PREMIADO UN TRABALLO DA ÁREA FERROLÁ SOBRE O SUICIDIO NO ENCONTRO GALEGO DE PSICOLOXÍA E SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
25 11 2019

O traballo Prevaleza da conduta suicida na Área Sanitaria de Ferrol 2012-2014, do psicólogo clínico Manuel Castro Bouzas, foi premio á mellor comunicación nas XXIV Xornadas da sección de Psicoloxía e Saúde, que se celebraron en Tui, do 14 ó 16 de novembro. Neste traballo, faise unha aproximación á situación do suicidio e da conduta suicida en xeral; e, en particular, a asistencia por este motivo realizada polos especialistas de Psiquiatría, no Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, ó longo dos anos 2012, 2013 e 2014.
Na súa comunicación, este profesional incide na importancia de desenvolver as actividades recollidas no Plan de Prevención do Suicidio do Sergas, que inclúe a necesidade de rexistrar os intentos de suicidio nos servizos sanitarios e pon en valor a utilidade de contar cun protocolo para recoller estas tentativas. De feito, indica, na área sanitaria ferrolá motivou “que se desenvolveran cando menos unhas pautas de actuación para garantir na medida do posible o contacto cos dispositivos asistenciais e a a recollida dun conxunto básico de datos segundo algúns dos protocolos utilizados pola Organización Mundial da Saúde”.
Afóndase nesta comunicación nas diferentes definicións do que se podería considerar conduta suicida, incorporando elementos de interese neste fenómeno. A propia definición pode afectar ás cifras recollidas nesta ou noutras comunicacións. Neste caso, optouse por unha definición ampla, incluíndo dende Ideas Suicidas ata as Tentativas propiamente ditas, considerándose Conduta Suicida relevante clinicamente aquela relativa ó suicidio que motiva a busca de axuda a servizos de saúde, fora cal fora a súa forma. De feito, déronse as cifras tanto para a definición ampla como para a máis restrinxida: para a máis ampla as cifras estiveron entre 107 e 130 episodios por cada 100.000 habitantes e ano; e para unicamente tentativas entre 88 e 105 episodios por 100.000 habitantes e ano.
Valoración na Área Sanitaria de Ferrol
Con isto establece as accións de traballo. A Área Sanitaria de Ferrol tiña no ano 2012, no que se sitúa o estudo premiado, unha poboación asignada de algo máis de 189.000 persoas, e centrouse a recollida de datos naqueles que tiñan máis de 14 anos, o que reducía a poboación obxecto de estudo a a case 163.400 persoas. O Servizo de Urxencias recolle as demandas de toda a Área daquelas situacións ou patoloxías que exceden os dispositivos ambulatorios, ben polas características das demandas ou pola intensidade das mesmas.
A metodoloxía do estudo consistiu na revisión das demandas por parte do Servizo de Urxencias ó Servizo de Psiquiatría por este motivo entre o 1 de xaneiro de 2012 e ata o 31 de decembro de 2014. Atendéronse un total de 175 episodios dos definidos como conduta suicida, o 22% do total de Urxencias Psiquiátricas, no ano 2012; foron 206, o 27% do total das urxencias psiquiátricas, no 2013; e 213, o 28% do total das urxencias psiquiátricas, no 2014. A conduta suicida supón, polo tanto, unha cuarta parte da asistencia do Servizo de Psiquiatría nas Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
“Os datos analizados indican que os intentos de suicidio previo son os mellores preditores de novos intentos autolíticos”, explicaba este profesional no encontro galego. “De feito, calcúlase que a probabilidade de suicidio nestas persoas é case 100 veces superior á da poboación normal; un 50% dos pacientes que se suicidan presentaran previamente tentativas de suicidio; e que o 20% destas persoas visitan os dispositivos de asistencia psiquiátrica nos 12 meses previos”.
Por todo isto, é polo que neste traballe se conclúe, ente outras cuestións, a necesidade de contar con cifras fiables e homoxéneas sobre as taxas de conduta suicida que recollan diferentes variables; e compre “unificar definicións, dispositivos e instrumentos básicos para a recollida de datos, así como incorporar certas dinámicas estruturadas no traballo cotiá”.
Un suicidio cada 40 minutos
Segundo a OMS, hai un suicidio cada 40 minutos. No ano 2016 en España, houbo 44 mortes por violencia de xénero, e 1.890 en accidentes de tráfico, en España. Considerando a súa magnitude e impacto social realízanse campañas públicas de concienciación e cobertura con fondos públicos. “Nese mesmo ano 2016, houbo 3.569 mortes por suicidio, case o dobre que de accidentes de tráfico, silenciadas na súa inmensa maioría”, explica o psicólogo clínico, Manuel Castro.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss