O SERGAS PUBLICA A RELACIÓN DE ASPIRANTES SELECCIONADOS NO CONCURSO OPOSICIÓN DE VARIAS CATEGORÍAS DE PERSOAL ESTATUTARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
19 02 2020

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución pola que se fan públicos os acordos dos tribunais relativos á baremación definitiva da fase de concurso e a relación dos aspirantes seleccionados no proceso selectivo para o ingreso nas categorías de: celador, enfermeiro e grupo auxiliar da función administrativa.

Resultaron seleccionados na categoría de enfermeiro un total de 830 aspirantes, na de grupo auxiliar da función administrativa 209 e na de celador un total de 390 aspirantes, dos cales 30 corresponden a prazas reservadas a persoas que acreditaron unha discapacidade intelectual.

O 9,45 % dos aspirantes definitivamente seleccionados accederon por promoción interna; o 85,85% son mulleres e o 93,84% xa están a desenvolver as súas funcións no Sergas con carácter temporal. Proceden doutro servizo de saúde o 0,7% dos aspirantes seleccionados e o 26,17% teñen menos de corenta anos.

As listas coa puntuación definitiva da fase de concurso atópanse publicadas, por orde de puntuación e quenda de acceso, ao dispor dos usuarios na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o resultado da baremación definitiva pode ser consultado no apartado de procesos en FIDES/expedient-e.

Coa publicación desta resolución ábrese o prazo dun mes, que finaliza o próximo 20 de marzo, para que os aspirantes seleccionados presenten a seguinte documentación:


•Declaración de non ter sido separados do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis meses anteriores á convocatoria, nin estar inhabilitados para o exercicio de funcións públicas nin para a correspondente profesión.

•Certificado médico oficial acreditativo da capacidade funcional para o desempeño das funcións propias da categoría.

•Certificación do Rexistro Central de delincuentes sexuais dependente do Ministerio de Xustiza de non ter sido condenado por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual ou autorización escrita ao Servizo Galego de Saúde para consultar os datos contidos no citado Rexistro e solicitar no seu nome a oportuna certificación; documentación exixida por imperativo da Lei 26/2015, do 28 de xullo.

•Declaración xurada ou promesa de non ter a condición de persoal estatutario fixo da mesma categoría/especialidade noutro servizo de saúde.

Co obxecto de facilitar a súa presentación, porase a disposición dos aspirantes, na páxina web do Servizo Galego de Saúde no apartado de emprego público, os modelos de declaración responsable e autorización requiridos nesta resolución.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico onde os aspirantes poden dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss