O PROXECTO DE RETINOGRAFÍAS MEDIANTE USO DE SMARTPHONES DO CHUF É DISTINGUIDO ENTRE AS MELLORES IDEAS 2019 DO DIARIO MÉDICO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
26 11 2019

O proxecto de Retinografías mediante o uso de smartphones do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, o Colexio de Médicos de A Coruña e a Sociedade Galega de Telemedicina foi destacado como unha das Mellores Ideas 2019 de Diario Médico na categoría de Saúde Dixital e Tecnoloxía. A coordinadora do proxecto, a especialista en Oftalmoloxía, Nuria Olivier Pascual, recollía este premio en nome de tódolos implicados, e acompañada pola responsable do Servizo de Oftalmoloxía do CHUF, Dolores Álvarez, onte pola tarde na Facultade de Medicina e Ciencias da Saúde da Universidade de Barcelona. Neste proxecto están implicados varios especialistas e residentes de Oftalmoloxía da Área Sanitaria ferrolá e un enxeñeiro industrial, Mario Musicó Cortés.
 

Oftalmoloxía considera que a exploración do fondo de ollo dun paciente é unha actividade relevante no día a día sanitario, tanto no ámbito dos centros de saúde como, por exemplo, en pacientes ingresados no hospitalario. Poder enviar as imaxes a un profesional especializado facilita e dinamiza o diagnóstico, evita desprazamentos, e facilita a accesibilidade ó paciente. Nesta liña, destacar que os profesionais desta área sanitaria foron dos primeiros en aplicar a telemedicina a esta especialidade, das primeiras tamén en dotar ós centros de saúde de retinógrafos para poder activala.
 

Dende hai algún tempo, pódense facer fotografías de fondo de ollo tamén coa axuda de smartphones, unha lente de oftalmoscopía de 20 ou 28 dioptrías, e gotas de dilatación das pupilas; e, dese xeito, é posible obter unha información reproducible, doada de conseguir e cun sistema máis lixeiro e manexable que o propio retinógrafo. Aproveitando esas experiencias, e como indican no proxecto galardoado, “establecemos un plan para tentar implantar este xeito de exploración nos nosos centros cos residentes, os profesionais de Urxencias e outros interesados. Recibimos un premio do Colexio de Médicos de A Coruña, e o apoio e soporte da Sociedade Galega de Telemedicina”, explican.
 

Perfeccionar a iniciativa e ofrecer formación
“Unha das limitacións da técnica é que resulta complexo aliñar a lente e o móbil para facer a captura e require adestramento”, engaden. Téñense desenvolvido diferentes dispositivos pero, indican “quixemos facer un dispositivo más versátil que os dispoñibles, máis doado de usar”, polo que, coa axuda dun enxeñeiro industrial, fixéronse dous prototipos, un deles que ademais se adapta a unha ampla gama de teléfonos. “O dispositivo funciona e emprégase de rutina na urxencia e con algunhas especialidades“, describen.
 

Dende entón, téñense realizado tamén varias actividades formativas e talleres, e presentouse un curso de formación continuada no encontro anual da Sociedade Galega de Oftalmoloxía, o pasado xuño. Precisamente esta mesma tarde desenvólvese no Servizo de Oftalmoloxía, no segundo andar do Hospital Naval, unha desas actividades formativas.
 

Como indican as e os profesionais implicados neste proxecto, este premio é o recoñecemento ás institucións que teñen colaborado. Ademais, ten un valor solidario engadido para as persoas implicadas, xa que profesionais do Servizo colaboran con Organizacións Non Gobernamentais, e o emprego destes dispositivos pode ser de grande utilidade para facer fondos de ollo nas campañas que realizan en países en vías de desenvolvemento.
 

Telemedicina en Oftalmoloxía na Área
A Teleoftalmoloxía está activa en Ferrol dende o ano 2009. Nese ano de implantación, facíanse 628 retinografías para teleconsulta, na actualidade as teleconsultas no que vai do presente ano ascenden a máis de 3.300. A retinografía é unha fotografía en cor da retina, que está situada na parte posterior do ollo. Entre outras moitas indicacións, realiza o cribado no caso da retinopatía diabética, que é a afectación da retina po causa da diabete ou da hipertensión. Ademais desta alteración dos vasos sanguíneos, que se soe presentar en pacientes diabéticos ou hipertensivos de longa duración, emprégase tamén para calquera outra patoloxía que poida afectar á vascularización da retina, como as tromboses arteriais ou venosas.
 

Os pacientes que resultan máis beneficiados son polo tanto os que teñen patoloxías crónicas, como a citada diabete, que ademais, en gran parte dos casos están polimedicados, precisan acudir con frecuencia ós servizos médicos, e nas que a revisión periódica pode evitar complicacións. Antes da incorporación da telemedicina, esta proba tiña que se realizar nas consultas externas de Oftalmoloxía, posto que os retinógrafos estaban só neste ámbito de atención. O desenvolvemento do plan de implantación da teleoftalmoloxía, e a incorporación dos retinógrafos mudou esta situación. Agora, este proxecto premiado amosa a inquedanza deste servizo por mellorar e facilitar aínda máis as tarefas en beneficio dos e das pacientes.
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss