O Hospital Clínico de Santiago acolle o V Simposio Santiago Sen Fibrilación Auricular
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
24 01 2020

Santiago, 24 de xaneiro de 2020.- O Hospital Clínico de Santiago acolle hoxe e mañá o V Simposio Santiago sen FA que organiza o Servizo de Cardioloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e ao que acuden preto de 200 profesionais da medicina. Nestes días abordaranse as principais novidades relacionadas co tratamiento e detección da fibrilación auricular, coas que se actualiza o proceso asistencial co que conta a área sanitaria compostelá.

 

O simposio será inaugurado esta tarde pola xerente da área sanitaria, Eloína Núñez e o xefe do Servizo de Cardioloxía do CHUS, Ramón González-Juanatey. Como novidade nesta edición, esta mañá tivo lugar unha xornada para promover a detección precoz da Fibrilación Auricular na poboación xeral.
 
No patio central do Hospital Clínico, persoal de enfermería do Servizo de Cardioloxía desenvolveu actividades e impartiu talleres para ensinar, a todos aqueles que o solicitaron, a controlar e medir a súa frecuencia cardíaca, así como a coñecer o seu ritmo cardíaco co obxectivo de detectar se teñen fibrilación auricular. En total acudiron unhas 125 persoas.
 
Ademais, co fin de reducir o risco de enfermidades cardiovasculares, tamén se difundiron na pantalla do patio principal vídeos de educación sanitaria para promover hábitos de vida cardiosaudables e concienciar á poboación da importancia de facer exercicio físico regular, deixar de fumar ou seguir unha dieta variada e equilibrada.
 
A fibrilación auricular (FA) constitúe a arritmia cardíaca sostida máis frecuente e o seu diagnóstico leva consigo un aumento do risco de ictus e de insuficiencia cardíaca. Na Área Sanitaria de Santiago e Barbanza padécenna aproximadamente unhas 12.600 persoas, cunha incidencia de 800 novos casos/ano. No pasado ano, no servizo de Cardioloxía da área sanitaria atendéronse unhas 800 e-consultas e unhas 600 consultas presenciais por FA.
Un 8% dos doentes con FA non están diagnosticadas por permanecer asintomáticas. A súa detección precoz por medio de probas de cribado sinxelas como a toma do pulso e un ECG (electrocardiograma), son esenciais en grupos de risco como son os pacientes maiores de 75 anos e aqueles con idade menor pero con factores de risco cardiovascular como a hipertensión, cardiopatía isquémica, enfermidade pulmonar obstructiva crónica (EPOC) e diabetes.
A detección precoz é fundamental para previr as dúas principais complicacións da FA que son o ictus e a insuficiencia cardíaca. A prevención do ictus realízase con tratamento anticoagulante que reduce en 2/3 o risco de padecer un ictus.
Calcúlase que o 80% dos doentes diagnosticados con FA están anticoagulados. A introdución dos anticoagulantes directos axudará a mellorar a porcentaxe de anticoagulación en pacientes con risco moderado-alto de ictus cunha eficacia e seguridade maiores que os anticoagulantes clásicos e a reducir a porcentaxe de pacientes sometidos a antiagregación cuxo beneficio protector é moi baixo.
Os avances tecnolóxicos permitiron desenvolver tratamentos invasivos para a FA como é a ablación con catéter que permite mellorar a calidade de vida destes pacientes substancialmente. Estes tratamentos son realizados pola Unidade de Electrofisioloxía do Hospital Clínico, recoñecida pola Sociedade Española de Cardiología co proceso “SEC-Excelente en ablación de FA”. Este galardón débese tanto á dotación tecnolóxica punteira desta Unidade como á implicación dos cardiólogos do centro na selección e no seguimento dos pacientes.
Nesta edición contan ademais con profesionais doutras especialidades, como Neuroloxía, Medicina Interna, Urxencias ou Medicina Familiar e Comunitaria, que tamen interveñen no seguimento e detección dos doentes don FA. E na que tamén participa persoal de enfermería de Cardioloxía.
O modelo de organización en procesos asistenciais iniciouse na área sanitaria compostelá para a FA en 2014. Os profesionais do Servizo de Cardioloxía continúan renovando e avaliándoo de forma dinámica ano tras ano, adoptando todos os cambios que achegan valor asistencial aos pacientes con FA, tanto no seu diagnóstico como no tratamento. Todo iso coordinado con Atención Primaria (tanto persoal médico como de enfermería) e integrando ata oito especialidades diferentes.
 

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss