobre Tratamento Asertivo Comunitario (ETAC), modalidade de atención na que a área sanitaria ferrolá ten sido destacada en numerosos foros galegos e nacionais.
Galardóns ó traballo ferrolá
Na comunicación oral galardoada, os especialistas parten dunha premisa xa coñecida: “a evolución de certos trastornos psiquiátricos, como a esquizofrenia, cara unha situación de deterioro cognitivo progresivo”. Constatan, cun estudo observacional retrospectivo sobre antecedentes psiquiátricos en pacientes que padecen demencia, que si “existe un aumento da prevaleza de trastornos afectivos (como ansiedade e depresión), de inicio tardío, en pacientes con demencia avaliados”. Seguiron as historias clínicas de 113 pacientes diagnosticados con demencia (un 64% deles tiñan Alzheimer como diagnóstico máis frecuente) nas consultas das Unidades de Psicoxeriatría e de Trastornos Cognitivos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, nun período de medio ano.
Un 58% dos mesmos tiña seguimento previo en Psiquiatría, e o trastorno máis frecuente eran os clasificados como trastornos afectivos (síndrome ansioso ou ansioso depresivo). Constataban así no traballo que a maioría dos pacientes diagnosticados con demencia inician o seu seguimento psiquiátrico a unha idade avanzada, e normalmente son diagnosticados dun trastorno afectivo previamente, como a ansiedade. "Ponse o acento entón na necesidade de detectar estes trastornos como posibles pródromos  (síntomas iniciais) a unha demencia”, explican.
Por outra banda, no caso do vídeo galardoado, os autores amosan un caso clínico de parafrenia, que é unha forma de esquizofrenia, que, aínda que non está codificada actualmente, está descrita por autores na literatura clásica. Emprégase este vídeo para “analizar esa psicopatoloxía presente durante a entrevista coa persoa afectada, e discutir sobre o diagnóstico diferencial”, con respecto a outros trastornos psiquiátricos. Esta forma de esquizofrenia non é moi frecuente, pero ten un mellor prognóstico, e presenta “síntomas psicóticos floridos, con ideacións delirantes moi imaxinativas, e con escaseza de síntomas negativos”.
Unidade de Agudos e Tratamento Asertivo
Xunto cos galardóns, era aceptado para amosar como comunicación oral un estudo descritivo da poboación de pacientes hospitalizados na Unidade de Agudos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, en función do grupo de idade, as súas características sociodemográficas e clínicas, e o perfil de ingreso. Estúdanse un total de 102 pacientes durante cinco meses. Con isto, recóllese un perfil de paciente para poder afondar. A maior parte dos pacientes son homes, con estudos básicos, solteiros, convivindo con familiares diferentes á súa parella, e emprazados no grupo de idade entre os 21 e os 64 anos. O principal motivo de ingreso son as alteracións de conduta; a maior parte eran derivados dende o servizo de Urxencias; e máis da metade tivera xa ingresos previos. “Este estudo amplía os horizontes para rastrear un perfil claro dos pacientes, o que podería axudar ós profesionais a desenvolver intervencións mellor focalizadas, así como a promover unha mellor asignación de recursos dispoñibles”, explican.
Por último, os profesionais coordinaron tamén un taller sobre Tratamento Asertivo Comunitario. Lembrar, neste senso que o Servicio de Salud Mental da área sanitaria ferrolá traballa segundo o modelo comunitario. Nunha rede de saúde mental comunitaria a Unidade de Saúde Mental adopta unha posición central, sendo os seus profesionais os garantes da continuidade de coidados dos pacientes con enfermidade mental grave. Na área sanitaria ferrolá, a atención estrutúrase basicamente nos dispositivos de Hospitalización, Psicoxeriatría, Atención a adiccións e a Área de Rehabilitación Psicosocial.
Dentro deste ámbito de Rehabilitación Psicosocial, cóntase co Hospital de Día Psiquiátrico, que é un punto forte desta área sanitaria xa que acoden tanto paciente crónicos como subagudos, evitándose de esta maneira moitos ingresos hospitalarios. Xunto ó Hospital de Día, está tamén o mencionado Equipo de Tratamento Asertivo Comunitario (ETAC), para o seguimento domiciliario. Esta área foi a primeira en Galicia, e a cuarta en España en traballar con esta metodoloxía, e a experiencia ferrolá foi reseñada en diversos foros nacionais e internacionais, incluso premiado un traballo este ano. Súmase a estes dous dispositivos o Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral para pacientes psicóticos crónicos con importante deterioro.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss