PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL DESENVOLVEN UN PROGRAMA DE EXERCICIO FÍSICO ADAPTADO Á HEMODIÁLISE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
02 12 2019

​Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol  desenvolven o Programa de Exercicio Físico adaptado en Hemodiálise: Diminución da Fraxilidade. As e os pacientes ambulatorios con enfermidade renal crónica que acoden á Hemodiálise na Unidade de Diálise de Nefroloxía, no primeiro andar do Hospital Arquitecto Marcide, teñen que pasar varias horas, cando menos tres días á semana, recibindo este tratamento conectados a unha máquina. Entrar na Unidade de Hemodiálise e ver á maior parte dos pacientes monitorizados pedalear mentres reciben o seu tratamento necesario non é unha imaxe moi habitual; pero é posible grazas á iniciativa de dúas profesionais da Área, a enfermeira, Ana Meizoso Ameneiro, e a súa irmá a fisioterapeuta, Cristina Meizoso Ameneiro.

 

Estas profesionais deseñaron un programa de exercicio físico e promoción de estilos de vida saudables, adaptado a cada persoa en función da súa singularidade (limitacións funcionais, antecedentes persoais, ou frecuencia cardíaca máxima, entre outras cuestións). “O noso obxectivo é promover entre eles estilos de vida saudable, mellorar a súa calidade de vida”, subliñan. “Os pacientes teñen a sensación de que non poden facer exercicio. Eles así o din. Pero si poden, e está demostrado que é beneficioso”, engaden. Como obxectivos secundarios desta orixinal iniciativa engaden, entre outros, os de minimizar o risco de caídas, diminuír a fraxilidade, reducir a frecuencia das manifestacións de dor e a intensidade, e rebaixar o uso de fármacos para o seu alivio. Esta iniciativa estase a desenvolver durante 12 semanas, dende o pasado 21 de outubro.
Á totalidade dos pacientes que acoden á hemodiálise no Servizo de Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol  se lles facilitou información individualizada do contido do programa e da posibilidade de participar. “A idade non é un criterio de exclusión, e só o é a existencia dun motivo médico que o contraindique, ou que o ou a paciente non queira participar”, explican. Ofertóuselle esta iniciativa a un total de 22 pacientes, todos sen contraindicacións, e só tres non quixeron participar. Os participantes realizan dúas ou tres sesións de exercicios adaptados á semana, segundo cada paciente.
Fomentar o hábito do exercicio
Moitos destes pacientes, debido á inactividade, teñen colesterol, os triglicéridos altos, ou  sarcopenia (diminución da masa muscular) que lles confire fraxilidade, por pór algún exemplo, polo que o obxectivo inicial era enfrontarse a iso con exercicios adaptados a cada paciente, explican estas profesionais. Elaborouse unha táboa de traballo que tentan seguir, explica Cristina, a fisioterapeuta, e pásase un cuestionario previo e final. Compáranse unha serie de variables con escalas ó inicio e ó final da intervención, xunto con outros valores analíticos e nutricionais.
Nas poucas experiencias nacionais neste eido que hai -“non coñecemos iniciativas deste tipo en Galicia”, afirman- recóllese que mellora o estado de saúde nos marcadores medibles citados como o colesterol, a tensión e os triglicéridos, e que melloraba o estado anímico. As profesionais implicadas consideran superadas as súas expectativas xa que comproban que os pacientes “responden con implicación e entusiasmo, xa na primeira semana”. E conclúen, á espera da valoración final dos resultados da actividade, que “a experiencia é moi boa, xa só pola implicación que amosaron, e porque xa hai quen se apuntou a actividades deportivas tras isto”, remarcan.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss