RESIDENTES DA UNIDADE DOCENTE DA ÁREA SANITARIA FERROLÁ ENSINAN REANIMACIÓN CARDIOPULMONAR Ó ALUMNADO NOS COLEXIOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
15 01 2020

Profesionais residentes da Unidade Docente Multidisciplinar de Atención Familiar e Comunitaria da Área Sanitaria de Ferrol, están esta semana acudindo ó CPR Ayala de Narón para ensinar ós rapaces e rapazas a “salvar vidas”, como eles mesmos din. Máis de 250 alumnos de idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos están a recibir, en diversos grupos e durante catro días diferentes deste semana, a unha ducia de profesionais sanitarios tanto de Medicina como de Enfermaría Familiar e Comunitaria que de xeito desinteresado amosaron as cuestións básicas relacionadas coa Resucitación Cardiopulmonar, adaptadas a eles.
 

A través de diversos recursos como unha presentación, de imaxes, dos latexos dun corazón e, sobre todo, a través de posibles situacións simuladas -como que presencien como unha persoa caer na rúa diante deles mentres pasean- estanse a achegar estes días ás cuestións máis básicas. Como sinala unha das titoras das e das residentes, a profesional de Enfermería, Esther Fernández, “os nenos son esponxas que absorben todo, atenden moito, aprenden rápido e fan moitas preguntas”; e remata, “fano moi ben e está sendo unha moi boa experiencia para todos”.
 

“Avisar, avisar e avisar” é a primeira das instrucións para os nenos; aprender dous números de teléfono clave nos que dar ese aviso canto antes: o 112 e o 061; comprobar se a persoa respira; como saber se está inconsciente; ou aprender a movelo lateralmente, se é necesario, para evitar que afogue, son algunhas das cousas que están a practicar cos pequenos estes días. Outras das cuestións que se abordan son as manobras de comprensión, como se fan e por que se fan, “para activar o corazón para que bombee o sangue necesario para vivir”. “Un total de 30 compresións continuadas ó ritmo da Macarena” e como evitar un atragantamento completan este achegamento á Resucitación Cardiopulmonar (RCP).
 

Esta é unha intervención comunitaria que desenvolve a Unidade Docente da Área Sanitaria Ferrolá, unidade que se diferencia por procurar potenciar o ámbito comunitario e realizar educación sanitaria na comunidade. Non é unha actividade formativa máis, é un achegamento real desa actividade á comunidade, e, dende esta Unidade destacan “o orgullo polo traballo destes residentes que traballan conxuntamente nas dúas especialidades, a Enfermaría e a Medicina Familiar e Comunitaria”. Esperan que esta experiencia teña continuidade tanto cos alumnos máis pequenos deste mesmo centro como cos doutros centros educativos interesados dos concellos da área.
 

Recordar a cadea vital
Lembrar que a Reanimación Cardiopulmonar (RCP) é un conxunto de manobras destinadas a manter a osixenación dos órganos vitais cando a circulación dunha persoa se detén. A principal causa de paro cardíaco é o infarto agudo de miocardio, que provoca unha fibrilación ventricular, que é unha arritmia que ocasiona que o corazón perda a súa capacidade de se contraer de xeito organizado, polo que deixa de latir e de bombear sangue cara todo o organismo. Ó realizar unha manobra de reanimación de calidade aumenta supervivencia entre un 15 e un 30%.
 

A cadea vital arrinca con pedir axuda, é dicir, chamar ós servizos de emerxencias ou 061, e é así tanto para os máis pequenos como para os adultos que se enfrontan este semana a estas situacións críticas simuladas. Continúase coa realización da masaxe cardíacas mentres non chegan os equipos sanitarios. Basta con facer entre 100 e 120 compresións por minuto afundindo o peito, uns cinco ou seis centímetros ata que cheguen os equipos sanitarios. Paso que tamén practicaron estes días os e as nenas. O terceiro paso é, no caso de telo a man, aplicar o desfibrilador semiautomático, un aparello de manexo guiado que realiza a descarga se está indicada para recuperar o rimo cardíaco.
 

Máis polo miúdo, e xa de xeito xeral, ante unha persoa cun paro cardíaco, débese: confirmar que non é perigoso e achegarse e comprobar a súa resposta; pedir axuda; botar a cabeza da persoa cara atrás, elevar a queixada, e comprobar a respiración. Se esa respiración non é normal, habería que comezar a facer a Reanimación Cardiopulmonar (RCP). É necesario chamar ós servizos de emerxencia e comunicar que hai unha persoa que non respira, e que se está a comenzar as manobras, facilitando tamén os datos persoais e de localización. Para iniciar as manobras, hai que colocar o talón dunha man no centro do peito, e a outra man enriba entrelazando os dedos. Despois, comprimir o peito ritmicamente ata que cheguen os servizos de emerxencias. Unha vez que cheguen os servizos de emerxencia, continuar ata que eles o indiquen.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss