Baixa a demora media para unha intervención cirúrxica na Área de Santiago, 16 días medos respecto ao 2016
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
17 01 2020

Santiago, 17 de xaneiro de 2020.- Os profesionais da Área Sanitaria de Santiago continúan a traballar na redución da demora media para atender aos seus doentes tanto en cirurxía como en consultas externas e probas diagnósticas. Os datos de situación de listas de espera a 31 de decembro de 2019, feitos públicos hoxe polo Sergas na súa páxina web, amosan unha tendencia de diminución sostida desde 2016 cando se incorporou a actual xerencia.

 

Así, o tempo medio que agarda un doente na área sanitaria compostelá para que se lle realice unha intervención cirúrxica é de 55,5 días, seis xornadas menos á de decembro do pasado ano. Por outra banda a demora media para os 241 doentes con prioridade 1 (os máis graves) é 15.2 días, un día menos co pasado ano, e por debaixo do obxectivo marcado polo Sergas, de 30 días. Practicamente todos os servizos cirúrxicos da área sanitaria melloran a súa demora media e ningún servizo ten doentes cunha espera superior aos 6 meses. De feito, o 80% dos pacientes da área teñen unha demora media de menos de 3 meses desde que contan coa indicación cirúrxica dun facultativo.
Os doentes atendidos no CHUS esperan sete días menos que o pasado ano para unha intervención cirúrxica, unha media de 56.5 días. Unha baixada que foi posible grazas á mellora acadada por 11 dos trece servizos nos que diminuíu claramente a espera, nalgún ata 20 días menos.
A tendencia das demoras en consultas externas na área tamén continúa á baixa nos tempos medios de espera. Así as primeiras consultas médicas teñen unha demora media 38.8 días, inferior tamén ao tempo medio de espera do conxunto dos centros hospitalarios do SERGAS. Máis da metade dos servizos na áreas amosaron unha diminución nas demoras medias, algúns moi acusada, de case trinta días. En todos os servizos, agás nun, os doentes teñen unha espera inferior aos tres meses e o Servizo de Radioterapia non ten lista de espera
Máis do 50% dos servizos médicos do CHUS diminúen este ano a demora media para unha consulta, rexistrando tamén algúns unha baixada importante, de ata 27 días.
A demora media para os doentes que son atendidos polo proceso de vías rápidas continúa a ser aceptable, xa que reciben asistencia antes de 7 días en calquera delas.
A media para a realización dunha proba diagnóstica de radioloxía medrou lixeiramente ao pasar, de xeito global na área sanitaria de 52 a 53 días, mentres descende o número de persoas á espera da realización dunha proba en case dous mil doentes. Polo que respecta ás probas diagnósticas realizadas especificamente no CHUS, a espera media diminuíu en case 13 días respecto ao pasado ano, destacando o descenso na espera en TAC (34,2 días de espera, unha redución de 13,9 días respecto ao pasado ano) e en Resonancia Magnética (espera de 59.9 días, un descenso de 4 días). Tamén é de subliñar a mellora nos datos de espera para a realización dunha endoscopia dixestiva (30 días de demora media, sesenta e cinco días menos que o pasado ano) ou a demora media para a realización dun electroencefalograma, situada en 20.4 días, vinte cinco días menos que o pasado ano. A realización dun PET segue sen amosar apenas espera, 7 días de demora media.

 

Os indicadores totais de listas de espera pódense atopar na páxina web do Sergas https://www.sergas.es/Asistencia-sanitaria/Listas-de-espera.

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss