PROFESIONAIS DO HOSPITAL MEIXOEIRO PLANTAN 30 CARBALLOS PARA CONMEMORAR OS 30 ANOS DE HISTORIA DESTE HOSPITAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
24 01 2020

"Como recoñecemento ás traballadoras e traballadores que fixeron posible a celebración deste 30 aniversario. Na súa honra plantamos 30 carballos, símbolo de vida e esperanza”. Este é o texto da placa conmemorativa que hoxe descubriuse no Hospital Meixoeiro antes de proceder á plantación de 30 carballos, doados pola Consellería de Medio Rural, e plantados por representantes das principais categorías profesionais do Meixoeiro e outros colectivos como sindicatos, persoal xubilado e asociacións de pacientes.

Neste evento participaron os conselleiros de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; o de Medio Rural, José González, e o xerente da Área sanitaria de Vigo, Julio Garcia Comesaña.

Na súa intervención, Almuiña destacou que o Meixoeiro é o maior centro especializado de toda Galicia en cirurxía ambulatoria, remarcando, ademais, a atención oncolóxica a través da Unidade de Mama e, especialmente, da Unidade de Oncoloxía Radioterápica, unha das máis e mellor dotadas de España, con equipos renovados e coa incorporación dun dos máis modernos aceleradores lineais do mundo.

O conselleiro subliñou que o Sergas desenvolve na actualidade unha reforma integral para a modernización do hospital, cun investimento que ascende a 13 millóns de euros. Trátase das obras de adaptación funcional da nova Unidade de Mama -xa rematada e a punto de entrar en funcionamento-; as de Medicina Nuclear e Radioterapia -cuxas obras están xa moi avanzadas-; e a reforma das fachadas e cubertas do edificio, que acaban de iniciarse a pasada semana.

E sen esquecer, -dixo Almuiña-, a premisa fundamental que orienta calquera actuación na sanidade pública, a da humanización, que inclúe unha serie de medidas para mellorar o benestar de pacientes e acompañantes durante a súa estancia hospitalaria. Para iso estase renovando o mobiliario das habitacións de pacientes e vaise acometer á climatización de toda a área de hospitalización.
 

 

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural salientou que a modernización é un obxectivo primordial na reforma íntegra do Meixoeiro, polo que conciliar espazos verdes, a través da plantación de carballos, é sinónimo de crer nas vantaxes da natureza e os seus beneficios de cara á saúde humana e calidade, o benestar e a comodidade da estadía dos pacientes.

 

 
Neste senso, José González destacou a importancia de mellorar o medio rural, a Galicia Verde, e por iso destacou que a Consellería está traballando na creación e a regulación dun rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas, “as cales non deixan de representar masas de vida”, matizou. Así mesmo, lembrou que recentemente se publicou no Diario Oficial de Galicia o decreto que regula este rexistro, co obxectivo de mellorar a conservación e posta en valor destas masas.
 
Hospital innovador
Remata así o programa de actos celebrados nos últimos meses baixo o lema “30 anos coidando da túa saúde, 30 anos coidando de ti”, para conmemorar  este aniversario, entre os que cabe subliñar a exposición “A Vida do Hospital”, que recolle os principais fitos da historia do Meixoeiro, e una mostra artística dos profesionais da sanidade pública da área sanitaria de Vigo.
 
O Hospital do Meixoeiro abriu as súas portas o 30 de novembro de 1989 con 68 camas e 2 quirófanos. Os primeiros tres pacientes ingresaron o 11 de decembro. Foron operados nos seguintes días polo xinecólogo Ángel de la Orden e o urólogo Juan Mata. Desde xaneiro de 1990, incorporáronse os distintos servizos e especialidades clínicas. En novembro dese mesmo ano abriu o Servizo de Urxencias.

 

Un ano despois da súa apertura, o 31 de decembro de 1990, produciuse un feito histórico para a sanidade galega, co traspaso das transferencias do Insalud á Comunidade autónoma de Galicia.

 

 

 

O Meixoeiro naceu cun enfoque distinto do resto dos hospitais da época, xa que a súa filosofía consideraba ao usuario como o eixo fundamental da actividade hospitalaria. Para iso, tomáronse unha serie de iniciativas para reforzar a atención hostaleira e mellorar a calidade dos servizos. Unhas actuacións que lle valeron conseguir o título de “hospital innovador”, por ser o primeiro hospital de España en ofrecer menú á carta e a prensa diaria aos pacientes -na bandexa do almorzo entregábaselle un caravel, o que lle valeu o sobrenome de “Hospital dos caraveis”-.

 

 
Foi tamén o primeiro hospital en dotar ás habitacións con televisión e teléfono, en ter un servizo de azafatas e pioneiro na introdución das novas tecnoloxías acadando unha completa informatización.
 
Unha referencia asistencial
Desde a súa apertura ata hoxe, o hospital experimentou innumerables cambios estruturais, organizativos, asistenciais e tecnolóxicos, ata consolidarse como un centro hospitalario de primeiro nivel, con prestacións de alta calidade técnica e humana, e de referencia nacional no emprego de determinados procedementos diagnósticos e terapéuticos.
 

 

A apertura do Álvaro Cunqueiro, en 2015, marcou un punto de inflexión na atención asistencial con motivo da reordenación integral da área Sanitaria de Vigo, na que o Meixoeiro desempeña, desde entón, un papel fundamental, orientado fundamentalmente á cirurxía ambulatoria e de curta estancia -sendo  o maior centro de Galicia especializado nesta modalidade cirúrxica- asi como a atención do paciente crónico de idade avanzada e pluripatolóxico.

 

Neste tempo, no Meixoeiro ingresaron 332.000 pacientes, realizáronse 315.000 intervencións, e atendéronse 7,5 millóns de consultas e 1,3 millóns de urxencias.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss