A ÁREA SANITARIA DE FERROL SÚMASE A COGAMI PARA A VISIBILIZACIÓN DA DISCAPACIDADE ORGÁNICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
27 11 2019

A Área Sanitaria de Ferrol súmase ó Día Internacional e Europeo de Persoas con Discapacidade implicándose na campaña #DisOrganic, que ten como obxectivo dar visibilidade á discapacidade orgánica, e que coordina a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). Esta mañá,    na entrada principal do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, o xerente da Área Sanitaria ferrolá, Ángel Facio Villanueva recibía ós representantes das entidades e persoas con discapacidade orgánica, que presentaban o símbolo e valoraban a realidade das persoas ás que representa.
Un mural participativo onde a xente podía engadir mensaxes relacionadas coa discapacidade orgánica, facerse fotos, ou compartilas en redes sociais; e un agasallo simbólico (chapas do símbolo), promovía así o coñecemento da discapacidade orgánica e a utilización deste símbolo sobre o que xira a campaña para a dar a coñecer esta discapacidade. Como indicaban esta mañá, “as discapacidades orgánicas son aquelas producidas pola perda de funcionalidade dalgúns sistemas corporais, que adoitan relacionarse cos órganos internos ou procesos fisiolóxicos, xa sexan de forma conxénita ou adquirida”.
Este é o caso de enfermidades renais (ril), hepáticas (fígado), cardiopatías (corazón), fibrose quística (pulmóns), enfermidade de Crohn e enfermidades metabólicas (aparello dixestivo); Linfedema (sistema  linfático), hemofilia (coagulación do sangue), lupus (sistema inmune); enfermidades reumáticas (aparello locomotor); e  cefaleas, hemicrania, alzhéimer, párkinson, trastornos do sono, fibromialxia ou síndrome de fatiga crónica (sistema nervioso central).  Fóra desta clasificación quedan, aínda que afecten a órganos, todas as discapacidades relacionadas coa vista ou co oído debido a que estas teñen a súa propia clasificación como discapacidades sensoriais.
E matizan, a pesar de que a problemática é diferente en cada unha delas, “algunhas presentan importantes limitacións na vida diaria: elevados graos de dor; maior vulnerabilidade ás infeccións; necesidade de seguir tratamentos e atención sanitaria continuada (rehabilitación, fisioterapia,  farmacoterapia) ou de baixar o ritmo vital e respectar os tempos de descanso; e poden derivar en discapacidades físicas”.
Destacar que paralelamente á actividade que se realizaba esta mañá no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol actívase a campaña en redes sociais baixo o hashtag #DisOrganic, que recolle as accións realizadas, un vídeo sobre o proceso de creación do símbolo, e varios vídeos protagonizados por persoas con discapacidade orgánica nos que se aborda en primeira persoa as cuestións centrais da campaña.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss