A CENTRAL DE COORDINACIÓN DO 061 DE GALICIA REFORZA UN ANO MÁIS O SEU PERSOAL ANTE O INCREMENTO DA DEMANDA SANITARIA NO NADAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 12 2019

​A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza, un ano máis, o seu persoal da Central de Coordinación para garantir que a asistencia sanitaria ás urxencias e ás emerxencias que se produzan na Comunidade Autónoma galega sexa axeitada durante as datas de Nadal.

Como vén sendo habitual, o número de chamadas aumenta durante o estas datas, non só a consecuencia do incremento das patoloxías relacionadas coa estación invernal, senón tamén polos excesos propios destes días, nos que aumentan os accidentes de tráfico ante o maior número de desprazamentos.
 
Así, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforzará o servizo habitual segundo as análises de incremento de chamadas nestas datas para axilizar a consulta médica e optimizar a xestión dos recursos co fin de dispoñer dos medios máis axeitados para a atención das emerxencias que puideran xurdir.
 
Isto supón que estes vindeiros días haberá un facultativo máis nas quendas de noite (de 22 a 8 horas) as noites do 24, 31 de decembro e 5 de xaneiro, así como na quenda de mañá do día 25 e do primeiro día do ano. Respecto ao persoal de xestión telefónica, o servizo reforzarase cun locutor máis respecto ao resto dos días da semana e ata dous teleoperadores máis nas quendas de noite nos días 24, 25 de decembro e 1, 5 e 6 xaneiro de 2020. Reforzaranse tamén, as quendas de día das xornadas do 25 de decembro e do 1 de xaneiro cun teleoperador máis.
 
Nadal 2018-2019
O pasado Nadal -desde o 24 de decembro de 2018 ata o 6 de xaneiro de 2019, a Central de Coordinación do 061 de Galicia recibiu un total de 21.495 chamadas de demanda sanitaria, que xeraron 20.017 procesos asistenciais, dos que 2.397 foron orixinados directamente por peticións de Atención Primaria.
 
Dos 20.017 procesos asistenciais xerados polo 061, o 41,6% resolvéronse sen mobilización de recursos e o 58,4% restante precisaron da mobilización dalgún recurso (visita domiciliara de médico ou enfermeiro de Atención Primaria, transporte urxente e/ou emerxencias). Dos procesos asistenciais nos que a Central de Coordinación estimou necesario a mobilización dalgún recurso, nun 56,4% tratouse de emerxencias sanitarias, no 33,5% de transporte urxente e un 10,1% resolveuse con visitas domiciliarias. En total, mobilizáronse 14.564 recursos.
 
Para a resolución das emerxencias sanitarias citadas anteriormente mobilizouse o helicóptero medicalizado en 20 ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado acudiron a 748 sinistros, as ambulancias asistenciais a 6.209 e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico prestaron asistencia sanitaria en 907 ocasións. En 305 sinistros asistiron ambulancias convencionais.
 
Neste período, os accidentes de tráfico e as intoxicacións son os principais motivos de demanda sanitaria na Central de Coordinación. Así, no Nadal pasado o 061 de Galicia recibiu 371 chamadas en relación cos accidentes de tráfico, que xeraron 315 asistencias, nas que atenderon a 416 persoas, das que cinco faleceron no punto do incidente.
 
No caso das intoxicacións, entre o 24 de decembro de 2018 e o 6 de xaneiro de 2019, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atenderon a 488 persoas, das que 423 foron asistidas por intoxicacións por alcohol e 65 por consumo de drogas.
 
Por último, é importante lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo encargado de prestar atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias na Comunidade Autónoma galega as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas poden ser salvadas e moitas lesións atenuadas se reciben a asistencia sanitaria axeitada.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss