A ÁREA SANITARIA DE FERROL COMEZA FACER CIRURXÍA BARIÁTRICA FRONTE A OBESIDADE MÓRBIDA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
25 11 2019

A Unidade Esofago-Gástrica do Servizo de Cirurxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol realizaba esta semana a primeira cirurxía Bariátrica nesta área na atención á obesidade mórbida. Para que un paciente se beneficie desta cirurxía ten que ter unhas características concretas e responder a tódolos pasos que os profesionais da Área Sanitaria ferrolá, e de xeito multidisciplinar, teñen protocolizado. Este protocolo inclúe actuacións, indicacións e selección de casos para a abordaxe controlada desta nova cirurxía. Estímase que se realizarán unha vintena de intervencións deste tipo ó ano.
A obesidade mórbida asóciase fundamentalmente con dous tipos de complicacións: metabólicas (hipertensión arterial, diabetes tipo 2, ou dislipemia, entre outras) e mecánicas (artropatía, patoloxía respiratoria, ou refluxo gastroesofáxico). Tamén poden coexistir outras complicacións como infertilidade, incontinencia urinaria e trastornos psicolóxicos. Ademais, a obesidade favorece o desenvolvemento de determinados tipos de cancro: colon, mama e endometrio, entre outros. Todas estas complicacións reducen a esperanza de vida da persoa con obesidade á vez que deterioran a súa calidade de vida.
A cirurxía bariátrica continúa a ser o tratamento máis eficaz para a obesidade mórbida, que consegue bos resultados ponderais mantidos no tempo, unha mellora significativa das comorbilidades e da calidade de vida, así como un aumento da supervivencia. Todo iso supeditado ó mantemento dun estilo de vida saudable. Con todo, o paciente con obesidade mórbida é un paciente complexo debido ás súas características antropomórficas e ás comorbilidades asociadas, e require unha preparación específica por un equipo multidisciplinar para poder ser sometido a unha intervención cirúrxica coa máxima seguridade posible. Este equipo está configurado na área sanitaria ferrolá con distintos departamentos como Endocrinoloxía, Cirurxía, Psiquiatría ou Anestesia, entre outros.
Esta abordaxe multidisciplinar é clave tamén para o bo resultado da cirurxía bariátrica, xa que resulta imprescindible que a persoa leve a cabo un cambio nos hábitos alimentarios e hixiénico-sanitarios, para que se produza unha perda de peso suficiente para mellorar as mencionadas comorbilidades, aumentar as posibilidades de supervivencia, e para que non se produza unha nova ganancia de peso ou recidiva das comorbilidades a longo prazo.

Perfil e circuíto do paciente
No protocolo da área sanitaria ferrolá séguense as recomendacións publicadas recentemente pola Sociedade Española para o Estudo da Obesidade (SEEDO) para os pacientes ós que se expón o tratamento cirúrxico, e que deberán reunir unha serie de requisitos como, por exemplo, ter unha obesidade de longa evolución, superior a dous anos; ou fracasos continuados de tratamentos conservadores supervisados debidamente durante polo menos un ano. Enténdese como debidamente supervisado a asistencia e finalización do programa grupal de intervención en obesidade (PROIGOBE) impartido polo Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición da Área Sanitaria de Ferrol.
Este programa incorpora os cambios de estilo de vida instruídos, cos que se alcance unha perda de peso maior ou igual ao 10%, e cos que se continúe cun Índice de Masa Corporal susceptible de se beneficiar de cirurxía bariátrica. En xeral son persoas con idades comprendidas entre os 18 e 65 anos, que deberán  comprender que o obxectivo da cirurxía non é alcanzar o peso ideal, e cun compromiso de adhesión ás normas de seguimento trala cirurxía.
Os posibles candidatos a cirurxía bariátrica que cumpran os criterios de inclusión serán dirixidos á consulta de Endocrinoloxía dende a Atención Primaria ou outra especialidade, onde son sometidos a unha valoración completa do estado nutricional, incluíndo estudos de composición corporal e dinamometría. Trala avaliación de múltiples factores, os posibles candidatos a cirurxía bariátrica incluiranse no mencionado programa grupal de intervención en obesidade (PROIGOBE). Este programa consiste en seis sesións grupais quincenais con apoio audiovisual e, posteriormente, unha revisión médica individual na consulta ós seis  meses e ó ano. Unha vez finalizado o programa, remitirase ó circuíto establecido para cirurxía bariátrica a aqueles pacientes que cumpran tódolos criterios de inclusión; desexen someterse á devandita intervención unha vez proporcionada a información correspondente; e teñan asinado o compromiso terapéutico.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss