AS CONSULTAS DE PEDIATRÍA TRASLÁDANSE DENDE O PRIMEIRO Ó TERCEIRO ANDAR DO HOSPITAL NAVAL DO CHUF
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
10 02 2020

As consultas externas de Pediatría realizaranse no terceiro andar do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, a partir do vindeiro luns 10 de febreiro. Estes días estase a facer o traslado dende o primeiro ó terceiro andar do mesmo edificio hospitalario. As atencións realizaranse cos mesmos servizos e distribución que tiñan no emprazamento anterior. A área está preparada para os nenos e nenas con catro consultas médicas, dúas de enfermaría, e unha sala polivalente para a atención da poboación infantil da área sanitaria ferrolá.
Este traslado de pediatría é unha das tres actuacións que faltaban para dar por pechada a Fase 0, xunto coa Cociña provisional e a adecuación do antigo edificio de Marinería. Así, agora, desta Fase 0 só quedaría o traslado da Cociña dende o Hospital Marcide ó novo emprazamento provisional creado especialmente para albergar este servizo mentres duran as obras da Fase 1 no Hospital Arquitecto Marcide. Esta obra está xa pechada e se están a ultimar os detalles necesarios para o traslado. E, outra das tres últimas actuacións da Fase 0, que se rematará tamén nestes días, é a mencionada adecuación de Marinería, que se entregará en breve e permitirá este mesmo mes comezar xa cos traslados necesarios para baleirar espazos que faciliten traballar na Fase 1 xa en marcha.
Fase 0 case pechada
Recordar que a Fase previa 0 supuxo importantes cambios como a actuación sobre o citado edificio antigamente destinado a Marinería no Hospital Naval, que se iniciaba o pasado setembro e no que se investían un total 376.690,80 euros. Construíuse o novo Laboratorio de Anatomía Patolóxica do Hospital Naval, xa en marcha, o que permitiu liberar espazos do Marcide e mellorar considerablemente esta prestación. As novas instalacións case triplican o espazo do anterior, e aumenta a capacidade de procesado e redúcense os tempos de resultado. Esta obra supuxo un investimento de 1.088.499,30 euros.
Activouse tamén a Lavandaría definitiva no Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario que irá neste hospital de xeito definitivo. Lembrar que esta Lavandería abastece a toda a área sanitaria ferrolá, non só ó Complexo. Investíronse un total de 2.784.334 euros, incluíndo a máis completa instalación e a posta en marcha dos servizos correspondentes. E, xunto co dito, trasladáronse os novos vestiarios dende o andar baixo á segunda do Hospital Naval, para deixar os espazos dispoñibles para acometer as obras para a Lavandería definitiva e a Cociña Provisional.
Fase 1 xa activa
No marco do Plan Director, as máquinas xa están a traballar hai semanas no entorno do Hospital Arquitecto Marcide. Son os traballos da Fase I que xa se activou en paralelo a eses últimos pasos a piques de rematar da Fase 0, e na que se investirán ó redor de 50 millóns de euros do total dos 130 previstos para a completa execución do plan. A primeira fase  implica a construción de dous novos edificios. Xa se están a facer os accesos e a creación dunha variante da vía, paralela á actual, para facilitar o fluxo interno de tráfico no interior do recinto durante as obras. Establécese unha rampla unidireccional de saída para axilizar o tráfico interno. A súa saída é pola parte inferior da parcela do hospital. Ó finalizar as obras, esta zona será a destinada a área reservada para subministracións do hospital, por onde se xestionará tanto a entrada de subministracións como a retirada de residuos do Hospital.
No caso das accións previstas no Naval, e xa en Fase 1, o cambio de Pediatría destes días ó terceiro andar deixa espazos para o Hospital de Día Onco-Hematolóxico provisional, que tamén ten que se mover do Marcide para actuar nos espazos que ocupa actualmente. Xa se comeza con esa obra de inmediato tras este traslado de Pediatría. En paralelo, xa se está a traballar no tamén provisional Laboratorio de Microbioloxía no Hospital Naval. Tanto o Hospital de Día Onco-Hematolóxico como Microbioloxía volverán ó Marcide trala construción do novo edificio asistencial.
Dende a Área Sanitaria de Ferrol, pídese comprensión para as posibles incomodidades que unha obra desta entidade poida causar; e agradece a colaboración que están a ofrecer os e as profesionais da área en cada un destes cambios.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss