PRIMEIRA XUNTANZA DA COMISIÓN DE ATENCIÓN PRIMARIA DA ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
26 11 2019

O Diario Oficial de Galicia do pasado 25 de outubro publicaba o Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia, e en base o que,  entre outras cousas, se regula a Comisión de Atención Primaria da Área como un órgano colexiado ó que se lle dedica un dos sete capítulos dos que consta esta lexislación, e que se constituía hoxe na área. Na xuntanza desta mañá, estaban presentes algúns dos directivos da Área e os xefes e coordinadores dos centros de saúde que conforman a área sanitaria ferrolá. A orde do día desta xuntanza recollía a constitución da Comisión de Atención Primaria; a información sobre este decreto que regula as áreas; e a presentación do documento Por unha atención primaria vertebradora do Sistema de Saúde.
Un dos primeiro dos obxectivos que reflicte este Decreto é o de “outorgar á atención primaria o valor inherente que por si mesma ten este nivel asistencial, sen perder a transversalidade na xestión dos procesos asistenciais co nivel de atención hospitalaria. A atención primaria é o elemento clave e fundamental sobre o que se vai pilotar o novo modelo de atención ao/á paciente galego/a, especialmente no caso dos pacientes crónicos. Un modelo de atención primaria aberto ás persoas, cun compoñente comunitario e social inherente ás necesidades actuais”.
Valorar todo o relativo ós centros de saúde
O decreto recolle igualmente a creación da Dirección de Atención Primaria que ten como funcións a “xestión da demanda de servizos sanitarios no ámbito da atención primaria, garantindo o desenvolvemento das actuacións de promoción da saúde e prevención da enfermidade e fomentando a capacidade de resolución deste nivel asistencial na respectiva área sanitaria, en coordinación cos xefes do servizo das unidades de atención primaria”; a “execución das directrices e proxectos establecidos para ámbito da atención primaria”; e “a coordinación, supervisión e avaliación de tódolos recursos dos centros.
Xunto con isto, tal e como se reflicte créase a Comisión de Atención Primaria da Área,  presidida pola persoa titular da xerencia da área sanitaria, Ángel Facio Villanueva; e dela formarán parte as persoas titulares da Dirección Asistencial, Silvia Rodríguez Dapena; da Dirección de Atención Primaria, Marina Pérez Tenreiro; da Dirección de Procesos de Soporte, Fernanda López Crecente; da Dirección de Enfermaría, Luis Arantón Areosa; e os xefes de servizo dos distintos centros de saúde da área sanitaria, ós que se suman esta mañá ós coordinadores dos centros.
Establécese que son funcións da Comisión de Atención Primaria da Área, “estudar o plan estratéxico e os obxectivos sanitarios, os plans económicos e de equipamento e de recursos humanos no ámbito da atención primaria”; “detectar e propoñer as oportunidades de mellora na práctica asistencial e de xestión neste ámbito”; “coñecer os plans de investigación, docencia e innovación; e “definir e promover as mellores actuacións que se deben seguir na seguridade do paciente e traballadoras e traballadores”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss