ALMUIÑA ANUNCIA QUE POR PRIMEIRA VEZ DENDE 2006 HABERÁ SERVIZO DE PEDIATRÍA NO HOSPITAL DE VERÍN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
29 01 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, reafirmou hoxe no Parlamento de Galicia que o vindeiro día 3 de febreiro restablecerá o servizo do paridoiro do Hospital de Verín.  Por primeira vez, dende o ano 2006, vai haber un servizo de pediatría dentro do hospital, incorporado como servizo hospitalario, logo de que desaparecera na época do bipartito.

A escaseza de pediatras é un problema común en toda España. En consecuencia existe dificultade na contratación de pediatras substitutos xa que non hai profesionais en paro nesta especialidade. Galicia aposta polo modelo de atención pediátrica especializada nos centros de saúde. Cómpre sinalar que a cobertura da asistencia por pediatras na comunidade galega é de case un 90%, é dicir, do total de prazas, o 90% están cubertas por especialistas en pediatría, fronte ao 50% doutras comunidades autónomas.

 

Lembrou Almuiña que o distrito sanitario de Verín está sen servizo de pediatría hospitalaria dende 2006, polo que contou sempre cunha garda localizada de pediatras para atender aos partos. Os 2.136 nenos en idade pediátrica do Distrito de Verín estiveron atendidos, coma sempre nos centros de saúde de luns a venres e as fins de semana e festivos no PAC verinés. Verín conta con 3 pediatras, con 712 nenos por pediatra, unha das  mellores ratios de Galicia e teñen de referencia para a atención hospitalaria ao servizo de Pediatría do Hospital Universitario de Ourense.
O conselleiro quixo destacar que malia as dificultades derivadas da  cobertura de postos en determinadas especialidades e que afecta a todo o Estado, a carteira de servizos do Hospital Público de Verín é ampla e está adaptada ás características demográficas da poboación. Así referiuse a especialidades como Nefroloxía, Oncoloxía (máis de 350 pacientes estanse a tratar actualmente en Verín), Dixestivo, Cardioloxía e Neuroloxía, entre outras que completan a carteira de servizos básica do hospital verinense (Medicina Interna, Traumatoloxía, Cirurxía Xeral e Dixestiva, Radioloxía, Xinecoloxía ou Urxencias).
     
Aposta polos hospitais comarcais
No transcurso da súa intervención parlamentaria, Jesús Vázquez Almuiña insistiu no compromiso da súa Consellería cos hospitais comarcais galegos. Segundo afirmou, a Lei da Saúde garante a blindaxe dos comarcais, ao crear os distritos sanitarios, xa que se configurou unha estrutura que permite gañar en equidade e proporcionar servizos complexos nestes centros. Deste xeito evítanse os desprazamentos dos pacientes e achégase a atención aos seus lugares de residencia.
Referiuse así Almuiña á implantación do modelo de xestión integrada do Sergas, que mediante unha mellor coordinación de recursos e persoal, permitiu que por exemplo os pacientes de Verín e Valdeorras evitaran miles de viaxes a Ourense para consultas o probas de especialidade como Cardioloxía, Dixestivo, Endocrinoloxía, Neuroloxía, Oncoloxía Médica e Reumatoloxía,. Todos estes servizos estaban tradicionalmente fora da carteira dos  comarcais, e  ata hai pouco só se ofertaban no Hospital Universitario de Ourense.
No caso concreto do hospital verinés, Almuiña destacou que se aumentou o persoal, pasando de 254 a 298 profesionais. Así pasouse de 37 a 39 médicos, de 179 a 208 prazas de persoal sanitario e de 34 a 49 de persoal non sanitario. Os directivos, pola contra, diminuíron de 4 a 2.
    
No referido a actividade asistencial, para os 26.000 habitantes do distritos, supéranse os 2.500 episodios de hospitalización, as 2.000 intervencións cirúrxicas, as 65.000 consultas e as 13.000 urxencias, con demoras globais que están entre as máis baixas, xa non só de Galicia, senón no conxunto do Sistema Nacional de Saúde, e cun nivel de satisfacción da cidadanía sobresaínte. En canto aos resultados no balance de listas de espera de 2019 no Hospital de Verín reflicten unha media de acceso a consultas de 30 días e de 31 para intervencións, con demora cero en prioridade 1, aquelas que se corresponden coas patoloxías mais graves.

 

Polo que atinxe ás infraestruturas, o conselleiro referiu que xa está licitado, por un importe de 156.903 €, o proxecto básico e de execución da ampliación de urxencias € do Punto de Atención Continuada e actuacións de mellora de eficiencia enerxética por un importe de 156.903 €.  O investimento previsto para estas actuacións é arredor de 3 M€. Ademais xa está executada a obra para a nova base do 061 no Hospital, cun orzamento de 20.000 € aos que hai que engadir outros 16.000€ para unha mesa de partos.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss