A GARDA CIVIL DA PROVINCIA DA CORUÑA ASESORA EN SEGURIDADE VIAL ÓS MÁIS PEQUENOS DO CHUF E REGÁLALLES UNHA MOTO DE XOGUETE E UNHA TABLET
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 12 2019

A aula hospitalaria do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol enchíase esta mañá de profesionais uniformados pertencentes á Garda Civil da provincia da Coruña, para facer unha actividade nova no centro: dar consellos de seguridade vial. Ademais, un especial Papá Noel e a Fada Máxica da Garda Civil deixaban uns agasallos: unha moto eléctrica de xoguete, réplica das que actualmente se empregan para o control do tráfico, e unha tableta para que poidan xogar os nenos que teñan que estar hospitalizados. Repartiron tamén pinturas de cores e cadernos de colorear.
Destacar que é unha iniciativa dos propios profesionais da Garda Civil de Tráfico da provincia da Coruña que realizaron unha colecta para pór a disposición dos nenos e nenas este novo material. Durante a sesión sobre seguridade vial, ensináronlle ós nenos e non tan nenos que enchían a sala do primeiro andar do centro hospitalario a camiñar polas beirarrúas, como cruzar, ou como subirse ó coche.
Os profesionais da Garda Civil incidiron especialmente en respectar os sinais de tráfico. Recordáronlles que teñen que advertir ó seu entorno que non se pode atender ó móbil cando se conduce, xa que é moi importante evitar calquera distracción. Ensináronlle igualmente como levar as mascotas seguindo as normas, cos seus cintos especiais ou nas caixas de transporte. Un último dato importante: os nenos e nenas non poden ser copilotos ata non superar os 135 centímetros. Nese momento, os pequenos e pequenas aproveitaron o   medidor ilustrado co que conta esta aula para comprobar se podían xa acompañar ós pilotos diante.
Neste peculiar encontro estiveron unha trintena de persoas entre os nenos e nenas, papás e mamás, os e as profesionais do centro hospitalario, os profesionais da Garda Civil e a persoal da dirección, entre eles o tenente, Francisco Javier López Dopico, do destacamento de Tráfico de Ferrol; e Ángel Facio Villanueva, xerente da Área Sanitaria de Ferrol.
   
SAÚDOS,
COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss