PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL SON FINALISTAS EN CATRO DAS TRECE CATEGORÍAS DOS PREMIOS Á SANIDADE GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
19 02 2020

Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol son nominados en catro das trece categorías que establecen os IV Premios á Sanidade Galicia, organizados por Sanitaria 2000 e Redacción Médica. A elección dos gañadores entre as distintas candidaturas producirase mañá xoves 20 de febreiro pola tarde nun acto en Santiago de Compostela. Segundo indican dende Redacción Médica, estas mencións “son unha homenaxe a profesionais da sanidade galega; e o obxectivo é recoñecer iniciativas de interese, as boas prácticas, e as traxectorias destacables do sector”. As candidaturas teñen sido seleccionadas por un comité editorial de redacción médica; e a decisión final sobre o destino de cada un dos galardóns recae nun xurado integrado por personalidades do ámbito sanitario a nivel nacional.
 

Menciónase á Área Sanitaria de Ferrol como área en si; e o láser de alta potencia para fragmentar cálculos urinarios do Servizo de Uroloxía como achega tecnolóxica. Especial protagonismo teñen as accións enfermeiras, coas candidaturas dun estudo sobre técnicas de curación de feridas e o traballo de identificación dos fármacos máis habituais nas emerxencias, traballos que xa foron premiados en foros sanitarios especializados.
 

Outra das nominacións na sección Acción Enfermeira é o proxecto Nursing Now Galicia, liderado polos catro colexios de enfermaría e un grupo de profesionais, entre os que están o director de Enfermaría da Área Sanitaria de Ferrol, Luis Arantón; e a subdirectora de Enfermaría, Isabel Campos. Este grupo está a traballar, neste ano 2020, dedicado á profesión enfermeira e ás matronas, en distintas accións que visualicen o traballo da Enfermaría, e que acaden os obxectivos principais do proxecto como son o desenvolvemento formativo ou innovación na Enfermería, entre outros.
 

Fragmentación de cálculos urinarios
O Servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol incorporaba o pasado ano o Láser Holmiun de alta potencia (65 vatios), unha fonte de enerxía empregada principalmente para a fragmentación de cálculos urinarios. Este láser emprégase na realización das técnicas de tratamento da litiasis (pedras no ril) e algúns casos moi definidos de tumores do tracto urinario. A endouroloxía é unha unidade da Uroloxía que consiste no acceso para o estudo e tratamento das patoloxías do tracto urinario superior (uréteres e ril) de forma retrógrada (indo dende a vexiga cara arriba polos uréteres) a través dos orificios naturais (uréteres), ou ben mediante o acceso renal percutáneo, anterógrado. Este acceso é por un orificio de cinco milímetros aproximadamente no costado, a través do que se accede para eliminar cálculos de gran tamaño, algúns incluso como o tamaño do propio ril.
 

A patoloxía más frecuente do tracto urinario superior que se trata con esta técnica é a litiasis, polo que a maior parte dos procedementos realizados sobre o tracto urinario superior mediante acceso endourolóxico están dirixidos a tratar cálculos urinarios. Na área sanitaria ferrolá trátanse uns 100 pacientes ó ano con cálculos urinarios. O Servizo de Uroloxía empregaba estes procedementos endourolóxicos no ámbito diagnóstico, e os pacientes con patoloxías subsidiarias de emprego do láser holmiun eran tratados fundamentalmente por cirurxía laparoscópica. A incorporación desta tecnoloxía permitiu realizar xa os procedementos terapéuticos, evitando a cirurxía aberta ou laparoscópica, ó dispor dun mecanismo de fragmentación dos cálculos como é este novo láser de alta potencia. Supuxo incorporar maior eficacia e seguridade ó proceso. Son dúas, entre outras, as grandes vantaxes, por unha banda, que é o paradigma das técnicas minimamente invasivas neste ámbito; e, por outra banda, que é altamente resolutiva.
 

Realízase o tratamento coa mínima invasión xa que se empregan os orificios naturais, e non queda rastro da intervención; e, ademais, é tremendamente eficaz pois permite a eliminación da totalidade dos restos previamente fragmentados. A estas dúas vantaxes súmanse as inherentes a calquera técnica minimamente invasiva para o paciente, redución da estancia hospitalaria, minimización da necesidade de analxesia postoperatoria, ou rápida incorporación á vida social e laboral da persoa. Ademais da endouroloxía descrita, o láser holmium emprégase tamén para o tratamento dos cálculos vesicais, que ata ese momento se estaban a tratar con cirurxía aberta; e tamén é posible o seu emprego nunha porcentaxe de casos seleccionados de tumores de tracto urinario superior (uréteres e ril), segundo un determinado tamaño, localización ou características do tumor é posible este tratamento endourolóxico conservador sen necesidade de extirpar o ril.
 

Enfermaría, feridas e fármacos
As nominacións na categoría de Accións Enfermeiras son traballos xa premiados noutros foros especializados. Destacan nestes IV Premios á Sanidade Galicia o traballo das enfermeiras residentes Patricia Torres Álvarez e Jéssica Seco Franco, e a súa titora Elena Quintela Varela, Utilización da osixenoterapia hiperbárica na curación das feridas. Revisión bibliográfica narrativa. Estas profesionais de Enfermaría dos centros de saúde de Narón e Caranza revisaron un total de 1.223 artigos relacionados con esta modalidade terapéutica, dos que seleccionaron 45 que cumprían os criterio de inclusión. E, unha vez realizada a lectura detallada dos mesmos, incluíron 14 artigos que contiñan información de relevancia para o obxecto do estudo que era coñecer o emprego da osixenoterapia hiperbárica no tratamento das feridas.
 

Concluíron que non hai moita bibliografía nacional, case toda é do ámbito anglosaxón, neste eido. Partían da base de que “as feridas crónicas con dificultades de curación son un problema realmente significativo no mundo industrializado. O proceso de cicatrización é complexo e implica a múltiple mediadores, entre eles o osíxeno”. A osixenoterapia hiperbárica é unha modalidade de tratamento no que a persoa respira osíxeno a unha concentración do 100% mentres está exposto a un incremento da presión atmosférica. Esta terapia constitúe un elemento para manter “unha osixenación óptima a nivel tanto micro como macrocirculatorio”, expoñen. Recoméndase no tratamento dalgunhas úlceras de pé diabético, úlceras isquémicas, e feridas seleccionadas con mala curación que non responden ó tratamento habitual.
 

Trala revisión bibliográfica narrativa mencionada, estas profesionais concluíron que “a osixenoterapia hiperbárica consolídase como unha terapia segura e fiable que pode ser beneficiosa á hora de reducir o tamaño da lesión e favorecer a curación da mesma, tanto en feridas agudas como crónicas”. Posúe acción antiinflamatoria e reduce o compoñente edematoso presenta en moitas lesións. Lembrar que a área sanitaria ferrolá conta cunha Cámara Hiperbárica para aplicación desta terapia que é referencia para o noroeste peninsular.
 

Por último, tamén é candidata a estes premios unha guía en formato póster que facilita a identificación e administración dos fármacos máis habituais nas emerxencias nun Punto de Atención Continuada. A Enfermeira Interna Residente, Patricia Torres Álvarez; e a súa titora, a profesional de Enfermaría do Punto de Atención Continuada de Narón, Marisa Freire Rivas, son as autoras deste estudo observacional, descritivo, e transversal. Estas profesionais partían da base de que “os erros de medicación e as súas consecuencias negativas constitúen un grave problema sanitario”, e que “a maioría dos fármacos de uso en emerxencias son de alto risco polo que se fai prioritario controlar a súa seguridade clínica potenciando os protocolos de identificación e administración correcta, que reduzan a variabilidade clínica e melloren a seguridade asistencial”.
 

Estas dúas profesionais revisaron ata 181 documentos que cumprían cos obxectivos do estudo, e valoraron os fármacos dispoñibles, para o que consultaron as referencias bibliográficas e descritores existentes para valorar todos eses elementos de emprego habitual. A guía final foi revisada polo Servizo de Farmacia da área ferrolá. Seleccionaron un total de 36 medicamentos e os clasificaron por cores en seis familias farmacolóxicas, de acordo co seu uso cotiá, e relacionadas coas cinco vías de administración máis comúns. Empregaron para esta clasificación o formato visual de guía póster, manexable en varios tamaños, e que xa está dispoñible no centro de saúde e no PAC.
 

Esta guía “facilita a identificación e a administración de fármacos de emprego máis habitual en emerxencias”, e é “útil tanto para profesionais, como alumnos de pregrao e especialistas en formación, por ser un recurso didáctico e pedagóxico para a formación continuada debido ó seu tamaño reducido, a manexabilidade, a simplicidade e a síntese de coñecemento sobre estes fármacos de alto risco”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss