ALMUIÑA DESTACA OS PROXECTOS QUE ESTÁ A IMPULSAR A SANIDADE PÚBLICA GALEGA EN MATERIA DE INNOVACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
12 12 2019

“A sanidade galega leva a innovación no sangue, a entendemos como un fluído que debe alimentar todo o noso sistema”. Así o remarcou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no acto de inauguración da xornada: Fronteiras da Innovación Sanitaria: O futuro da innovación en saúde constrúese colaborando, que se celebra na Cidade da Cultura, e que conta coa organización do Sergas e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS). No acto interveu, tamén, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López.

Almuiña destacou a importancia da creación do Axencia do Coñecemento en Saúde (ACIS), así como cada un dos proxectos que Sanidade está a impulsar dende este organismo, entre os que citou o Código 100, centrado no envellecemento, a Plataforma Telea ou É-Saúde. Tamén subliñou Almuiña o recoñecemento internacional cos premios europeos recibidos polos proxectos galegos de compra pública innovadora.
 

O máximo responsable da sanidade pública galega amósase convencido que sanidade e economía están intimamente relacionadas, posto que entende “que a sanidade pública é un motor económico, ao tratarse dun espazo no que as nosas empresas poden desenvolver innovación que proxectar e exportar posteriormente ao resto de España e do mundo”.

Almuiña remarcou, tamén, a satisfacción do seu departamento por saber que están a conseguir facer da innovación, e en particular da compra pública innovadora, “unha marca da sanidade galega”. Ao respecto sinalou que, na actualidade, numerosas comunidades autónomas así como a Administración xeral do Estado comparten programas de incentivos e financiamento en relación a este tema.

Galicia pioneira
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que a Compra Pública Innovadora é o mellor instrumento para ofrecer aos cidadáns mellores servizos públicos e destacou que a Comunidade é pioneira neste eido. Así, Galicia executou o 40% de toda a compra pública de innovación contratada en España no período 2007-2014 e traballa por manter esta posición de liderado coa execución de 110M€ neste período 2014-2020.
 

Conde explicou que, nesta aposta por mellorar os servizos públicos a través da innovación, a sanidade ocupa un destacado lugar con proxectos como InnovaSaúde, Hospital 2050 ou Código100, e reiterou o compromiso da Xunta por facer de Galicia unha rexión de referencia no sur de Europa na oferta de servizos e productos relacionados cun modelo de vida saudable.

Espazo xurídico de innovación

Na mesma liña, o director xeral da Asesoría Xurídica da Xunta, Manuel Pillado, presentou nesta xornada InnovaIUS.Lab, un espazo xurídico de innovación no sector público que permitirá canalizar en aberto de forma interactiva toda a información e documentación xerada neste ámbito. Este proxecto da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica foi seleccionado pola Fundación Cotec para a Innovación para colaborar no seu desenvolvemento. Trátase dun punto de encontro para todos os empregados públicos desde o que se poida difundir coñecemento tendo en conta o punto de vista xurídico; así como intercambiar boas prácticas ou expoñer casos de éxito. Ademais, no marco deste espazo, realizaranse xornadas e seminarios temáticos.
 
Na súa intervención, Manuel Pillado destacou a importancia de fomentar a innovación no eido da contratación pública para garantir a prestación de servizos públicos de alta calidade e contribuír a unha economía máis innovadora, sostible, inclusiva e competitiva.
 

Novas oportunidades de mercado

A primeira edición da xornada Fronteiras da Innovación Sanitaria 2019, con máis de 200 profesionais inscritos, permitirá examinar os avances reais na sanidade galega vencellados a proxectos de innovación (Código 100), difundir as oportunidades existentes na modalidade de compra pública innovadora ou explorar novos modelos de cooperación en materia de I+D+i.
 
O foro pretende operar como espazo de discusión e intercambio de experiencias sobre a innovación sanitaria entre os profesionais do sector (entidades públicas e privadas, emprendedores e demais expertos de primeiro nivel).

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss