DECRETO DE ÁREA, PLAN DIRECTOR DO CHUF, VACINA DA GRIPE E PLATAFORMAS DE PACIENTES, TEMAS DO CONSELLO ASESOR DE PACIENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
28 11 2019

O novo decreto polo que se regulan as áreas sanitarias; os pasos dados no Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol ata o de agora; o recordatorio da importancia de que dende as asociacións se promova a vacinación antigripal nos grupos de risco; e a información sobre as plataformas para pacientes coas que conta o Servizo Galego de Saúde que poden ser útiles para a poboación, foron algunhas das cuestións que se trataron esta mañá na segunda reunión neste ano do Consello Asesor de Pacientes da área ferrolá, constituído o pasado marzo, e formado por un total de 19 asociacións.
O responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, ofreceulles ós asistentes información sobre distintas cuestións e escoitou as súas suxestións e ideas nunha rolda aberta de intervencións. Lembrar que este Consello é un órgano colexiado de carácter consultivo, regulado na Orde 16 de outubro de 2018 pola que se regula a composición e o réxime de funcionamento dos consellos asesores de pacientes de área, e configúrase como un vehículo de implicación das asociacións nas que se agrupan os pacientes, canalizando a súa participación e a das súas familias (ou das persoas que os representen ou que se responsabilicen do seu coidado). A finalidade é a de participar e colaborar na mellora da calidade da asistencia sanitaria.
Estes Consellos permiten ós pacientes, a través das súas asociacións, ter maior voz e asesorar a través destes órganos sobre aspectos relacionados coa asistencia sanitaria, a prevención da enfermidade ou o deseño dos espazos dos centros sanitarios para a mellora da súa accesibilidade e funcionamento. Tamén poden realizar propostas que poidan contribuír á mellora da atención e coidados dos pacientes, asesorar sobre os contidos das guías de información dirixidas a pacientes, ou na mellora da información da seguridade, entre outras cuestións.
A Xerencia Integrada de Ferrol realizaba, en xaneiro deste ano, unha xuntanza informativa con persoas vinculadas a asociacións de pacientes de diferentes patoloxías dos Concellos que comprenden a área sanitaria de Ferrol para darlles conta da pronta creación deste Consello; de como se podía participar; e de que se abriría un prazo para solicitar a participación voluntaria no mesmo, e os pasos a seguir. Pechado o prazo de presentación de solicitudes,  o Consello constituíase en marzo, coa publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio de designación das asociacións de pacientes que formabann parte deste Consello. Uns días máis tarde xa se produce a primeira xuntanza trala constitución.
Decreto da Área e Plan Director
O Diario Oficial de Galicia do pasado 25 de outubro publicaba o Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia. Este decreto, explicou o responsable da área ós asistentes, transforma o sistema novamente en Área Sanitaria de Ferrol; e, nese marco, “créase polo interese do Sergas en escoitar a voz dos pacientes, unha Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía”, expuxo. A cobertura desta subdirección xa foi publicada no Diario Oficial de Galicia, estímase estará operativa en xaneiro, e, engadiu, será un “bo interlocutor directo para vós nos temas que vos atinxen e que é bo que coñezamos”.
Con respecto ó Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario deu conta dos pasos actuais, xa case finalizada a Fase 0 previa (novos laboratorio de Anatomía Patolóxica e Lavandería, edificio de Marinería, vestiarios, e a piques de rematar a cociña provisional); e en marcha a Fase I (traballando xa nos espazos que albergarán Microbioloxía, o Hospital de Día Onco-Hematolóxico e a Farmacia provisional). Amosou imaxes das distintas fases e respondeu ás súas dúbidas. Esta Fase I implica a construción de dous novos edificios, un asistencial e outro de apoio, e enumerou os ámbitos que abrangue á hospitalización e camas, urxencias, cardioloxía, neurociencias, nefroloxía e diálise, pediatría Unidades de Coidados Intensivos (UCI) de pediatría e adultos, Radioloxía, Farmacia e Cociña.
Vacina antigripal e plataformas de pacientes
O xerente, Ángel Facio, quixo aproveitar este encontro para subliñar a enorme importancia de se vacinar fronte o risco de colle-la gripe. Pediulles a estes colectivos colaboración para incidir na necesidade de que os grupos de risco pidan unha cita nos seus centros habituais para solicitar a vacina fronte a gripe. “Aínda están a tempo xa que está dispoñible nunha trintena de puntos na área, e o prazo continúa aberto ata o 27 de decembro”. A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 anos ou máis anos, residente en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas, nenos e adolescentes con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico (AAS), nenos de 6 meses a 2 anos de idade que naceran prematuros, e, tamén, para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñan a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, abrangue tamén a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade. Ante calquera dúbida, preguntar ós profesionais sanitarios.
Xunto con isto, fixo un percorrido polas distintas plataformas e aplicacións electrónicas que poden ser útiles para a poboación e os pacientes, con “información contrastada”. Parouse con especial mención en tódalas posibilidades que ofrecen É-Saúde e Contacte. Destacan neste ámbito poder acceder a consellos de saúde, a información de patoloxías, á monitorización de exercicio e un espazo específico para as asociacións. O responsable da área sanitaria fixo unha petición especial neste foro “paciencia en momentos de obras”, e “precisamos da vosa axuda para que a poboación se identifique cos seus centros, porque temos grandes profesionais e estamos mellorando en infraestruturas”.
Cuestións sobre o Consello Asesor
Por último, tan só lembrara que, no tocante á composición e funcionamento deste Consello Asesor reunido hoxe, a orde estipula que estes órganos colexiados de carácter consultivo reuniranse polo menos unha vez ó ano; e estarán integrados tanto por membros da estrutura directiva da correspondente área sanitaria como por membros das asociacións de pacientes. A presidencia dos Consellos Asesores de Pacientes de Área corresponderá á persoa titular da xerencia de cada área sanitaria e a secretaría, estará ocupada por unha persoa da xerencia desa área sanitaria con condición de empregado público. Mentres que os vogais serán os titulares dos órganos unipersonais de dirección que correspondan a cada estrutura de xestión integrada e os representantes propostos por cada unha das asociacións de pacientes de carácter sanitario que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial de cada área sanitaria. Estes consellos de área veñen a completar as funcións que ata o de agora se desenvolvían a nivel autonómico no Consello Asesor de Pacientes de Galicia.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss