O NÚMERO DE PACIENTES QUE FORON INTERVIDOS CIRÚRXICAMENTE NA ÁREA SANITARIA DE A CORUÑA E CEE AO LONGO DO ANO 2019 ASCENDEU A 40.779, 2.556 MÁIS QUE NO ANO 2018
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
10 02 2020

Ó longo do pasado ano realizáronse nos quirófanos da Área Sanitaria de A Coruña e Cee 40.779 intervencións cirúrxicas, 2.556 operacións máis que no ano 2018. Con este aumento da actividade cirúrxica conseguiuse reducir o tempo medio de espera en preto de 7 días.

Só no CHUAC o número de intervencións cirúrxicas realizadas ascendeu a 37.091. En canto á actividade desenvolvida nos quirófanos do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee ascendeu ás 3.688 intervencións cirúrxicas, 332 máis que no mesmo período do pasado ano.
Por outra banda, o tempo medio de espera para os pacientes con patoloxía de prioridade 1 á espera dunha intervención cirúrxica cerrouse con 15 días, cifra moi por debaixo do obxectivo establecido en 30 días.
 
Área de consultas externas
O número de consultas externas realizadas na Área Sanitaria da Coruña e Cee, ascendeu a 817.942 consultas, case 41.889 consultas máis que no mesmo período do ano anterior, reducíndose o tempo medio de espera para primeira consulta en 7 días.
No CHUAC, ao longo do ano 2019, realizáronse un total de 752.967 consultas, 40.710 consultas máis que no ano 2018.
No Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, ao longo do ano 2019, realizáronse un total de 64.975 consultas, 1.179 consultas máis que no ano 2018.
O número de consultas de telemediciña (e_consultas) realizadas entre atención primaria e atención hospitalaria ao longo do pasado ano ascendeu a 26.231, o que supón 3.736 consultas máis que no mesmo período do ano 2018.
 
Actividade centros Atención Primaria
O número total de consultas realizadas polos distintos profesionais que desenvolven a súa actividade nos centros de atención primaria da Área Sanitaria de A Coruña e Cee ascende a 5.051.907, o que supón preto de 14.000 consultas diarias.
Do total das consultas realizadas, 4.387.160 corresponden a consultas presenciais e 523.562 son consultas telefónicas.
O número de atencións realizadas nos PAC´s ao longo do pasado ano ascende a 400.533.
 
Ingresos hospitalarios
O número de ingresos realizados no CHUAC ao longo do ano 2019 foi de 42.473, o que supón 542 máis que no mesmo período do ano 2018, reducíndose a estadía media en 0,1 días.
Con respecto ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee o número de ingresos realizados en 2019 ascende a 2.624, cifra similar á do ano 2018, manténdose tamén a estadía media en parecidos parámetros.
 
Área de urxencias
O número de persoas atendidas nos servizos de urxencias do CHUAC ao longo do ano 2019 acadou as 183.439, 6.352 máis que no mesmo período do pasado ano.
O número de urxencias atendidas o pasado ano no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee foi  lixeiramente superior ao 2018, 17.170 fronte ás 16.288.
 
Vías rápidas
Con respecto ás vías rápidas, o tempo medio para acceder a elas atópase moi por debaixo dos 15 días que é o parámetro establecido polo SERGAS. A de cancro de pulmón está en 5 días, a de cancro de próstata en 10 días, a de cancro de mama en 8 días, a de cancro de vexiga en 9,8 días, a de cancro colorectal en 6,4 días, a de melanoma en 6,5 días, e a de cancro de cabeza e colo en 7,3 días.
 
Probas diagnósticas
En canto á actividade realizada polo servizo de radiodiagnóstico do CHUAC, cabe resaltar que o número de estudios realizados mediante TAC incrementouse en 2.314 o que permitiu reducir o tempo medio de espera a 65 días.
No caso das probas de radioloxía convencional estas incrementáronse en máis de 7.500 con respecto ao pasado ano. De igual xeito aumentouse o número de probas de RNM acadando as 16.370.
En canto ao número de probas diagnósticas realizadas no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, o aumento da actividade permitiu reducir os tempos medios de espera. O número de estudos realizados mediante TAC foi de 4.654, o que supón un incremento de 292 máis con respecto ao ano 2018. De igual xeito aumentouse o número de probas de RNM (resonancia magnética) en máis de 434, pasando das 1.677 ás 2.111.
 
Outros datos
Os datos acadados no CHUAC no período comprendido entre xaneiro e decembro de 2019 complétanse cos 2.182 partos atendidos neste período de tempo, 190 menos que os atendidos en 2017.
Os datos acadados no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee no período comprendido entre xaneiro e decembro de 2019 complétanse cos 174 partos atendidos neste período de tempo, 1 menos que os atendidos en 2018.
No referido á prescrición farmacéutica electrónica tamén se cumpriron os obxectivos establecidos, aumentando do 99,59% ao 99,66%
 
Obxectivos e liñas de traballo
Entre os obxectivos que se plantexou a Xerencia da Área Sanitaria de A Coruña e Cee de cara a este ano están, entre outros, a mellora dos procesos asistenciais integrados e as vías rápidas como a do melanoma; o proceso dos pacientes crónicos; así como avanzar na integración asistencial mellorando a comunicación entre atención primaria e atención hospitalaria, traballando na realización de actividade non presencial mediante a utilización das TIC´s que permiten que o paciente reciba a atención no seu domicilio, continuar a potenciar os programas de telemedicina, e seguir fortalecendo a relación entre o CHUAC e o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.
 
Agradecemento aos profesionais
A Xerencia da Área Sanitaria de A Coruña e Cee seguirá durante este ano traballando para mellorar a actividade asistencial dos seus centros e agradece aos seus profesionais a labor que están a desempeñar para acadar tal fin. Sen o seu traballo, esforzo, implicación e compromiso non sería posible. Nestes días facer unha mención especial ao persoal de urxencias.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss